Os Melidaos asinan Festa na Codeseira
xullo 15, 2015
Dezasete pezas de corte tradicional, das cales 15 foron compostas por Antonio Raposo, conforman o novo traballo de Os Melidaos. O grupo presenta Festa na Codeseira cunha forte aposta pola voz, ao incluír nove temas cantados. Ritmos como pasodobres, muiñeiras, valses, marchas de procesión, foliadas, pasacorredoiras e alalás están presentes no álbum, en moitos casos con material recuperado de arquivos dos Coros Históricos, de diferentes cuartetos ou recollidas polos propios membros do grupo. Os Melidaos están a desenvolver ao longo do verán a xira de presentación deste traballo. Entre outras citas, confirman concertos en Santo Estevo de Ribas de Sil (17 de xullo) e as festas de Santa Ana de Mera o día 25.