ISIUS presenta o seu disco de debut en Vigo
abril 11, 2019
A sala La Fábrica de Chocolate de Vigo acollerá mañá venres 12 a presentación en concerto do álbum debut de ISIUS, Songs from Everywhere (Ernie Records, 2019). Tras dous temas de adianto (Moving On e The Hollow Side) saía o pasado 1 de marzo en plataformas dixitais o álbum completo con sete temas, todos eles cantados en inglés e compostos por José Viqueira (ex- Free Serena) a metade do proxecto ISIUS xunto a Nuria Moreu. Para defender o traballo en directo contan con Eduardo Romero (baixo), Carlos Gil (guitarra) e Alberto Iglesias (batería). Os temas de ISIUS parten das vivencias da parella e son un retrato sonoro do seu devir vital, unha crónica de varios anos e experiencias compartidas. Para iso a banda usa un repertorio de composicións propias que nos sitúa nos ecos do folk-rock americano, a discográfica apunta referencias como Death Cab for Cutie ou Nada Surf e serían de engadir outras como Nick Mulvey, The Oh Hellos e, xa máis cerca, Pajaro Sunrise. O "mapa sonoro" como crónica das vivencias da parella preséntase á prensa xa delimitado e sinaladas as fases: o paso da parella por Madrid (The Hollow Side, GWG, Chasing Time), Holanda (Moving On, De Pijp), o regreso a Galicia e nacemiento da súa filla (Ana's Lullaby). A gravación e produción do disco levouse a cabo no estudio do produtor Paco Loco en Cádiz coa batería de Rafa Camisón e a participación de numerosos músicos que pasaron pola casa durante a gravación. Despois desta presentación a banda estará o vindeiro día 18 actuando de abreconcertos para os escoceses Teenage Fanclub na Sala Capitol de Santiago de Compostela.