Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
O festival de jazz de Pontevedra engade o cine para celebrar o 25 aniversario
Xénero:
| 18 / 5 / 2017O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra celebra os seus vinte e cinco anos engadindo ás súa oferta musical un ciclo de cinema que irá quentando o ambiente musical da cidade durante o mes previo ao inicio dos concertos. A proxección o vindeiro 24 de maio da película de Louis Malle Ascensor para o cadafalso dará o pistoletazo de saída do ciclo Notametraxes, que aspira a reflectir algúns dos aspectos máis salientables da relación establecida entre o jazz e o cinema ao longo do século pasado. Cinco proxeccións compoñen o programa ata o 14 de xuño. Todas elas con música en directo a cargo do Seminario permanente de Jazz ao rematar o audiovisual e no caso das dúas derradeiras proxeccións o acompañamento en directo terá lugar durante as proxeccións de dúas películas dos anos 20 de Joris Ivens. As sesións terán lugar todas no Teatro principal de Pontevedra e serán de balde.
Leira Catro saca'Heroe' como tarxeta de presentación
Xénero:
| 3 / 5 / 2017Catro músicos de ampla traxectoria e experiencia con múltiples bandas e formatos xúntanse en Leira Catro para facer este primeiro disco Heroe, con Ana Leira como centro pola característica fundamental no jazz vocal que ofrecen e que ela manexa maxistralmente nos seus variados rexistros. O cuarteto (voz, piano, contrabaixo e batería) ofrece un repertorio de estándares de jazz, bossa nova e composicións orixinais. Neste primeiro traballo discográfico gravado en Estudios Bruar (A Coruña) Leira Catro pon sete temas, dos cales tres son orixinais da formación, compostos por Alfonso Calvo , contrabaixista do cuarteto. Calvo tamén forma parte de outras propostas como Alfonso Calvo Septet, Aló Django, Valentín Caamaño trío e Marcos Teira trio. Dous dos temas son en galego ( Dous e Oaky ), un en brasileiro, outro en castelán e tres en inglés. todos na voz de Ana Leira que tamén fai parte do grupo vocal Faltriqueira. A batería e percusións corren a cargo de Miguel Queixas, quen tamén forma parte de outras formacións como Nova Galega de Danza, Banda Crebinsky (que presentarán novo disco en breve) , Som do Ghalpóm, Borja Quiza Big band, Sleeping cat ou 3Azoteas. O pianista Iago Mouriño completa o cuarteto que presenta estes días Heroe (Autoedición) un tíutlo sacado da letra dunha das cancións do álbum, Joao e Maria, de Chico Buarque.
The Soul Jacket presenta 'VOL.III' o seu traballo máis sureño
Xénero:
| 13 / 3 / 2017The Soul Jacket VOL. III o novo traballo da banda viguesa xa está dispoñible en formatos dixitais e esta semana preséntase en concerto coincidindo coa súa saída en formato CD digipack e nunha edición limitada en vinilo. Once temas tras unha enigmática portada sen título nin referencia,cantados en inglés e gravados en directo nos estudios Guitar Town en Cantabria coa asistencia de Hendrik Rover como nos anteriores dous traballo da banda. O álbum foi masterizado nos estudios Golden Mastering de California. Neste VOL. III a banda achégase máis aos sons sureños do folk e blues americanos psicodelia e country rock, máis afastados de outras influencias funk que estaban presentes nos traballos anteriores. Á saída á venta do disco físico será o venres 17 de marzo en Discos Elepé e esa mesma noite comeza a xira de presentación en La Iguana Club onde estarán dúas noites tras das que irán facer un concerto en Londres. Será a finais de abril, o 28, cando volverán a estar en terras galegas actuando en Lugo, A Coruña, Santiago, Ferrol e Ourense presentando este novo traballo.
