Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Música Cantautor
Silvia Penide transforma o chumbo en música co seu oitavo disco
Xénero:
| 27 / 4 / 2021Los días de plomo é o título do oitavo disco de Silvia Penide, unha das cantautoras con máis presenza e percorrido da escena galega que gañou en 2020, por segunda vez, o Premio Martín Codax da Música na categoría de Mellor Canción de Autor. Neste disco, vencellado xa desde o título e a portada coa circunstancia pandémica, a autora ofrece seis temas, cinco deles novas composicións con letras que nos recordan o que estamos a vivir e que tamén miran cara o futuro, ás que engade unha nova versión do tema que dá nome ao seu anterior traballo, El efecto boomerang, e que nesta ocasión conta coa colaboración na voz de Víctor Manuel, un soño cumprido para a cantautora coruñesa.
Leticia Rey gaña o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas
Xénero:
| 30 / 11 / 2020A cantautora de Vila de Cruces (Pontevedra)Leticia Rey alzouse co primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas, un certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. Segundo o comunicado da Fundación Paideia, Leticia Rey sorprendeu ao xurado coa súa calidade vocal e a honestidade das súas composicións e a súa posta en escena. O primeiro premio consistirá en gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo o vindeiro sábado 12 de decembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Neste ano 2020, Leticia Rey gravou e publicou o seu primeiro single, titulado Through the wind, que pode ser escoitado nas principais plataformas dixitais. Proximamente abrirase o proceso de inscrición para poder asistir de forma gratuíta á súa presentación en directo no Salón Teatro o vindeiro 12 de decembro. A banda coruñesa Lora, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip en Estudios Mans. O xurado estivo formado por 3 programadoras dalgunhas das salas de concertos máis recoñecidas do panorama galego: Noe Vázquez (A Arca da Noe), Suso Santamaría (A Pousada da Galiza Imaxinaria) e Miguel de la Cierva (Náutico de San Vicente). Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 55 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Demo Rumudo, Lucas Blanco, Leticia Rey, Ambigüo e Lora, as bandas e solistas escollidas para participar na audición final.
Unha cantautora para o teu xardín
Xénero:
| 9 / 6 / 2020Ante as expectativas inmobiliarias actuais de que cada vez máis xente está a buscar casa con xardín ou leira onde pasar o verán ou onde entrar a vivir, sumadas a realidade da baixa actividade da música en directo, a cantautora Silvia Penide ven de facer da necesidade virtude e ofrecer os seu servizos a particulares nunhas determinadas condicións. Concerto na túa leira é o enunciado desta campaña pola que a artista ofrece a particulares que dispoñan dun espazo aberto a posibilidade de contratala para actuar en privado e nun abano de formatos que varían en canto á complexidade da posta en escena e o número de músicos a tomar parte. Os particulares que queiran gozar sos ou nunha reunión privada destes concertos deberán dispor dun espazo aberto non que poder asegurar as condicións de seguridade dos artistas, seguindo as normas de reunión e distanciamento estipuladas polas autoridades, así como de respecto ao entorno en canto a contaminación acústica. Silvia Penide ofrece para isto varios formatos, o máis básico o dela sóa, con guitarra e amplificación independente, pero tamén pode ir nun formato máis complexo acompañada por un ou varios dos músicos da banda coa que adoita facer os seus concertos: Paul Álvarez, Carla López e Bruno Couceiro. A artista ofrece así un abano de posibilidades que tamén supoñen diferentes orzamentos.
MJ Pérez amplía rexistro con A luz prendida
Xénero:
| 3 / 3 / 2020Un proxecto autoeditado e autoproducido, no que a autora desenvolveu mesmo o deseño gráfico. Esta é a proposta de MJ Pérez para A luz prendida o seu cuarto álbum (segundo de estudio) que saíu á venda este 1 de marzo. A cantautora presenta quince temas nos que amplía o seu rexistro musical a explorar ritmos latinos, toques folk ou orientacións cara á música do mundo, indo para alén do seu pop-rock máis habitual.
Emilio Rúa presenta en Mondoñedo Novelovento
Xénero:
| 28 / 2 / 2020Ao longo deste venres 28 de febreiro o Concello de Mondoñedo celebra unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro. Na mesma, para alén dunha maratón de lectura de Merlín e familia e dunha ofrenda floral, desenvolverase o nomeamento de Víctor F. Freixanes como "Cunqueiriano de honra". No programa inclúese tamén a presentación de Novelovento, novo disco de Emilio Rúa no que o músico adapta catorce poemas que o mindoniense publicou na súa obra Herba aquí ou acolá. O volume, publicado en formato libro-CD ve a luz da man da editorial Galaxia.
Sés amosa boa saúde en 'Liberar as arterias'
Xénero:
| 21 / 2 / 2020Un poema de Luz Fandiño dá título ao sétimo álbum de María Xosé Silvar "Sés", que hoxe mesmo sae ao mundo da man de Altafonte. Liberar as arterias é tamén a única das doce cancións do disco homónimo cuxa letra non é da propia Sés, no resto dos temas a cantautora asina letras e músicas. Como se agarda dela, Sés, mantén viva e saudable a súa mensaxe de denuncia social ao longo de todo o álbum que, de novo bebe musicalmente do legado dos cantautores latinoamericanos que desde os anos 60 marcaron a historia musical da conflitividade política tanto nos países americanos como na España da ditadura e a transición. Coherente con esta liña que estaba tan presente no anterior Rabia ao silencio(Altafonte, 2019) están cancións como a que dá titulo ou Quen son os meus, O silencio non marcha e Na fronteira, por exemplo. Pero ademais nesta ocasión Sés ofrece ao longo do disco cortes nos que teñen sitio con bo resultado – como xa fixera en anteriores discos- sons do rock máis electrico, o soul, o blues ou o jazz funk coma en Para a curación, Trampa de odio, Mafia, na que semella saldar contas pendentes moi concretas, ou esa contundente Espiña sen rosa no que se declara con forza: "prefiro ser herba mala que camelia pra lucir". As presentacións en directo en na América do Sul xa tiveron lugar durante este mes de febreiro e agora comeza a súa xira peninsular o vindeiro día 28 na sala barcelonesa Luz de Gas. O primeiro concerto en Galicia terá lugar o 6 de marzo no teatro Afundación de Vigo. Na Coruña e Pontevedra tamén hai previstas actuacións.
Paco Montero musica oito poemas de Carballo Calero nun libro CD
Xénero:
| 4 / 2 / 2020Logo de o presentar o pasado dez de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol, está a chegar ás tendas o libro CD Paco Montero canta a Lumieira Poética de Carvalho Calero. O que foi cantante dos Tamara musica oito poemas do homenaxeado no Día das Letras deste 2020 nun volume que conta con prólogo de Vicente Araguas e no que colaboran intérpretes como Francisco Teixido (Treisi), Jesús Fernández, Frank Rodríguez, Carlos Godel, Ramiro Cartelle e mais Belén García e Ana Buche, que interpretan A Canzón das Lavandeiras. O álbum complétase con catro temas do propio Montero nos que homenaxea a Pucho Boedo, a cidade de Ferrol, o atleta Javier Gómez Noya e mais o actor Javier Gutiérrez. O disco gravouse nos estudios Penteo de Ferrol.
Pablo Bicho finaliza un parón discográfico de 16 anos con 'Aires nuevos'
Xénero:
| 3 / 2 / 2020O cantautor estradense afincado na Coruña, Pablo Bicho, ven de presentar na sala Garufa o seu novo traballo en solitario Aires nuevos (autoeditado), un disco con oito temas propios que supón unha volta do artista na busca do seu espazo musical de clara predominancia de jazz latino. Pablo Bicho ten unha ampla traxectoria previa tanto en solitario como formando parte de outros proxectos como Los Bichos ou Radio Océano e chegou a ter un gran alcance na radiofórmula grazas ao seu disco Las cosas llegan cuando tiene que llegar (Arcade Music Company, 1998) co que estivo durante algún tempo na listas de éxitos. Aires nuevos é o seu primeiro traballo de longa duración tras dezaseis anos, o anterior foi Las Alegres Coplillas (autoeditado, 2003). Para este traballo, impulsado a través dunha campaña de micromecenado, o autor rodeouse dun grupo de colaboradores destacados pola súa calidade na escena musical do jazz e do funk, que ademais contribuíron cos seus propios arranxos nos temas. O batería Miguel Lamas, Octavio Vargas (baixo), Iago Muriño (teclados), Paúl Alvarez (guitarra) e Tony Gonzalez (percusión latina), ademais de Antonio Constela (percuisións), irmán de Pablo Bicho son os que participan na gravación baixo produción de Miguel Lamas e con mestura e master a cargo de Miguel Martos. Nos seus temas de Aires nuevos, Pablo Bicho dá saída aos sons latinos e tropicais que ven escoitando desde a súa infancia pasada en Venezuela na liña dun jazz latino alegre con letras para ser compartido en comunidade, cantado e bailado como é o caso en temas como Hablo con las plantas, La vara ou El marajá.
Silvia Penide presenta o seu sétimo disco 'El efecto boomerang'
Xénero:
| 2 / 5 / 2019Tras da súa publicación en plataformas dixitais Silvia Penide presenta en concerto este venres, 3 de maio, no auditorio de Arteixo o seu novo traballo discográfico El efecto boomerang (El niño de la Hipoteca Records, 2019) e xa estará dispoñible con formato físico en CD. A artista presenta seis cancións de pop fieis á súa traxectoria con letras de intimidade e poesía que ademais, neste caso parecen cada unha delas consignadas no libreto como unha canción para unha situación concreta, como recursos sonoros para acompañar momentos ou situacións da vida. Así, por poñer algúns exemplos, a que abre o disco El Salto aparece como "Canción para recapitular" e a que o pecha Outro día que chega, cantada en dúo con Ugia Pedreira é como unha canción de nana que aparece como "Canción para levantarse". Polo medio a canción que dá nome ao disco El efecto boomerang ofrécese como "Canción para decir adiós cuando no se quiere decir adiós pero hay que hacerlo". O disco está dedicado pola autora "ás persoas que me faltan , ás que teñen que despedirse e a todo o gremio de Auxiliares de enfermería".
SÉS salda contas coa canción de autor latinoamericana en 'Rabia ao silencio'
Xénero:
| 15 / 3 / 2019Agarrando a guitarra coma se dun fusil se tratase aparece unha muller que ben podería ser María Xosé Silvar "SÉS" no debuxo de Lidia Cao para a portada do seu sexto disco Rabia ao silencio (Autoeditado). O traballo, defendido meramente en acústico a guitarra e pouco máis, presenta unha ducia de cancións, todas elas versións e case todas de autores latinoamericanos, destacados na década dos anos sesenta e setenta polas súas letras de denuncia, combativas e reivindicativas de fonda carga social. Un tema do arxentino Atahualpa Yupanqui dá nome ao álbum, no que tamén hai sitio para Carlos Puebla, Mejía Godoy ou Zeca Afonso entre outros autores destacados da canción latina de autor. O disco conta coas colaboracións de Sabela Galbán (voz, acordeón e frauta) e Tito Calviño (guitarra) na gravación e de Xosé Lois Rivas "Mini" en arranxos das versións, ademais de incluír dous temas seus da etapa de Fuxan os Ventos: Brazos para a seitura e Muller, tema no que Sés dá mostra do seu bo facer no cantar tradicional das cantoras galegas. Sons que van desde a zamba Arxentina aos EUA (Raro froito, do poeta americano Abel Meeropol), pasando polo corrido mexicano de autoría anónima A Chamuscada. Todas elas cancións que Sés fai súas e defende desde as tripas con convicción da súa vixencia. O disco está dispoñible xa nas plataformas dixitais e hoxe mesmo comeza unha xira en auditorios e teatros que se prevé longa e con grandes cheos. Así será hoxe no Teatro Rosalía d'A Coruña que ten todas as entradas vendidas e nas vindeiras citas xa feitas públicas nas que comezan a escasear os billetes. Pontevedra o vindeiro 30 de marzo e Rianxo o 5 de abril, Vigo o 6 de abril e chegará a Santiago o 13 de abril. As entradas xa están á venda para todas as citas confirmadas.