Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Baleira homenaxea a Florencio O Cego dos Vilares
Xénero:
| 12 / 4 / 2023A coincidir cos 109 anos do seu nacemento, este 12 de abril Baleira lembra a Florencio López Fernández O Cego dos Vilares. Unha placa sobre a súa tumba no cemiterio da aldea da Fontaneira lembrará a quen "foi transmisor oral da nosa cultura e lingua, nos escenarios naturais das feiras e romaxes. Xograr popular de memoria imperecedeira".
Boroa presenta un traballo de experimentación arredor da gaita
Xénero:
| 27 / 3 / 2023Boroa é un grupo de Ribeira (A Coruña) conformado por Sabela Olivares (gaita, piano, pandeireta e voz), Suso Bello (guitarra) e Alberto Millán (baixo) que veñen de presentar o seu primeiro traballo longo autoeditado "O´Clásico Fol". O disco de 9 cortes amosa un proxecto que xira ao redor da funcionalidade e a versatilidade da gaita, ademais da súa adaptación ás novas tecnoloxías do século XXI. Boroa crea un mundo sonoro coa gaita como protagonista alén de fronteiras para achegarnos harmonías de diferentes xéneros musicais pasados polo filtro acústico: folk tradicional galego, swing, jazz manouche, ragtime… etc. Composicións propias de Olivares e Bello conforman o disco, presentado este mesmo mes.
Chega a Santiago a mostra "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia"
Xénero:
| 13 / 3 / 2023Unha intervención musical de homenaxe a Moncho Díaz engadirase este martes, 14 de marzo, ao acto inaugural de presentación da exposición "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia", que se presenta en Santiago de Compostela tras do seu paso por Lugo. O pequeno concerto, a celebrar no Auditorio Abanca da capital galega na rúa do Preguntoiro, servirá tamén para que os membros da semicentenaria formación executen ante público a canción "Eu en ti", creada como homenaxe ao moi recentemente falecido Díaz, que foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979. A canción, presentada pouco despois da morte de Díaz o pasado 17 de febreiro, pon música a un poema de Celso Emilio Ferreiro a través de una composición de Xoán Luís Fuertes Saavedra.
Leilía fecha máis de tres décadas de actividade coa xira Vidas Cantadas
Xénero:
| 8 / 3 / 2023Durante a súa actuación na Feira do Queixo de Arzúa, o pasado 4 de marzo, o grupo Leilía facía o anuncio desde o escenario. A súa actual xira, Vidas Cantadas será a última que realicen como grupo. Logo de 34 anos de existencia, o recoñecido conxunto de pandeireteiras pon punto e final á súa actividade, segundo confirmou a axencia Culturactiva.
Pesar polo pasamento de Moncho Díaz
Xénero:
| 20 / 2 / 2023Ramón "Moncho" Díaz falecía o pasado venres, 17 de febreiro aos 70 anos, como consecuencia dunha enfermidade que viña padecendo desde hai tempo. O monfortino foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979, onde ademais de tocar as frautas e a guitarra engadía a súa poderosa voz aos temas da formación, sumando o seu timbre aos das outras emblemáticas voces, como a da súa parella Tareixa Novo. Na parte profesional, Móncho Díaz exerceu como técnico de son de radio, traballando en emisoras como Radio Obradoiro e Radio Galega. Todos os medios do país e outros a través de edicións locais, recolleron o pasamento de Díaz. Nas redes sociais a formación folk publicou unha foto de Moncho, acompañada da frase, "Sempre e máis despois", título dun poemariod e Manuel Antonio e tamén do disco gravado en directo pola formación en 1999, co que volveron ao primeiro plano da escena musical tras moitos anos sen gravar.
O Espalla Rimas confirma a Lupe Blanco como mellor regueifeira do país
Xénero:
| 9 / 1 / 2023O Pazo da Cultura de Carballo acolleu na tarde deste sábado 7 de xaneiro a segunda edición do festival Espalla Rimas. O encontro dedicado á improvisación oral coroou de novo a Lupe Blanco como mellor reguefeira do país. A bergantiñá impúxose, ao igual que o pasado ano, na categoría RegueiAstros, onde competía contra os bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes, os vigueses Bieito Lobariñas e Mani Braga, e O Rabelo, de Cercedo. Suso de Xornes foi finalista neste apartado.
Morre o Mestre gaiteiro 'Bartolo'
Xénero:
| 9 / 12 / 2022Manuel Miramontes Fandiño, era coñecido en Santiago co alcume de 'Bartolo', e como Mestre Bartolo axudou durante décadas a centos de rapaces a coñecer e amar a gaita galega e a música tradicional. Este xoves, con 88 anos faleceu e rematou con el unha traxectoria de ensino que tamén incluía a fabricación artesanal dos instrumentos.
Dispoñible na rede o informe para a declaración da foliada como BIC
Xénero:
| 29 / 11 / 2022"A foliada é a manifestación musical, festiva, popular específica de Galicia e dos galegos e galegas. Caracterízase por ser unha manifestación social participativa, comunitaria, cun alto grao de improvisación e esponteaneidade tanto formal como musical, na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional galega, entendida esta como o resultado, aberto e en constante dinamismo dos diversos e numerosos procesos de transmisión, creación, selección e incorporación dos saberes e patrimonios musicais relacionados co ben".
Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona
Xénero:
| 18 / 11 / 2022O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia.
Nova edición do encontro 'Tradición en Feminino'
Xénero:
| 15 / 11 / 2022Dar visibilidade e recoñecemento ao papel da muller no eido da música e o baile tradicional é o obxectivo do encontro " Tradición En Feminino que este ano chega a súa cuarta edición. A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) en colaboración coa Deputación da Coruña. organiza este evento que o vindeiro domingo 20 de novembro terá lugar na Casa de Rosalía en Padrón. O programa ofrece relatorios e debates que incidirán en aspectos como os estereotipos de xénero na música e o baile tradicional e as vías da súa erradicación. Ademais tamén se presentarán publicacións e proxectos. O encontro poderá seguirse tamén en liña a través do perfil de Facebook da AGG.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos