Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Alternativa
Música Alternativa
O festival Sinsal presenta datas e esgota abonos en 24 horas
Xénero:
| 19 / 4 / 2017O tirón do festival Sinsal Son Estrella Galicia demóstrase doadamente cada ano. Se recentemente foi por ser escollido na publicación británica The Sunday Times como un dos oito mellores festivais pequenos de Europa, agora é ao ter esgotado en apenas 24 horas todos os abonos de tres e dous días desque saíron á venda. O festival, que anunciou o pasado día 12 as súas datas de realización para os tres días entre o 21 e o 23 de xullo na Illa de San Simón non presenta programa, o cal é unha das súas características máis salientables, xa que se trata dun cartel con máis de vinte concertos sen comunicación previa no que hai que confiar a cegas no que os programadores teñan escollido xa que só se coñece ao comezar o evento. O pasado ano foi o primeiro que o Sinsal Son Estrella Galicia completou o seu restrinxido aforo de 800 prazas e este ano semella que vai camiño de repetirse. O vindeiro luns sairán á venda as entradas por día. Esta sétima edición trae como principal novidade e iniciativa pioneira na península, que o seu abono compártese con outro evento de semellantes características que ten lugar ao mesmo tempo en Barcelos (Portugal) o festival Milhões de Festa. Así o abono conxunto implica compaxinar concertos do Sinsal con concertos e campismo en Barcelos facilitando o transporte colectivo da xente entre os dous eventos. Haberá palco Sinsal en Barcelos e palco Milhões de Festa na redondelá Illa de San Simón.
IGMIG presenta o seu disco 'Ai, que lío'
Xénero:
| 20 / 3 / 2017O dificilmente clasificable trío IGMIG, formado por por Mig Seoane (voz e guitarra), Nacho Muñoz (voz e teclados) e Suso Feixón (batería),veñen de presentar o seu novo traballo, o segundo que publican e que xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Ai, que lío reúne de novo toda a capacidade ecléctica da banda de mesturar estilos e buscar resultados creativos sen concesións nos seus 15 temas "multiculturais" cunha liña de desenfado festivo sempre presente. Rock psicodélico, electrónica, funky rock progresivo , folk e case calquera influencia ten cabida na oferta musical de IGMIG. A xira de presentación deste traballo promete como sempre postas en escena teatrais e directos explosivos. Este é o seugo traballo despois do EP Shaishakarrascaishe !! en 2014. A banda presentou un videoclip do tema Ostiá! gravado en o club El Náutico, de San Vicente e coa actuación protagonista do Leo Arremecághona. IGMIG é unha das bandas que fan parte do colectivo Metamovida. A gravación do disco contou coas colaboracións de María de Mallou,Elena Vazquez (Trilitrate), Macarena Montesinos, Carlos Castro, Olalla Vidal López, Gonzalo Castro, Iago Carballo Alonso, José Antonio López López, Mercedes Peón, Lúa Gándara e João Paulo.
Trilitrate constrúe un folclore propio no seu novo disco
Xénero:
| 14 / 12 / 2016Frutal Death é a banda sonora dunha película que ninguén podería rodar xamais, a música folclórica dun mundo que aínda está por descubrir. Así se presenta o terceiro traballo discográfico do cuarteto Trilitrate que este venres sairá á venda da man do Colectivo Metamovida en colaboración con Nooirax Producciones. Cincuenta minutos nos que a cata auditiva lévanos desde a música contemporánea, a world music, o folk balcánico, a neoclásica e os ritmos pegados á terra ou a latitudes latinoamericanas e moito máis. Doce temas nos que se ofrece unha enorme capacidade creativa con enerxía e liberdade para abordar unha construción folclórica de liña única de experimentación, nacida de "sobrevoar e despois destruír todos e cada un dos estilos" segundo eles. Aínda que a meirande parte dos temas son acústicos as voces xorden en dous deles: La Nada e A Carracuca. Trilitrate formouse en Vigo no ano 2012 pola violinista Elena Vázquez (Orquestra Vigo 430, Suelen Estar Quartet), Marcos Padrón ó acordeón (Orquestra de Música Espontanea de Galicia) e Rubén Abad na guitarra (Cró!, Es Un Árbol, Guerrera). Posteriormente incorporouse a videoartista Lau Iturralde. O grupo presentará o disco este sábado, día 17 no Liceo Mutante de Pontevedra, tras o cal faran varios concertos no resto de España, volven a Galicia o 14 de xaneiro onde xa ten nove datas confirmadas ata marzo.
Cro! lanza o seu cuarto disco Mounstros
Xénero:
| 22 / 11 / 2016Os catro membros da banda viguesa Cro! entraron nos Estudios Brazil en Madrid, onde xa gravaran o seu anterior disco Pera (2014), e nunha única execución en directo rexistraron os oito temas do seu novo álbum Mounstros, cuarto da súa carreira. O disco, editado co selo Metamovida como o anterior pero tamén coa discográfica La Choza de Doe e a produtora underground Nooirax, mantén inmutable o espírito experimentador e alternativo do cuarteto nacido en 2007 e tamén o método de lanzamento, xa que está en prevenda a través da web e a partires do 2 de decembro poderá adquirirse en formato vinilo ou CD. Situados á marxe dos vaivéns da industria musical e as modas, Cro! segue crecendo e engadindo novos terreos musicais ao seu percorrido, facéndoo máis rico e complexo co tempo. O disco, montado sobre una instalación multicapa de sintetizadores, ritmos, guitarras e idiomas - español, galego e inglés- presenta estruturas de xogo e mesturas estilísticas entre o rock alternativo e a improvisación máis jazzística e segue amosando o seu virtuosismo alternativo e dificilmente clasificable. Como adianto de Mounstros xa se pode ver na rede o videoclip do tema Videovigilada realizado e montado por Miriam Rodríguez.
Rafa Anido une forzas con Javi Álvarez en 18
Xénero:
| 21 / 9 / 2016A fusión perdomina no novo álbum de Rafa Anido, que supón o décimo octavo lanzamento da súa carreira. Precisamente 18 é o nome do proxecto, que nesta ocasión suma ás forzas do compositor o traballo de Javi Álvarez e se presenta baixo o nome de Sr. Anido & Sra. Álvarez. O proxecto, que xurdiu da insistencia do segundo por gravar o primeiro no seu estudio La Follable, achega unha mestura de surf, garage, pop, banda sonora, noise, protoelectrónica ou shoegaze con nove temas cantados en galego, castelán e o idioma propio anidiano. Todo un cruce de influencias nas que Anido pon guitarra, voces e baixo e Álvarez completa os temas con todo tipo de arranxos, que inclúen desde guitarras e sintetizadores a percusións, vibráfonos, órganos, circuit bending, coros ou voces. O resultado, unha experimentación constante que promete non deixar indiferente a ninguén. O álbum sae en formato vinilo de 12" da colaboración dos selos Prenom, Grabaciones de Impacto, Bajo el Volcán e Porno.
O Festival Metamovida volve a Compostela
Xénero:
| 13 / 1 / 2016Igmig, Zamaramandi, Es un árbol e a Orquesta Metamovida son so protagonistas do III Festival Metamovida. A Sala Capitol de Santiago acolle, a partir da 20:30 horas do quince de xaneiro o concerto anual deste colectivo underground que integra proxectos musicais de Vigo e de Pontevedra. No último ano, a iniciativa medrou coa incorporación das bandas diola, IGMIG, Mateo Mena e Camarada Nimoy.
Bestiaire Assembly trae á Coruña os sons máis extremos
Xénero:
| 9 / 10 / 2015Os vindeiros 16 e 17 de outubro A Coruña acollerá os son máis extremos. A discográfica Bestiaire achega á cidade o seu festival Bestiarie Assembly con seis bandas, entre as que se atopan tres galegas. Black metal, ambient, música industrial, drone ou experimental danse cita na Sala Le Club da man de Atrabilis (Valladolid), Tzesne_Paralux (Guipúzcoa) e a galego-catalá Esquelas ás que se suman os proxectos coruñeses Umbrage, Piwi Bizarre Tech e Walk Back Pilgrim. Este é o primeiro festival que organiza a discográfica Bestiaire, que procura darlle saída a sons que non teñen moito eco comercial.
Unicornibot anuncia unha pausa na súa carreira
Xénero:
| 5 / 12 / 2014"Un descanso sen data de retorno para ver por onde nos leva a vida". Así anuncia o grupo pontevedrés Unicornibot a pausa que toma na súa carreira logo de case seis anos de traballo e tres álbums publicados. A coincidir con este anuncio, o grupo reeditou o seu primeiro traballo Hare Krishna. Como feche, anuncian tres concertos este mesmo mes. Os dous primeiros en terras portuguesas, o vindeiro día 12 en Penafiel e o 13 en Oliveira de Azeméis, mentres a despedida final será no Liceo Mutante de Pontevedra o 26 de decembro.
O Festival Sinsal medra
Xénero:
| 22 / 4 / 2014A Illa de San Simón acollerá a partir do vindeiro 25 de xullo a edición 2014 do festival Sinsal, que chega este ano cargado de novidades. Para comezar, o evento muda o nome, que pasa a ser Sinsal Son Estrella Galicia e conta cun reforzado patrocinio desta marca de cervexas. Ademais, o festival pasa de dous a tres días, e dará a coñecer con antelación os concertos que se celebrarán na primeira xornada, o día 25. O cartel do 26 e do 27, que será o mesmo os dous días, permanecerá en segredo ata a chegada do primeiro barco á illa, como viña sendo habitual neste encontro.
Dorian Wood inaugura o Festival Sinsal 2014
Xénero:
| 13 / 1 / 2014O Festival Sinsal 2014 comeza a súa andaina este mes de xaneiro. A duodécima edición do encontro de música alternativa abre o fogo con dúas actuacións do estadounidense Dorian Wood. O auditorio municipal de Vigo o día 23 de xaneiro e mais o Teatro Principal de Santiago o 24 acollerán as primeiras actuacións desta xeira, que achegan sons reivindicativos e contemporáneos que non esquecen as raíces costarricenses do artista.
REPORTAXE
Guías para construír unha paisaxe
Data.Escoitar.org é unha iniciativa aberta que pretende recompilar a paisaxe sonora galega. Aprende cómo colaborar.