Ith presentan o seu segundo disco 'O mínimo que o contén todo'
febreiro 1, 2018
Tres anos despois do seu primeiro álbum Forte (2015), a banda de rock de Mesía, Ith, ven de sacar un novo traballo que xa está á venda na Fnac e no Corte Inglés, e tamén pode conseguirse contactando directamente con Ith. Co título O mínimo que o contén todo, os Ith ofrecen seis temas de composición propia, así como un poema musicado do poeta samanense Fiz Vergara Vilariño nun disco gravado, producido e mesturado en Abrigueiro Estudios (Friol - Lugo) por Arturo Vaquero. En O mínimo que o contén todo a banda -Lucía, Miguel, Toxo, Gonzalo e Folgueira- segue a manter o espírito de facer rock galego e en galego, aínda que con novas ideas e sons que a banda quixo deixar plasmados nel. A temática das cancións vai dende a reivindicación social ata o máis puro sentimento e emoción. A primeira data coñecida da xira de presentación deste novo disco será o 17 Marzo, no Pub Óxido de Lalín, e a banda xa ten máis citas para os seguintes meses en outros locais.