Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O festival de jazz de Pontevedra engade o cine para celebrar o 25 aniversario

O CICLO NOTAMETRAXES AMOSARá AS RELACIóNS ENTRE JAZZ E CINEMA

O festival de jazz de Pontevedra engade o cine para celebrar o 25 aniversario

JAZZ/BLUES | maio 18, 2017

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra celebra os seus vinte e cinco anos engadindo ás súa oferta musical un ciclo de cinema que irá quentando o ambiente musical da cidade durante o mes previo ao inicio dos concertos. A proxección o vindeiro 24 de maio da película de Louis Malle Ascensor para o cadafalso dará o pistoletazo de saída do ciclo Notametraxes, que aspira a reflectir algúns dos aspectos máis salientables da relación establecida entre o jazz e o cinema ao longo do século pasado. Cinco proxeccións compoñen o programa ata o 14 de xuño. Todas elas con música en directo a cargo do Seminario permanente de Jazz ao rematar o audiovisual e no caso das dúas derradeiras proxeccións o acompañamento en directo terá lugar durante as proxeccións de dúas películas dos anos 20 de Joris Ivens. As sesións terán lugar todas no Teatro principal de Pontevedra e serán de balde.

Haberá despois diso que agardar case un mes, ata o 21 de xullo para o comezo do programa de concertos e actividades propios do festival que rematará o día 26 na Praza da Ferrería co concerto de Gregory Porter. Entre medias esta praza e a do Teucro acollerán as actuacións do Miguel Lamas Quartet, Raynald Colom acompañado polo SPJ Group, Santi Quintáns European Quartet, Cory Henry and The Funk Apostles, DeRobert and The Half-Truths. Ademais diso esta 25ª edición do Festival ofrece Jazz pola Rúa durante todos os días, Jam Sessions todas as noites no local de A Gramola e o obradoiro Pontejazz Workshop de entrada libre no antigo conservatorio (Afonso XIII, 7) e que contará coa participación dos músicos Matthieu Donarier, Dre Pallemaerts, Santi Quintáns e Raynald Colom.