Xan Campos saca o seu cuarto disco
Xénero:
| 20 / 2 / 2017O selo pontevedrés Free Code Jazz Records ven de presentar o cuarto traballo do pianista Xan Campos. No disco ESD o músico conta coas guitarras de Virxilio Da Silva, Yoel Molina e Wilfried Wilde; a batería de Iago Fernández; os sintetizadores e o Rhodes a cargo do propio Campos. Nos seus nove temas ESD marca diferenza cos seus tres anteriores traballos (Ida e volta, 2007; Orixe Cero, 2011; Ectopía, 2014), e condúcenos a sons máis eléctricos, ao jazz rock e á psicodelia progresiva do anos 70. Grazas a unha campaña de achegas económicas pola rede Verkami o disco puido saír, ademais de en CD, nunha edición en vinilo. O disco gravouse en Copenhague en xuño de 2015 e trátase dun traballo autoproducido e autofinanciado. O traballo pode escoitarse a través da plataforma Bandcamp.
Álex Fernández presenta Brisa en Valencia
Xénero:
| 10 / 1 / 2017A discográfica Fresh Sounds publica Brisa o terceiro LP da carreira do batería cangués Iago Fernández. O que xa está considerado un dos mellores baterías de jazz do Estado inclúe nesta ocasión na súa formación a Enrique Oliver, Wilfried Wilde e Reinier Elizarde, aos que se suman Zé Pedro Coelho, Xan Campos e Inês Sousa. Entre todos achegan nove temas novos dos cales son da súa propia autoría. Canda a eles, gravou When I Fall in Love de Victor Young, Conception de George Shearing e Everything I Love de Cole Porter. A sala Jimmy Glass de Valencia será a primeira parada na xira de presentación, na que Fernández se acompaña de Javier Vercher ao saxo, Wilfried Wilde á guitarra, e Demian Cabaud ao contrabaixo.
Primeiro disco en solitario do percusionista Miguel Lamas
Xénero:
| 18 / 11 / 2016O percusionista ferrolán Miguel Lamas, bregado musicalmente a moi altos niveis a pesares da súa xuventude (23 anos), saca estes días o que é o seu primeiro traballo asinado en solitario Melted Lives (Autoeditado). En concordancia co título no álbum fusiónanse con liberdade ao xeito de jazz fusión unha amalgama de estilos como funk, jazz, rock, flamenco e incluso sonoridades da música de cine. En total dez temas, dous deles con títulos en galego - A Espera Dos Acontecementos; A Púa Entre Os Dentes- todos menos un compostos por Iago Mouriño e Sergio Delgado. O disco presentarase en concertos acompañado en directo dos músicos cos que forma o Miguel Lamas Quartet e cos que contou tamén para a gravación, Iago Mouriño (piano), Pablo Añón (saxo e efectos) y Octavio Vargas (baixo). Xunto a eles Lamas ten crecido e desenvolvido parte da súa carreira musical desde os seus comezos.
O V Festival de Jazz&Blues de Ribadeo presenta o cartel
Xénero:
| 16 / 11 / 2016O Festival de Jazz & Blues de Ribadeo chega este ano á súa quinta edición que terá lugar entre o 2 e o 10 de decembro. O evento volve así ás datas outonais nas que naceu deixando atrás as edicións nas que se celebrou en período estival e agardando que a oferta musical coa que competir sexa menor que no verán. Alejandro Vargas Trío, banda gañadora do II certame Galicia creativa no xénero de jazz, abrirá o festival polo que tamén pasarán Julián Maeso, Michael Oliveira Group e Shirley Davis & The Silverbacks entre outros. O Auditorio Municipal Hernán Naval acollerá un total de cinco concertos e sete bandas de jazz e blues. Dous dos concertos terán entrada de balde. O prezo das entradas para os outros concertos está entre os 10 euros das entradas soltas e o abono de 25 euros. O V Festival de Jazz & Blues semella polo tanto ter conseguido os apoios económicos necesarios e para os que iniciou unha campaña de corwfunding popular ante o descenso de subvencións públicas e de esponsorizacións privadas dos últimos anos. Os organizadores malia todo manteñen aínda aberta esa campaña xa que os seus obxectivos quedaron lonxe de acadarse e quedan a expensas da venda de entradas.
