Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Grand Soul Band vira a un rock máis escuro no seu terceiro traballo discográfico
Xénero: | 8 / 6 / 2018
O pub Boulevard, en Fisterra, acolle esta noite o concerto de presentación do novo álbum de Grand Soul Band. A banda de Santa Comba dá un xiro cara ao grunge desde o seu rock de guitarras en From Here to Eternity, o seu terceiro traballo. Os estudios de Paco Loco no Porto de Santa María (Cádiz) acolleron a gravación dos dez temas do álbum, nos que a guitarra mantén o seu protagonismo e o conxunto crea atmósferas traballadas e máis escuras do que en traballos anteriores.
Roberto Sobrado Grupo sacan 'Proletarios do Rock and Roll'
Xénero: | 7 / 5 / 2018
O veterano músico Roberto Sobrado ven de presentar o seu novo traballo discográfico acompañado do seu grupo. Proletarios do Rock and Roll (Autoeditado) é un traballo de obreiros de base roqueira. Un disco con sete temas propios e novos e máis cinco versións no que se deixa sentir o imaxinario desta banda encabezada por Sobrado, un músico con más de vinte anos sobre o escenario e con cinco discos previos editados. Agora nun grupo, cunha banda renovada na sección rítmica e onde o saxo e a voz cobran máis protagonismo ca nunca, xunto a Germán da Ponte (saxo), Euxenio (batería) e Nuno Pico (baixo), volven á estrada e ao minimalismo do rock de furgoneta e sesión de ensaio nos garaxes para crear este son máis roqueiro, con calado social. O disco xestouse ao longo de meses en sesións de gravación na Sala Moon, no local de ensaio e en Bungalow estudios. O investimento económico para sácalo baseouse nun método de apoio popular con prerreserva do CD.
Mega Purple Sex Toy Kit volve a primeira liña con disco longo
Xénero: | 19 / 4 / 2018
Mega Purple Sex Toy Kit é unha banda que precisa presentación a pesares dos seus anos de traxectoria e máis se temos en conta que o disco que este ano presentan Good Vibrators (Roctopus Tea Party records, 2018) é o seu primeiro longa duración cando pasaron máis de catorce anos desde a súa formación. Á hora de denominar a Mega Purple Sex Toy kit as definicións basculan entre "grupo maldito" e "superbanda" o cal xa nos dá unha referencia de que estamos ante un proxecto moi especial desde o minuto un. Pero é que ademais é unha das bandas imprescindibles no que a psicodelia se refire no panorama musical galego.
Loro Facu e Free Riders, dupla ración de festivais en Miño
Xénero: | 20 / 3 / 2018
Este verán Miño será sen dúbida o concello festivaleiro por excelencia. Co mesmo emprazamento, nunha área triangular xunto á Praia Grande de Miño, a localidade coruñesa terá dous festivais, un a finais de xullo e outro en agosto. Seguindo unha dinámica de crecemento, o Festival Loro Facu anunciou un cartel para tres días seguidos, do 27 ao 29 de xullo, para o cal ademais pasa de celebrarse no porto a facerse xunta a praia nunha zona máis grande, cunha área de acampada integrada e cun programa de actividades moito máis amplo. O sitio é o mesmo no que xa o pasado ano o festival Free Riders, de motos e música, fixo a súa primeira edición e este ano repite entre o 23 e 26 de agosto. O cartel do Loro Facu preséntase xa completo con 19 actuacións entre os seus dous escenarios. O FIV de Vilalba tamén ven de pechar cartel o 17º Ribeira Sacra fixo novas confirmacións.
Luz Casal refresca o seu rock en 'Que corra el aire'
Xénero: | 6 / 3 / 2018
Luz Casal publica un novo disco Que corra el aire(Warner Music) xa á venda e no que refresca o seu son respecto aos anteriores discos. A artista de Boimorto tirou da escena musical independente para rodearse de músicos e escolleu ao coñecido produtor Ricky Falkner que está detrás de moita da música máis coñecida do indie español (Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Sidonie e Quique González entre outros) para darlle forma sonora a este traballo. O vigués Eladio Santos, de Eladio y los Seres Queridos, asina xunto a Casal La única verdad, un dos once temas do disco. Luz dedica outro dos temas do disco ao seu pai, que aínda cantado en castelán ten o título en galego: Meu pai. Segundo Luz Casal, o título do álbum e da canción que que se abre, Que corra el aire, remite a unha "sensación pracenteira" que ten ao volver a casa e que "entronca co que algúns consideran o meu pasado e que para min é o presente", di a artista nunha clara referencia á relación da súa traxectoria cun son máis achegado ao rock que neste traballo pode recoñecerse claramente. A xira de presentación do disco dará comezo este mesmo mes e o día 17 estará actuando no Auditorio Mar de Vigo e o 24 deste mes no Pazo da Ópera da Coruña.
Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar
Xénero: | 5 / 3 / 2018
Con orixe melidá e composición maioritariamente feminina, Cuarta Xusta presenta na casa o seu primeiro disco. O Pub Gatos acolle este 10 de marzo ás 23:59 horas o primeiro concerto da xira de Un novo espertar. O álbum achega oito temas propios de rock aderezado con violín e toques de ska coa intención de "berrar con música as inxustizas que nos rodean" da man de Aida López (cantante), Marta Sánchez (guitarra e violín), Lúa Aguete (batería), Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo). Canda a eles, unha chea de colaboracións coma as de Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus, algúns dos cales estarán presentes no concerto de inauguración.
Ith presentan o seu segundo disco 'O mínimo que o contén todo'
Xénero: | 1 / 2 / 2018
Tres anos despois do seu primeiro álbum Forte (2015), a banda de rock de Mesía, Ith, ven de sacar un novo traballo que xa está á venda na Fnac e no Corte Inglés, e tamén pode conseguirse contactando directamente con Ith. Co título O mínimo que o contén todo, os Ith ofrecen seis temas de composición propia, así como un poema musicado do poeta samanense Fiz Vergara Vilariño nun disco gravado, producido e mesturado en Abrigueiro Estudios (Friol - Lugo) por Arturo Vaquero. En O mínimo que o contén todo a banda -Lucía, Miguel, Toxo, Gonzalo e Folgueira- segue a manter o espírito de facer rock galego e en galego, aínda que con novas ideas e sons que a banda quixo deixar plasmados nel. A temática das cancións vai dende a reivindicación social ata o máis puro sentimento e emoción. A primeira data coñecida da xira de presentación deste novo disco será o 17 Marzo, no Pub Óxido de Lalín, e a banda xa ten máis citas para os seguintes meses en outros locais.
O primeiro disco de Supernatural chega en dúas versións en castelán e inglés
Xénero: | 18 / 1 / 2018
Once temas de rock melódico compoñen o primeiro disco de Supernatural, a banda que compoñen Suso Valcárcel (batería), Daniel Lemos (baixo) e Fran Almodóvar (guitarra) e que conta como vocalista con Thais Rudiño, que acadou sona por participar o pasado ano no concurso televisivo La Voz. Como grande peculiaridade, este álbum de debut preséntase en dúas versións, unha cantada en castelán e a outra en inglés, cos títulos respectivos de Nada que fingir e Nothing to pretend. Segundo explica a banda, aínda que os temas son os mesmoas, as letras sofren prequenas variacións en cada lingua. O álbum, autoeditado, gravouse nos estudios Los Rosales en Madrid. A banda anuncia en Ribeira, o 9 de febreiro, o seu vindeiro concerto de presentación.
Propostas trasgresoras nacionais e internacionais para o cartel do Vº A Candeloria de Lugo
Xénero: | 24 / 11 / 2017
É a cita festivaleira máis temperá de cada ano e a cada edición consegue consolidarse máis e crecer. O festival A Candeloria de Lugo celebrará entre o 22 e o 24 de febreiro a súa quinta edición reunindo unha vez máis un interesante cartel de bandas de punk e rock das escenas internacional e nacional con presenza sempre de propostas galegas entre a súa selección e un carácter contestatario en moitas das súas propostas. A falta aínda de dúas bandas por anunciar xa son 20 os nomes confirmados durante esta semana para esta edición, a mítica banda británica GBH encabeza o cartel e con eles estarán outra coñecidas formacións como Dubioza kolektiv, Mafalda ou Narco ademais de Bala, Agoraphobia, Habelas Hainas, Aphonnic, Machina, Ses, O Puto Coro do exército Froilanista, True Mountains, Satanic Surfers, No Fun At All, As Punkiereteiras, Skama La Rede, CRIM, Huntza, Leo Arremecághona e Desakato. O festivasl xa leva vendias máis dun milleiro de entradas e o abono de 3 días + Acampada está dispoñible por 36€.
Víctor Aneiros cambia de ritmo e idioma no seu oitavo álbum
Xénero: | 20 / 11 / 2017
O guitarrista e compositor ferrolán Víctor Aneiros lanza ao mercado o seu último álbum, oitavo da súa carreira, baixo o título de Un extraño entre la multitud. O proxecto mostra unha nova faceta do artista que decidiu cambiar a melancolía blusera, por ritmos roqueiros máis dinámicos e a lingua galega, que caracterizaba ata o de agora as súas letras, polo castelán. Potentes riffs e punteos de guitarra de indiscutible calidade, como nos ten afeito Aneiros, caracterizan a volta do músico, que contou nesta ocasión coa colaboración do produtor Segundo Grandío.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


