Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Luar na Lubre celebra tres décadas con Extramundi
Xénero:
| 1 / 12 / 2015Catorce novos temas compoñen Extramundi, o disco co que Luar na Lubre celebra os seus trinta anos de traballo. O grupo que lidera Bieito Romero aposta nesta ocasión por "un traballo que transcende do ámbito galego ou celto-atlántico e explora outras culturas desde unha óptica moi íntima e persoal". Así, o conxunto interpreta temas en seis idiomas, entre eles cancións en catalán, vasco ou o clásico da tradición castelá La Molinera. O álbum, editado por Warner Music, inclúe tamén pezas orixinais e adaptacións de temas galegos e sae á venda este catro de decembro. A xira de presentación comeza o vindeiro día 11 no Teatro Principal de Ourense e continuará o 8 de xaneiro en Vigo e o 9 na Coruña.
aCentral Folque recupera o legado de Xoán Tilve
Xénero:
| 29 / 10 / 2015Catro pezas de gaita canda a dúas alocucións de Filgueira Valverde sobre a súa figura, compoñen as gravacións históricas que recupera aCentral Folque no volume Xoán Tilve. Gaiteiro de Campañó, que presentaba onte no Museo de Pontevedra. A obra, que fai parte da colección Chave mestra, recolle as gravacións que se realizaron en 1949 por iniciativa de Filgueira para preservar o legado deste intérprete. Ademais, reinterprétanse outros temas do repertorio deste solista tirados do cancioneiro de Casto Sampedro. A gravación vai acompañada por un estudo biográfico sobre Tilve da man do gaiteiro e investigador Óscar Ibáñez e mais dunha análise sobre o contexto e os fondos do legado de Casto Sampedro no Museo de Pontevedra a cargo de Xavier Groba.
O Womex voltará a Compostela en 2016
Xénero:
| 19 / 10 / 2015Logo do éxito que supuxo a súa edición de 2014, a organización do Womex, a principal feira internacional de músicas do mundo, aposta de novo por Compostela. A capital galega acollerá entre o 19 ao 23 de outubro de 2016 unha nova xeira deste encontro, que inclirá actuacións na Cidade da Cultura e mais no casco histórico compostelán entre moitas outras actividades. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e mais o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, anunciaban esta mañá a elección, para a que a capital galega tivo que competir cunha ducia de localidades de maior tamaño. A presentación oficial do vineiro Womex realizarase este mesmo venres en Budapest, cidade na que se está a celebrar a edición deste ano.
Sae á venda The Tambourine Man de Xabier Díaz
Xénero:
| 7 / 10 / 2015Hoxe mesmo chega ás tendas o novo disco de Xabier Díaz. O ex cantante de Berrogüetto presenta un ambicioso proxecto no que, en colaboración coas Adufeiras de Salitre, reinterpreta cun enfoque vangardista once temas tradicionais galegos e un castelán. O cantor conta tamén neste proxecto con colaboracións como as de Kepa Junkera, Aleix Tobias, Xosé Manuel Budiño, Fernando Barroso ou Alfonso Merino nun disco no que a percusión ten un peso destacado e que o propio Díaz sinala como un punto de inflexión na súa carreira. O proxecto, que ve a luz da man do selo Músicas de Salitre, preséntase ao vivo o vindeiro 16 de outubro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Madrid e o festival Tradicionarius de Barcelona son as vindeiras paradas previstas na xira de presentación.
Pontevedra acolle as III Xornadas Arredor da Música Tradicional
Xénero:
| 2 / 10 / 2015A gaita de fol, o pito galego, o coro Cántigas e Aturuxos, publicacións sobre diferentes mestres da tradición ou mesmo unha intervención sobre gaitas eslovacas. As III Xornadas Arredor da Música Tradicional que celebra mañá en Pontevedra a Asociación de Gaiteiros Galegos veñen cargadas de reflexións e análises sobre o noso patrimonio sonoro. O encontro desenvolverase nesta ocasión na Casa das Campás, e contará coa presenza de investigadores como Moisés Quintas, Paulo Gonçalves, Ramón González ou Juraj Dufek e Miroslava Dufeková.
