Luz Casal refresca o seu rock en 'Que corra el aire'
marzo 6, 2018
Luz Casal publica un novo disco Que corra el aire(Warner Music) xa á venda e no que refresca o seu son respecto aos anteriores discos. A artista de Boimorto tirou da escena musical independente para rodearse de músicos e escolleu ao coñecido produtor Ricky Falkner que está detrás de moita da música máis coñecida do indie español (Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Sidonie e Quique González entre outros) para darlle forma sonora a este traballo. O vigués Eladio Santos, de Eladio y los Seres Queridos, asina xunto a Casal La única verdad, un dos once temas do disco. Luz dedica outro dos temas do disco ao seu pai, que aínda cantado en castelán ten o título en galego: Meu pai. Segundo Luz Casal, o título do álbum e da canción que que se abre, Que corra el aire, remite a unha "sensación pracenteira" que ten ao volver a casa e que "entronca co que algúns consideran o meu pasado e que para min é o presente", di a artista nunha clara referencia á relación da súa traxectoria cun son máis achegado ao rock que neste traballo pode recoñecerse claramente. A xira de presentación do disco dará comezo este mesmo mes e o día 17 estará actuando no Auditorio Mar de Vigo e o 24 deste mes no Pazo da Ópera da Coruña.