Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
O Val das Mouras homenaxea a Rosalía no seu primeiro disco
Xénero:
| 3 / 7 / 2015Un grupo galego catalán de música folk que centra en Rosalía de Castro o seu primeiro traballo. Así é O Val das Mouras, conxunto que está a presentar Rosalía. Unha colección de once poemas de Follas Novas musicados e interpretados con flauta, guitarra, violonchelo, acordeón e percusión acompañados da voz de aires pop de Laura Lorenzo. O volume, stá dispoñible en plataformas dixitais e en formato físico.
Un libro disco recupera o traballo de Siderio de Vilarmide
Xénero:
| 1 / 7 / 2015Desiderio Sampayo Rico, Siderio de Vilarmide é o título do libro-CD que acaba de presentar a editorial Canela. A obra explora o traballo deste investigador e intérprete da música tradicional que desenvolveu a súa actividade desde A Pontenova. A música de tradición oral conservada e interpretada por este músico, a súa biografía, repertorio e técnica, os artesáns que elaboraron os seus instrumentos ou o estudo da música de gaita na zona son algúns dos temas que se tratan. O volume inclúe textos de especialistas como Pablo Quintana, Daniel Carballo, Pablo Carpintero ou Luis Correa O Caruncho, ademais de fotografías de Vicente Ansola entre outras tiradas de diferentes arquivos. O estudo complétase cun CD no que o propio Siderio interpreta, canda a Constante de Valiña e Modesto de Murias 21 temas tradicionais inéditos ata o momento.
aCadaCanto anuncia a súa separación logo de dous discos
Xénero:
| 15 / 6 / 2015Xabier Diaz, Guadi Galego, Guillermo Fernandez e Xosé Lois Romero formaban, fai tres anos esta primavera, aCadaCanto. Logo dun disco homónimo e de A Rosa d'Adina, no que musicaban seis poemas de Rosalía, este proxecto musical chega ao seu fin. Segundo anuncian os compoñentes do grupo no seu Facebook "a nosa ía ser unha unión temporal, unha travesía compartida con data de caducidade, e esa data é hoxe". Os compoñentes sinalan que continuarán coas súas carreiras noutros proxectos e agradecen o cariño do seu público a sinalar que "como ben sentenciou Drexler, nada se perde, todo se transforma, e ogallá todas as metamorfoses fosen coma esta". Un concerto no Oca Folk da Estrada serviu como feche á traxectoria o pasado venres 12 de xuño.
Davide Salvado cria Lobos
Xénero:
| 12 / 6 / 2015Dez novos temas nos que, a seguir a súa liña, Davide Salvado reinterpreta os sons máis tradicionais. Esta é a proposta que o artista fai en Lobos, o traballo que acaba de presentar da man de Fol Música e que chega ás tendas o vindeiro 16 de xuño. O álbum conta coa produción de Pedro Pascual e con colaboracións de Xavi Lozano, Quim Farinha, Miguel Hiroshi ou LAR Legido entre outros. Xa están dispoñibles na rede os tres primeiros singles A vida, Lobos, Gargamala.
Ardentía convida a avanzar na música tradicional con Adiante
Xénero:
| 5 / 6 / 2015Con portas na capa e convidando a pasar, Ardentía presenta o seu novo traballo. Adiante explora as posibilidades da música de raíz a amosar que pode ser "rica en matices, variada, amplia, complexa". Logo de 25 anos de carreira, o grupo achega unha colección de temas nos que se mesturan a tradición con composicións propias e aos que lles achega unha instrumentación que inclúe gaita, saxofon, acordeon, anfona, bouzouki, guitarra, contrabaixo, frauta, percusións e voces. O grupo presenta o novo álbum cun concerto esta noite na Gentalha do Pichel, en Compostela.
Os Chichisos publican o seu primeiro disco aos 21 anos
Xénero:
| 29 / 5 / 2015Un disco totalmente artesán, elaborado de comezo a fin polos propios membros do grupo. Esta é a proposta que grupo de música tradicional Os Chichisos, de Pontevedra, presentan no seu Feito na casa. Por vez primeira logo de vinte e un anos de existencia, o conxunto lanzouse ao estudo de gravación para rexistrar dez temas, dos cales nove foron compostos polos seus membros. Polca dos Chichisos, María imos pra Mesía, O Alicornio ou Moinheira do rato Rabissaco som alguns dos temas que se inclúen no traballo. Gaita, requinta, acordeón ou clarinete acompáñanse de percusión tradicional nunha aposta polo son máis tradicional.
Carapaus retornan con Déixao andar...
Xénero:
| 13 / 5 / 2015Trece temas nos que se mesturan pezas populares como a Foliada de Trabanca ou os pasodobres dos Portelas e de Manuel Viqueira, con composicións de Emilio Lois e letras de Sabela Galbán, Gustavo Couto e Sés, que achega texto e música no Canto de Baltasar. Esta é a proposta do segundo disco dos Carapaus, que se presenta ao vivo o vindeiro 16 de maio na Sala Capitol ás 21:30.
Sofía Espiñeira gaña o II Certame de Canción de Autor en Galego
Xénero:
| 28 / 4 / 2015A cantautora Sofía Espiñeira impúxose a outros sete finalistas na gala da segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo. A compostelá tamén recibiu o premio do público á mellor artista mentras que Pilar Martínez fíxose co accésit á mellor canción.
Riobó retorna con Quiral
Xénero:
| 24 / 4 / 2015Temas da tradición interpretados co virtuosismo do folk contemporáneo. Esta é a proposta na que afonda Riobó con Quiral, o seu segundo disco. Gaita, da man de Marcos Campos, frauta e requinta, con Fernando Pérez, a guitarra de Fernando Barroso, o bouzouki de Xosé Liz, e mais o violín de Begoña Riobó acompañan melodías que en moitos casos recollen o xeito de tocar das Rías Baixas. Nove temas instrumentais amosan o bo facer do quinteto, que comeza a finais deste mes de abril a súa xira de presentación.
aCentral Folque recupera a Florencio, cego dos Vilares
Xénero:
| 21 / 4 / 2015Unha selección das gravacións que realizaron entre 1979 e 1981 Antón Santamarina e Dorothé Schubarth poden escoitarse agora en Florencio, cego dos Vilares. aCentral Folque presenta na súa colección Chave Mestra este libro CD que afonda na figura deste músico, un dos últimos representantes da tradición de cegos ambulantes.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos