Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Música Cantautor
Sepárase o histórico dúo musical Mini e Mero
Xénero:
| 28 / 11 / 2018Logo de 46 anos de proxectos musicais conxuntos, o histórico dúo conformado por Xosé Luis Rivas, Mini e Baldomero Iglesias, Mero, sepárase. Segundo apunta hoxe Santiago Jaureguizar en El Progreso, as ruptura débese "diferenzas persoais" e a "un desencontro" entre os dous compoñentes do proxecto, sumados ao cansazo e á dificultade de atender a actividade musical por parte de Mini, inmerso na súa carreira política. Aínda que é agora cando se fai oficial o final da formación, o xornal lucense sitúa a separación hai máis dun ano. Os dous foron membros fundadores de formacións históricas da música galega como Fuxan os Ventos ou A Quenlla, e desenvolveron unha intensa carreira como dúo.
Emilio Rúa presenta hoxe novo disco 'Duetos' un traballo de plenitude
Xénero:
| 21 / 9 / 2018O cantautor ourensán Emilio Rúa presenta o seu novo disco, Duetos, hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Este oitavo álbum de Rúa tivo unhas condicións excepcionais respecto ao resto da súa carreira xa que foi gravado a dúo con dezaseis grandes nomes da música, como Pablo MIlanés, Victor Manuel, La Shica, Javier Álvarez, Rebeca Jimenez, Carmen Paris, Josele Santiago, Rozalén, Carlos Goñi, Vicky Gastelo, Soledad Gimenez, Rosa Cedrón, Javier Ojeda, Mercedes Ferrer, Luis Pastor e Dolo Beltrán. Na presentación do seu oitavo álbum no auditorio da Cidade da Cultura contará coa presenza de Victor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo. Segundo o autor, este disco é un paso moi importante na súa carreira e tamén para a música galega, "pois leva a artistas moi importantes do panorama estatal e internacional a cantar comigo en galego de forma maioritaria". En palabras do ourensán, este traballo é "un punto e aparte, neste momento no que cumpro a maioría de idade editando discos e compondo cancións". As entradas para o evento, que terá lugar ás 21 horas están á venda en Ticketea desde 6 euros.
Luís Fercán presenta en Compostela o seu álbum debut
Xénero:
| 15 / 6 / 2018O Salón Teatro de Santiago colle esta noite o concerto de presentación en Galicia de Grieta, o álbum de debut de Luís Fercán en solitario. O compostelán, que iniciou a súa carreira en Persé, comeza con este lanzamento un proxecto como cantautor no que mestura letras poéticas con sons elaborados e toques indies e pop. Un total de dez temas publicados por EO!Música poderán escoitarse hoxe a partir das 21 horas nun recitais nos que o cantante estará acompañado por toda a súa banda.
Falece Benedicto, membro fundador de Voces Ceibes
Xénero:
| 4 / 6 / 2018Mestre, sindicalista pero por riba de todo coñecido como cantautor. Benedicto García Vilar, cofundador do movemento de cancións protesta Voces Ceibes en 1968, faleceu a pasada noite en Compostela aos 71 anos por mor da enfermidade dexenerativa que viña padecendo desde hai tempo. O seu labor a prol da cultura do país fora recoñecido nos últimos anos con concertos homenaxes como os que se lle tributaron en Compostela en 2014 e na Illa de Arousa, de onde era orixinario, en 2015. No seu haber, fitos como a gravación de diferentes discos, un longo traballo como sindicalista en Comisións Obreiras, grande cantidade de colaboracións en medios galegos como articulista ou o libro Sonata de amigos.
Sés revisa o seu primeiro traballo con 'Readmirando a condición'
Xénero:
| 29 / 11 / 2017En xullo de 2011 irrompía na escena musical galega María Xosé Silvar, de nome artístico Sés, co seu primeiro disco Admirando a condición baixo o selo e produción da discográfica Airapro e ofrecendo once temas de rhythm & blues, jazz, rock, ritmos latinos e son big band en galego. Sés partía dunha banda anterior, Chámalle Xis!, un dos grupos gañadores do concurso Acoruna Son, apadriñado por Santiago Auserón. Aínda que paseniñamente a artista foi acadando recoñecemento e un lugar propio a base de sorprender cun directo potente e contestatario que a levou por todos os recunchos do país con este traballo e cos posteriores Co xenio destrozado (Fol Música, 2013), Tronzar os valos (Fol Música, 2015) e Opoñerse á extinción (Fol Música, 2016), talvez o seu álbum máis traballado e combativo ata o de agora e co que se elevou como referente claro dun novo xeito de canción-protesta reivindicativa en temas de liberdades, igualdade e defensa da lingua. Este venres a artista presentará no marco feira Culturgal de Pontevedra o que será o seu quinto disco Readmirando a condición. Entre o Admirando e o Readmirando entrarán as diferencias propias dun traballo autoproducido e independente no que se refai o seu primeiro disco desde a súa perspectiva e experiencias actuais e facendo del un traballo aínda máis persoal, se cabe co que implica que ela mesma tome as responsabilidades de produción e executivas. Readmirando a condición é tamén o tema combativo na súa liña co que abre o disco, que está composto por doce tracks escritos, musicados e arranxados pola propia Ses, que exerce nel de produtora musical e executiva. O disco só estará dispoñible á venda nos concertos de Sés e na súa web www.ses.gal. Este sábado e o domingo a partir das 17:00h a música estará asinando discos no seu propio posto.
MJ Pérez presenta Casandra, o seu primeiro álbum de estudio
Xénero:
| 3 / 10 / 2017Logo de dous álbums ao vivo, a cantautora arzuá MJ Pérez debuta no estudio con Casandra. O novo traballo supón un xiro na carreira da cantora, cunha maior variedade de ritmos e estilos nos temas, con toques latinos como os que achega Ai de min, o tema de presentación. O álbum gravouse no estudio dos Locais de Ensaio do Concello de Arzúa, e conta coa xa habitual banda da artista, Diego Fiuza á guitarra, Inés Mirás ao baixo e Alberto Rama á batería, que arroupan con ritmos vivos letras comprometidas e de alta carga poética. Canda a eles, danse cita nas pistas colaboradores como Richi Casás nos ventos, Martiño Cabarcos na zanfona, Paco Cerdeira no Bouzouki ou Ailén Kendelman nas percusións, a achegar unha ampla variedade de sons ao proxecto. Logo do concerto de presentación, que se celebrou a pasada fin de semana en Arzúa, a xira continúa pola Coruña (7 de outubro), Ferrol (13 de outubro), Melide (20 de outubro), Gondomar (27 de outubro), e Compostela (9 de novembro).
Carmen Penim canta sobre a represión en Herdeiras
Xénero:
| 21 / 9 / 2017Un libro-CD con poemas musiados e un audiovisual no que se aborda a represión franquista en Galicia. Esta é a proposta de Herdeiras o proxecto que Carmen Penim, voz do dúo 2nafronteira, presenta este sábado 23 de setembro no Teatro Principal de Compostela. O álbum conta con música de Penim sobre poemas de Helena Villar, Carmen Blanco, Eva Veiga, Marga do Val e Marta Dacosta, e inclúe varios artigos e a curtametraxe Bucle de Margarita Ledo. Financiado mediante crowdfunding, Herdeiras "fala de muller e dereitos, fala da construción da identidade, da visibilización, do sentido de herdanza, recuperando historias de mulleres resistentes e solidarias, represaliadas ás veces só por ter loitado por dereitos que hoxe consideramos obvios. E fala de memoria, porque o esquecemento non trae a paz serena que queremos, porque non nos queremos repetir e queremos sentirnos orgullosas de ser netas e fillas de mulleres fortes e dignas", segundo explica a presentación do álbum.
Andrés Suárez coloca o seu novo disco no alto da lista de vendas
Xénero:
| 8 / 6 / 2017O cantautor ferrolán Andrés Suárez ven de entrar directo ao número 1 en vendas co seu sétimo disco Desde una ventana (Sony Music, 2017) estreado o pasado 26 de maio. O artista está a facer unha intensiva xira de concertos e presentacións en áreas comerciais. A asociación de produtores musicais Promusicae na súa lista de vendas en España coloca o disco de Andrés Suárez no máis alto da súa lista de 100 disco, como o máis vendido no período que vai do 28 d6 de maio ao 1 de xuño. Nunha acción anovadora Desde una ventan ofrece aos compradores 2 exemplares idénticos incluídos dentro do pack, para que poidan regalar un deles a outra persoa. Este sétimo disco do ferrolán, quinto de estudio, conta para os seus quince temas. coa produción do arxentino Adrián Schinoff, e con Andrés Litwin e Suárez como coprodutores e foi gravado en Girona nos estudios Music Lan con tómas de todos os instrumentos á vez en directo de estudio. Este traballo ofrece sons vitalistas e aires de pop-rock máis que ningún dos seus traballos anteriores e así se presenta o tema de lanzamento . O vindeiro 15 de xuño Andrés Suárez estará asinando exemplares na súa cidade, Ferrol, no Mediamarkt.
Desde O Incio chega o novo disco de Vizcaíno
Xénero:
| 25 / 4 / 2017Xabier Vizcaíno, cantante e compositor d´O Incio, que se presenta con nome artístico abreviado de Vizcaíno, ven de sacar o seu segundo disco. Diáspora é o nome deste novo traballo gravado en A Palleira estudios de O Incio que se presentaba o pasado día 9 na súa terra chica en Sarria, proximamente estará coa presentación en Monterroso o sábado 28 de abril, e no Liceo de Ourense o venres 5 de maio, á espera de máis datas por confirmar. Co seu primeiro disco Alas de papel (2014) Xabier mantivo unha intensa xira, que previamente comezará levando esas cancións súas por toda América Latina. O artista volve agora cun novo traballo de estudio con temas en galego e castelán, destacando cancións coidadas, con estilos rock, folk, pop e indie e con innumerábeis colaboracións, mesmo do outro lado do océano. Vizcaíno ofrece unha fórmula alquímica propia con sons mesturados que van do folk ao blues nunha fusión desenfada moi persoal que demostra funcionar, tanto no formato máis íntimo dos cantautores como acompañado de banda. O primeiro videoclip deste novo traballo, Serendipia, gravouse na súa Terra Brava de O Incio, onde o Embalse de Vilasouto en Eirexalba.
Adán Jorge continúa carreira con Nada queda
Xénero:
| 8 / 2 / 2017A sala Belmont da Coruña acollía o pasado día 4 o concerto de presentación de Nada queda. O cantautor lucense Adán Jorge segue a súa carreira cun novo álbum autoeditado no que engade toques funk ás influencias brasileiras do seu primeiro traballo. Tres anos despois daquel Abundancia, Jorge rodeouse de Adrián Solla, ao teclado e o piano, Paulo Silva, á percusión, e Alberto Rodríguez a se encargar do baixo para gravar ao vivo os oito novos temas.