Abe Rábade Trío volve con Once
Xénero:
| 10 / 11 / 2016Como unha coprodución entre Karonte e o selo Nuba chega o décimosexto traballo de Abe Rábade Trío. A formación que completan Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería exploran en Once reinterpretacións de clásicos galegos, como a que fan de A bruxa de Milladoiro, ou internacionais, como Smoke gets in your Eyes. Canda a eles, temas orixinais como a homenaxe a Paco de Lucía en Once para Paco. De novo, jazz instrumental, melódico e elegante confirman o bo facer dunha formación que é referente neste estilo en Galicia. O grupo está neste mes de novembro inmerso na xira de presentación do novo traballo, que os levará a escenarios do Festival de Jazz de Arnedo, Sevilla, Madrid ou O Porto.
Nani García Trío revisita as bandas sonoras desde o jazz en Cinema-Tojazzia
Xénero:
| 14 / 10 / 2016Usando as composicións que o propio Nani García (A Coruña, 1955) fixo para acompañar distintas obras audiovisuais e teatrais, coma Limpeza de Sangue, De profundis ou Gran Sol, o trío de jazz que leva o seu nome ven de presentar o disco Cinema-Tojazzia (Xingra). Neste novo rexistro o músico coruñés ao piano, acompañado de Miguel Cabana (batería) e Simón García (contrabaixo) colle estas composicións e dalles unha volta pola súa interpretación máis jazzística achegada á improvisación adaptando as melodías a estes espazos musicais. O trío faise acompañar dun cuarteto de corda nas gravacións, formado polos cubanos Eduardo Coma e Lázaro Williman González nos violíns, Raymond Arteaga na viola e Luis Enrique Caballero no violoncello. Con eles o sabor cinematográfico da música non deixa de estar presente en ningún momento. Nove temas contén Cinema-Tojazzia: "De profundis", "Grande Sole", "Limpeza de sangue", "Agoiro do mar ferido", "Vals de Celavella", "Pratos combinados para trío","Preludio nº1 para cuarteto de corda e percusión", "Bosquexos sobre El niño de Barro" e "Quen me dera na casiña". A proposta de Cinema-Tojazzia presentouse inicialmente en público no festival Imaxinasons de Vigo deste ano. Nani García é produtor e compositor, dirixe o festival Imaxinason e recentemente fixo a dirección artística da primeira edición da Semana das Músicas do Audiovisual.
A sexta edición do Outono Códax amplía programación e recintos en Compostela
Xénero:
| 6 / 7 / 2016De tres a seis noites ou o que é o mesmo unha fin de semana a maiores, amplíase o festival de música soul Outono Códax para este ano. O festival compostelán iniciará a súa sexta edición a fin de semana do 7e 8 de outubro, pasando despois ao 28 e 29 do mesmo mes e rematando cos concertos na fin de semana do 11 e 12 de novembro. Ademais de na Sala Capitol algunhas das actuacións terán lugar na nova Sala Riquela, na rúa do Preguntorio, que aínda non abriu as súas portas. Presentado onte polos responsables de Raíña Productions, o cartel completo ofrece de novo unha mestura de representantes históricos do soul e o rhythm&blues xunto con valores actuais en alza e novas apostas. Así as tres cabezas de cartel serán os veteranos intérpretes Lee Fields e Martha High e o grupo The Pretty Things. A representación galega chegará coas actuacións de Andhrea &The Black Cats e The Hellbuckers. No cartel tamén están outras bandas de relevo internacional como Luke Winsloy King e Virgina Brown and The Shameless, entre outros.
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical