Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
O "...mañá..." máis maduro de Carmen Rey
Xénero:
| 14 / 5 / 2018A cantora coruñesa Carmen Rey , que foi finalista este ano ao premio Martín Códax de Blues, funk e soul, está xa a presentar o seu novo disco, …mañá… (Autoeditado), un traballo que se fixo agardar oito anos despois da publicación do seu anterior disco, Meu(Audia records, 2009) precedido por Fuera(2004). Carmen ofrece neste álbum oito temas orixinais de soul e funk cantados en galego con elegantes arranxos e que nalgúns caso xogan coa improvisación jazzística e mesmo algún arranxo jazz sobre unha peza tradicional como en Porqué non hei. A cantante e compositora considera que este traballo pode diferenciarse dos seus anteriores nunha madurez propia que amosa, "considero que madurei a nivel harmónico sobre todo e melódico e iso nótase moito a diferencia dos discos anteriores", asegura Rey, que opina que o son desta xeira musical resulta "máis complexa e máis rica" que nos discos anteriores. Nestes oito anos entre discos Carmen Rey sempre estivo en actividade e crecemento profesional, compaxinando o seu proxecto persoal co traballo á fronte doutros proxectos como o de ser directora e arranxista do coro feminino de música moderna Sisters in the House (finalista dos premios Martín Códax) e do cuarteto vocal Ejazz (gañadoras do Martín Códax, 2017 na categoría de coros e música vocal). O disco gravouse nos estudios Disquesí da Coruña cun grupo composto por Sergio Delgado, aos teclados, Rubén Appratto no baixo, a guitarra de Tito Calviño e Miguel Cabana na batería. Para o directo presenta tamén un formato en acústico, piano e voz, acompañada aos coros de Angeles Dorrio e Sara Lorenzo.
A Bakin'Blues Band celebra aniversario con 'Ten long years, 2008-2018'
Xénero:
| 17 / 4 / 2018A Bakin'Blues Band está a piques de cumprir dez anos de traxectoria e vaino celebrar por todo o alto. Será este venres 20 de abril cando presente o seu novo disco, Ten long years, nun concerto no Teatro Principal de Santiago de Compostela no que farán un repaso polos temas que levan interpretando nos escenarios desde 2008. No mesmo día estará á venda no propio concerto o disco, terceiro da banda, que inclúe unha escolla de gravacións en directo en Noia, na Sala Capitol e no recente Fisterra Blues Experience. Ten long years é tamén o título do espectáculo co que a banda compostelá de blues pretende recrear este percorrido dunha década. Será un concerto de 2 horas no que intervirá unha banda de 10 músicos, entre membros da Bakin, metais e coros. E a isto haberá que engadirlle convidados que teñen un vínculo especial coa banda. E a festa continuará despois do concerto nunha jam session no Dado Dadá, local fundamental na historia desta banda. Desde a banda efinen este concerto como "un capricho que pretende presentar toda esa experiencia, todos eses encontros, toda esa alegría do blues". A Bakin'Blues Band está formada por Javier Turnes ( voz e guitarra), David Vázquez (guitarra solista), David Prieto (baixo), Alejandro Casquero (teclado), e David Failde (batería).
Primeiro disco de Pablo Sax Trío, 'Amorgana'
Xénero:
| 20 / 3 / 2018Pablo Sax Trío ven de sacar o seu primeiro disco, Amorgana (Autoedición), que inclúe once pezas musicais e unha paisaxe sonora froito do labor compositivo do líder desta formación, o saxofonista e compositor, Pablo “Sax” F. Sinde, nacido en Holanda e residente en Galicia que neste proxecto está acompañado por Pablo Pérez Sanmamed (contrabaixo, oud, arranxos) e Sergio González (batería). Pezas en formato solo, dúo, trío e cuarteto cunha visión moi persoal e estética do jazz contemporáneo. Pablo Sax fuxe das formas canónicas predominantes, sen perder a esencia deste tipo de música, e dando un peso fundamental á improvisación, dende unha perspectiva periférica e libre. Amorgana foi gravado no Laboratorio Soyuz (Trazo) por Hevi, a principios de setembro do 2017 coa colaboración de David Lojo (trompeta e fliscornio). Nesta obra Pablo Sax fai homenaxes a músicos (Anthony Braxton, Steve Lacy, David Bowie), escritores (Juan Goytisolo, Julio Cortázar), amigos (Morgana, Cecilia e Lokis ) e unha peza dedicada ao lugar onde mora (Noia).
Quinito Mourelle presenta hoxe en concerto o disco 'Suite de las ocho'
Xénero:
| 14 / 2 / 2018O Teatro Colón da Coruña acolle hoxe ás 20:30 horas a estrea absoluta de Suite de las ocho, novo traballo de pezas propias do compositor, pianista e xornalista Quinito Mourelle, arranxadas para orquestra de cámara por Roberto Somoza. Este é os segundo disco de Quinito Mourelle. Os oito temas orixinais que se reúnen neste traballo percorren transversalmente a música jazz e a clásica xuntando a sonoridade e a narrativa da música clásica cos valores da improvisación jazzística. A Orquestra de Cámara Galega. Dirixida por Roberto Groba acompaña ao piano de Mourelle e o clarinete de Somoza na posta en escena da suite. O disco gravouse no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela con produción de Pablo Barreiro.
Poderío feminino no novo disco de The Lákazans
Xénero:
| 8 / 1 / 2018O terceiro disco da banda The Lákazans sae hoxe á venda co nome da que foi a "muller máis forte do mundo" a primeiros do século XX, a austríaca Kate Brumbwach coñecida artisticamente como “Sandwina”. O sexteto boirense de blues fai así neste Sandwina (Dotbeat, 2017) unha homenaxe ao poderío feminino a través de esta vienesa que serve de inspiración xa para o tema co que abre o disco, o potente 300 pounds of legend que a modo de anécdota remata cunha improvisación xurdida na propia gravación. Tras o anterior Homegrow (2015) dous anos tardaron en entrar de novo no estudio para plasmar este disco gravado en Pouland Studios, con Iago Pico que co-produciu este disco xunto con Fran Velo e Benjamín Vázquez. Moitas das boas sensacións presentadas naquel traballo vense agora confirmadas e reafirmadas por un son áínda máis seguro e ben asentado.
Elas toman o XXVII Festival de Jazz de Lugo
Xénero:
| 3 / 11 / 2017Coa clara intención de visibilizar a importante achega feminina ao mundo do jazz o XXVII Festival de Jazz de Lugo ven de presentar unha programación completa na que a descompensación recae esta vez do lado menos habitual, o feminino. Entre o 11 e o 19 deste mes de novembro pasaran polos escenarios do festival lucense dezanove actuación diferentes, con propostas diversas e de calidade arredor da música negra. Trece delas son proxectos protagonizados ou encabezados por mulleres e na maioría dos outros tamén están presentes elas como integrantes ou como artistas convidadas. Aos recintos habituais do Club Clavicémbalo e o Círculo das Artes súmaselle o Centro Cultural do Vello Cárcere e a casa do Saber da USC.
Valentín Caamaño homenaxea a Grant Green no seu novo disco
Xénero:
| 26 / 10 / 2017Un concerto na compostelá Casa das Crechas serve esta noite a partir das 22 horas de presentación para Green with envy, o segundo traballo de Valentín Caamaño Trío. A formación, na que o guitarrista se acompaña da batería Andrés Rivas e do contrabaixo de Juyma Estévez, rende homenaxe ao guitarrista Gran Green a través de oito temas nos que se mesturan composicións deste músico con clásicos da tradición blues americana. Swing, hardbop, blues e mesmo gospel danse cita no álbum, publicado da man de FreeCode Jazz Records.
Grandes estrelas da escena internacional do soul e R&B e bandas locais xuntaranse no VII Outono Códax
Xénero:
| 6 / 9 / 2017Completamente fieis ao estilo que ven marcando o evento desde a súa primeria edición o Outono Códax Festival ven de presentar o cartel que ofrecerá este ano en tres citas semanais de dous días cada una entre o 26 de outubro e o 18 de novembro. Fran Villasenín por A Reixa, xunto aos responsables de Raíña Produccións, Javier Freire e Martín Calviño, presentaron hoxe o cartel artístico e a loxística do festival acompañados por María Garrido, directora de márketing das bodegas Martín Códax patrocinadoras principais do evento. As achegas internacionais ao cartel cumpren as expectativas que cada ano levanta este evento e volve conseguir traer a Santiago a una lenda viva do soul, neste caso a artista británica PP Arnold, que nos anos anos 60 colaborou cos máis grandes artistas da escena mundial do rock e o soul, acompañando a Ike&Tina Turner e para aque escribiron cancións xente como Cat Stevens ou Mick Jagger (co que compartía representante) entre outros. Este será o único concertó que a artista ofreza en España e estará acompañada pola Steve Craddock Band, a banda do guitarrista de Ocean Colour Scene. Nesta cita estelar de comezo do festival, na Sala Capitol o xoves 26 de outubro, será un grupo local, os Cachas & Cousins, o que abrirá a noite. Por concertos como este o festival, ademáis do público local de Santiago e outras vilas galegas, consegue convocar cada ano público de Asturias, León e o norte de Portugal e incluso de Madrid antes as súas propostas de artistas internacionais lendarias que na mayoría dos casos non volven a facer xiras nin polo noso país nin por Europa, asegurou Fran Villasenín na rolda de prensa de presentación do VII Outono Códax. O peche do festival, o 18 de novembro o porá a banda de Houston The Suffers, una formación revelación aclamada pola crítica estadounidense que, en palabras de Villasenín, será "una das grandes sorpresas desta edición".
Ferrol e Mugardos organizan o primeiro festival Jazz na Ría
Xénero:
| 1 / 8 / 2017Os concellos de Ferrol e Mugardos veñen de unir as súas forzas para sacara adiante a primeira edición do Festival Jazz de Ría para os días 19 e 20 de agosto. O evento, que terá concertos nas dúas beiras da ría representadas nos dous concellos, pretende por en valor a riqueza musical e paisaxística destes lugares. Serán en total catro os concertos que se celebrarán, dous na sesión vermú en Mugardos e os outros dous á noite en Ferrol. En todos os caso se trata de agrupacións ou artistas vencellados a este entorno. A xornada do sábado 19 de agosto será inaugurada por EJAZZ, Premio Martín Códax da Música, no Porto de Mugardos desde as 13 horas. Alberto Vilas Quartet, será o que remate o programa do día na outra beira, no Porto de Ferrol a partir das 21:30 horas. O domingo 20 de agosto arrancará coa actuación no Porto de Mugardos (13.00 horas) de Pablo Seoane, pianista ferrolán, en compañía do contrabaixista cubano Jose María Díaz. O trío SUMRRÁ porá o colofón a esta primeira edición do Jazz de Ría no Porto de Ferrol ás 21:30 horas.
O festival ImaxinaSóns presenta programa da 13ª edición
Xénero:
| 13 / 6 / 2017A 13ª edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, organizado polo Concello de Vigo, dá comezo o vindeiro 30 de xuño cun programa que, até o 8 de xullo, trae á cidade una representación do talento do jazz internacional na que, ademais, destaca o talento galego. A proposta inaugural correrá a cargo do compositor e pianista estadounidense Uri Caine, en formato trío xunto a Kenny Davis e Clarence Penn. Durante nove días consecutivos, a banda sonora de Vigo virá tamén da man de Abe Rábade, Marc Ducret, Santiago Quintáns, Carlos Bica ou Xan Campos, entre outros. É a décimo terceira edición de Imaxina Sons unha edición con moita música feita en Galicia. Aínda que non é un habitual do Imaxina Sons, nesta edición do festival soará o latin jazz do percusionista Yuvisney Aguilar na noite do venres 7 de xullo na rúa Londres nun concerto dedicado a Gonzalo Villar. Falecido o pasado mes de marzo, Villar foi un promotor e colaborador da música en directo, rexentando locais como El Malecón, Manteca ou Xancarajazz, centros de efervescencia musical diaria, que foron tamén espazos colaboradores de Imaxina Sons.
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical