Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Cristina Pato finalista en dúas candidaturas aos Grammy co Silk Road Ensemble
Xénero:
| 12 / 12 / 2016As candidaturas aos prestixiosos premios da música do mercado estadounidense, os Grammy, trouxeron este ano na súa 59ª edición, dúas candidaturas nas que estará presente a ourensá Cristina Pato. A gaiteira e pianista optará, como parte do Silk Road Ensemble que acompaña ao violinista Yo-Yo Ma a dous galardóns: Mellor Álbum de World Music polo disco "Sing Me Home" e Mellor Filme Musical polo documental The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble, parte do cal foi gravado seguindo á artista polas terras galegas e con participación de outros músicos do país. Non é a primeira vez que a gaiteira e pianista está presente nos Grammy , xa no ano 2010 Pato foi partícipe doutro galardón que acadou na súa colaboración con Yo-Yo Ma no disco Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace que gañou o Grammy ao Mellor Álbum Clásico de Colaboracións (Best Classical Crossover Album). A gala de entrega dos premios terá lugar o vindeiro 12 de febreiro en Los Angeles.
Luar na Lubre repasa nun novo álbum 30 anos de carreira
Xénero:
| 25 / 11 / 2016Para o vindeiro nove de decembro sae á rúa XXX aniversario, o álbum co que Luar na Lubre celebra tres décadas de traballo. Segundo anuncia o grupo, o disco recolle unha selección personal que quere "non caer no convencional, sen as cancións máis coñecidas e recoñecidas" e busca "a excelencia dos temas máis agochados do noso repertorio". Canda a elas, sorpresas na forma de revisións de temas como Morrison's jig, Dun tempo para sempre ou o Soldado desgraciado, ou unha transgresora reinterpretación do clásico Fonte do Araño de Emilio Cao. Tamén se poderá ouvir a versión que Mike Oldfield fixo de O Son do Ar. Entre os colaboradores deste novo proxecto, nomes como Ismael Serrano, Coral de "Ruada", Nani García, Victor Iglesias, Christian Delgado, Fernando Fraga ou Irene Cerqueiro.
Budiño conmemora vinte anos de Paralaia
Xénero:
| 23 / 11 / 2016Hai xa vinte anos que Xosé Manuel Budiño iniciaba a súa carreira discográfica co lanzamento de Paralaia. Para conmemorar este aniversario, o gaiteiro moañés acaba de presentar unha edición remasterizada deste mítico álbum, desta volta como un libro-CD ilustrado por Ana Zon. O volume conseguiu no seu día múltiples recoñecemento como os premios da Sociedade Xeral de Autores e Editores de España (SGAE) e da Asociación de Artistas Intérpretes e Executantes de España (AIE), así como o Premio da Música en España á mellor canción en galego para Ardora. O libro-disco porase á venda a partir do 5 de decembro. Con anterioridade poderá mercarse no Culturgal, entre o 2 e o 4 de decembro.
Algarabía Folk presenta o seu CD
Xénero:
| 27 / 10 / 2016Dez temas de tradición para bailar compoñen o disco que anda a presentar Algarabía Folk. A asociación folclórica titula co seu propio nome este álbum que grabaron o pasado mesde maio nos estudios Ancestral de Ponte Caldelas. O grupo, que inclue clarinete, acordeóns, gaita, tamboril, bombo e pandeiretas, aposta por unha interpretación festiva de temas populares. O Centro Dotacional do Torroso, en Mos, acolleu o concerto de presentación do álbum o pasado 22 de outubro.
Talabarte presentan Fake un libro-disco de historias e músicas incertas
Xénero:
| 19 / 10 / 2016"Cóntase que os Talabarte viaxaron durante 15 anos a bordo do Tradincerto, e descubriron unha serie de historias que espertaron o seu interese e fascinación". Así se presenta Fake, o novo libro-disco de Talabarte, que verá a luz o 18 de novembro. Co fío condutor desas historias que non se sabe canto teñen de real e canto non, compilan ritmos bailables da tradición europea, e mesmo de alén do Atlántico: mazurcas, schottish, milongas, polskas ou tarantellas. O trío formado en 2004 por Quim Farinha (violino), Kin García (contrabaixo) e Pedro Pascual (acordeón diatónico) presenta o seu segundo traballo discográfico que estará disponible a partires do 18 de novembro en formatos físicos e dixitais. Temas de este novo traballo poderán escoitarse hoxe mesmo no Opening Concert que abre o WOMEX en Santiago e no que estará o trío como parte da representación da música galega, xunto ao Cuerteto Caramuxo, ante os profesionais acreditados na feira. O libro-disco xira en torno a "fakes" históricos, sae á venda nun gran formato: un CD de 12 temas que vai insertado nun libro de 33x33cm de 50 páxinas con ilustracións de Pablo Pastor e textos de Carlos Meixide.
Os ourensáns Os Amigos dos Músicos presentan disco
Xénero:
| 4 / 10 / 2016Xa se poden escoitar en varias plataformas dixitais os primeiros temas do primeiro disco da banda ourensana Os Amigos dos Músicos. O disco, de título homónimo ao grupo, sairá á venda o vindeiro 14 de outubro. O selo Gran Derby Records representa á banda e edita este traballo. A banda está formada por Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo e Álvaro A. Rivera. xa está dispoñible o seu primeiro vídeo co tema A Bnada que abre o disco. O vídeo está escrito, dirixido e realizado por María Grande, artista que temén se encargou do deseño da portada do disco.
Pablo Carpintero e Lidia Nieves gañan o XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas
Xénero:
| 30 / 9 / 2016A reconstrución da gaita que se pode ver na ilustración da cantiga 350 das Cantigas de Santa Maria valeulle a Pablo Carpintero facerse co XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas na categoría tradicional. Este investigador da nosa música elaborou a partir do debuxo medieval unha gaita con dous punteiros e catro bordóns completamente funcional, a mudar as percepcións que existían sobre as gaitas medievais.
aCentral Folque publica Cantos de cego de Galiza e Portugal
Xénero:
| 14 / 9 / 2016Aínda que fixeron un adianto en xullo, no marco do encontro Zona da Zanfona, non foi ata o pasado 11 de setembro que César Prata e Ariel Ninas presentaron de xeito oficial Cantos de cego de Galiza e Portugal. O novo disco que publica aCentral Folque percorre este patrimonio sonoro das dúas bandas da raia a recuperar pezas recollidas directamente de informates e rescatadas de cancioneiros. O dúo galego-portugués de músicos parte dunha base de voz, zanfona e guitarra que complementan con instrumentos como concertina, harmónica, adufes e percusións miúdas. Cantares de crimes, humorísticos, romances ou feitos históricos atópanse no álbum, que presentarán ao vivo ao longo deste outono. A vindeira cita para os escoitar será o 22 de setembro en Castelo Branco, Portugal.
Resonet homenaxea a lírica medieval galega en Cantiga
Xénero:
| 27 / 7 / 2016A formación musical Resonet, especializada en música antiga, presenta esta noite o seu novo disco Cantiga, no que fai un percorrido pola lírica medieval de trobadores galegos e portugueses dos séculos XIII e XIV. Son textos literarios que "foron creados para ser cantados" e dos que nalgúns casos, coma o Pergameo Vindel cos poemas de Martín Códax. O grupo fará a presentación do seu disco hoxe mércores 27 de xullo ás 20:00 na Igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
150 persoas compoñen a delegación galega no Festival de Lorient
Xénero:
| 22 / 7 / 2016A música de raíz galega contará cunha ampla presenza no Festival Intercéltico de Lorient, que cumpre este ano 46 edicións cunha xeira dedicada a Australia. En total serán 150 artistas, entre os dedicados á música e ao baile, os que participarán neste evento, que se desenvolve entre o 5 e o 14 de agosto, segundo informan desde a propia delegación. Riobó serán os primeiros en amosar o seu traballo no escenario, con actuacións no Palacio de Congresos o día 6 e no Gran Teatro o 8. Vaamonde, Lamas & Romero, pola súa banda, teñen concertos os días 9 e 10. En canto a grupos de baile e canto tradicional, Brincadeira ten unha apretada axenda con actuacións case diarias entre os días 6 e 13, ao igual que Cántigas e Froles e a banda de gaitas Malante de Malpica.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos