Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Alternativa
Música Alternativa
Som do Galpom lanza a súa Galinha de Troia
Xénero:
| 28 / 11 / 2013Catro anos despois do seu último lanzamento, e logo dunha campaña de Crowdfunding, Som do Galpom presentaban esta mesma semana Galinha de Troia, o seu terceiro disco. O novo traballo da banda mantén a mestura de sons característica do grupo, cunha destacada presenza de hip hop e funk. A Sala Capitol acollía onte un concerto no que o conxunto estivo acompañado de Anfibia, Quico Cadaval e outros convidados.
Unicornibot publica Mambotron, o seu terceiro disco
Xénero:
| 2 / 9 / 2013Once temas compoñen Mambotron, o terceiro disco da banda pontevedresa Unicornibot, que sairá á venda o vindeiro 11 de setembro. Ritmo, guitarras potentes e virtuosismo instrumental na liña do grupo compoñen un álbum que se pode reservar xa no web da discográfica Matapadre. A gravación realizouse nos Estudios Brazil de Madrid por Javier Ortiz, e masterizouse en Golden Mastering (California). A presentación oficial será o vindeiro día 13 nun concerto na Zona C de Compostela no que o grupo estará acompañado de Camarada Nimoy.
Sinsal volve convocar o seu festival sen anunciar o programa
Xénero:
| 13 / 6 / 2013Serán os días 27 e 28 de xullo e o escenario A Illa de San Simón. O festival Sinsal San Simón 2013 contará con 7 actuacións principais nos dous escenarios. O primeiro ás 12:15 e o último ás 20:00 horas. E non sabemos máis. Repetindo a fórmula iniciada en 2012, o colectivo Sinsal irá soltando pistas sobre as formacións participantes neste encontro que seguirá na liña de programación habitual do colectivo. As entradas (con prezos diferentes en función das datas) xa están á venda.
Lugo acolle o V Sons Creativos
Xénero:
| 24 / 4 / 2013Dúas propostas creativas de vangarda están a se celebrar estes días no noso país. Por unha banda, o Museo Interactivo da Historia de Lugo acolle o vindeiro 11 de maio a quinta edición de Sons Creativos. O encontro, que artella o Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela, inclúe mesas redondas sobre a improvisación musical e un concerto de esculturas sonoras, entre outras propostas. Ademais, en paralelo abrirá a mostra 25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo, que estará no centro ata o 16 de xuño.
O Festival Sinsal 11 arrinca en Compostela
Xénero:
| 2 / 4 / 2013O Teatro Principal de Compostela abrirá, o vindeiro 1 de maio, a programación do Festival Sinsal 11. A cita de referencia dos sons alternativos en Galicia inicia a súa nova edición cun concerto do grupo dinamarqués Efterklang, que presentará o seu disco Piramida, lanzado este mesmo ano. En vindeira datas iranse dando a coñecer as novas citas deste evento.
Movementos subterráneos
Xénero:
| 3 / 10 / 2012Quen dixo que na música galega todo era folk? Punk, cancións humorísticas, sons industriais, electrónica. En decembro de 2010 o disco Galicia Bizarre, unha escolma de grupos do máis estraño que existe no panorama musical galego. Non contentos co grande éxito da iniciativa, os seus promotores recuncan este outono cun segundo volumen que demostra a variedade e a vitalidade da escena alternativa galega.
Dous proxectos musicais colectivos chaman á colaboración do público
Xénero:
| 10 / 4 / 2012Reunir 2500 euros antes do 14 de maio para tirar unha edición de 525 copias en vinilo. Esta é a proposta que fan os grupos que queren gravar Galician Bizarre II, o segundo compilatorio de bandas bizarras do país. Os que fagan a súa achega, a partir de 10 euros, poderán facerse con copia do disco e mesmo cun concerto de Rafa Anido, segundo a contía. Canda a eles, tamén a Orquesta Metamovida, un proxecto que reúne músicos de diferentes conxuntos vigueses comaCró!, Unicornibot, Why Go ou Holywater entre outros, aposta por este formato de financiamento. A súa intención é publicar un disco que recolla os temas de estilo post rock que estiveron interpretando en actuacións en directo ao longo dos últimos meses, para o que tentan reunir 2.000 euros.
O Festival Sinsal chega á súa décima edición
Xénero:
| 4 / 4 / 2012Os vindeiros 14 e 15 de abril, o MARCO de Vigo acolle o comezo do X Festival Sinsal. O evento celebra a súa década de vida dun modelo de organización máis participativo inaugurando o Club Sinsal, que se abre a disciplinas para alén da música. Deste xeito, contarase cun espazo para a proxección de filmes caseiros en formato Súper 8 ou cunha área para revelado fotográfico e experimentación electrónica. Canda a isto, mantense a sección dedicada á infancia, e no Escritorio Sinsal reuniranse escritores coma María Xosé Queizán, Agustín Fernández Paz, Rexina Veiga e Fran Alonso.
Unicornibot lanza disco e inicia xira de presentación
Xénero:
| 16 / 3 / 2012O web Bandcamp acolle desde onte o novo disco da banda pontevedresa Unicornibot. Dálle! presenta dez temas instrumentais con doses de rock industrial. O álbum, para alén de poderse escoitar íntegro na rede, pode mercarse en formato dixital e terá, a partir do 22 de marzo, tamén unha edición en vinilo serigrafiada. O disco gravouse en directo no estudio Estudio Brazil de Madrid e ve a luz da man da colaboración dos selos Matapadre, Radix Records, Bloody Dirty Sanchez Productors, Chingaste la confianza e Odio Sonoro.
O ciclo Galicia Importa achegará cinco novos concertos
Xénero:
| 6 / 9 / 2011A Consellaría de Cultura presentaba esta mañá a última xeira do ciclo Galicia Importa, que achegará ata o noso país ao longo do vindeiro outono, cinco concertos. Patrick Wolf (13 de outubro en Vigo), Bonnie ‘Prince’ Billy (22 de outubro na Coruña), Adam Cohen (27 de outubro en Compostela), Aloe Blacc (6 de novembro en Compostela) e Bettye Lavette (8 de novembro na Coruña) son as incorporacións confirmadas no programa. O titular de Cultura, Roberto Varela, sinalou no entanto que haberá máis actuacións antes de que acabe o ano.
REPORTAXE
Guías para construír unha paisaxe
Data.Escoitar.org é unha iniciativa aberta que pretende recompilar a paisaxe sonora galega. Aprende cómo colaborar.