O Cuarteto caramuxo retorna con Arrieiros somos
Xénero:
| 28 / 9 / 2015Cunha formación anovada, na que Alonso Caxade cedeu posto a Marcos Padrón, e logo de varios anos, o Cuarteto Caramuxo estivo a presentar este verán o seu novo traballo. A seguir no estilo da formación, Arrieiros somos parte da tradición, neste caso de melodías do Cancioneiro Galego de Castro Sampedro, para a as reinterpretar con toques de jazz, swing ou mesmo funk. Logo de visitar eventos como o Festival de Ortigueira ou o Festival de Poesía do Condado, o grupo actuará compostela o vindeiro 16 de outubro para presentar o disco no marco do Festival Martín Códax.
Coetus mestura formación e concertos en Ir y venir
Xénero:
| 22 / 9 / 2015Tres días de obradoiros, concertos e recitais íntimos no marco dunha casa de turismo rural. Esta é a proposta que fai Coetus, a orquestra de percusión ibérica, que en colaboración con Eliseo Parra e o dúo arxentino Luna Monti e Juan Quintero escolleron Galicia para desenvolver o seu programa Ir y venir. A proposta, que se desenvolverá entre o 2 e o 4 de outubro, contempla 10 obradoiros sobre música, que inclúen desde caixón flamenco ata arranxos vocais ou canto, a cargos dalgúns dos 21 membros desta formación. A maiores, durante as tardes realizaranse encontros de improvisación e ensaios nos que tamén participarán Xosé Lois Romero e Aliboria. Para as noites resérvanse os concertos, a razón dun por día. Casa Gasamans, en ames, acolle esta iniciativa, que ten aberto o prazo de inscrición.
Os Melidaos asinan Festa na Codeseira
Xénero:
| 15 / 7 / 2015Dezasete pezas de corte tradicional, das cales 15 foron compostas por Antonio Raposo, conforman o novo traballo de Os Melidaos. O grupo presenta Festa na Codeseira cunha forte aposta pola voz, ao incluír nove temas cantados. Ritmos como pasodobres, muiñeiras, valses, marchas de procesión, foliadas, pasacorredoiras e alalás están presentes no álbum, en moitos casos con material recuperado de arquivos dos Coros Históricos, de diferentes cuartetos ou recollidas polos propios membros do grupo. Os Melidaos están a desenvolver ao longo do verán a xira de presentación deste traballo. Entre outras citas, confirman concertos en Santo Estevo de Ribas de Sil (17 de xullo) e as festas de Santa Ana de Mera o día 25.
A carreira de Carlos Estévez continúa Tradicionalmente
Xénero:
| 14 / 7 / 2015Tradicionalmente é o título do segundo traballo do gaiteiro Carlos Estévez. Este intéprete continúa a se mergullar no noso patrimonio musical e achega as súas creacións para gaitas, fundamentalmente para dúos. Un libro-disco con 12 pistas de audio eu partituras para un total de vinte compoñen, da man da editorial Ton e Son, este lanzamento, que xa se pode atopar nas tendas a un prezo de 15 euros. As prezas foron rexistradas no estudio ChisPún de Vigo. Co mesmo título, o autor xa publicara no seu BandCamp, co mesmo título, unha serie de pezas nas que se mesturaba a creación propia con temas tradicionais interpretados por el mesmo.
Budiño, Cristina Pato e Sharon Shannon encabezan o cartel en Ortigueira
Xénero:
| 6 / 7 / 2015A XXXI Edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira desembarcará nesta vila entre o 16 e o 19 de xullo. A organización anunciaba o pasado venres o cartel o evento, que chega con Budiño, Cristina Pato e mais a acordeonista irlandesa Sharon Shannon como cabezas. Canda a eles, pasarán polo escenario Xabi Aburruzaga, Finnegan-McSherry Project e Capercaillie. A estas propostas súmase o desfile de Bandas de Gaitas no que participarán formacións como o franceses Bagad Beuzeg, os escoceses The Vale e a Escola de Gaitas de Ortigueira, entre outras.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos