Unha cantautora para o teu xardín
xuño 9, 2020
Ante as expectativas inmobiliarias actuais de que cada vez máis xente está a buscar casa con xardín ou leira onde pasar o verán ou onde entrar a vivir, sumadas a realidade da baixa actividade da música en directo, a cantautora Silvia Penide ven de facer da necesidade virtude e ofrecer os seu servizos a particulares nunhas determinadas condicións. Concerto na túa leira é o enunciado desta campaña pola que a artista ofrece a particulares que dispoñan dun espazo aberto a posibilidade de contratala para actuar en privado e nun abano de formatos que varían en canto á complexidade da posta en escena e o número de músicos a tomar parte. Os particulares que queiran gozar sos ou nunha reunión privada destes concertos deberán dispor dun espazo aberto non que poder asegurar as condicións de seguridade dos artistas, seguindo as normas de reunión e distanciamento estipuladas polas autoridades, así como de respecto ao entorno en canto a contaminación acústica. Silvia Penide ofrece para isto varios formatos, o máis básico o dela sóa, con guitarra e amplificación independente, pero tamén pode ir nun formato máis complexo acompañada por un ou varios dos músicos da banda coa que adoita facer os seus concertos: Paul Álvarez, Carla López e Bruno Couceiro. A artista ofrece así un abano de posibilidades que tamén supoñen diferentes orzamentos.
Silvia Penide tamén mantivo unha actitude creativa e emprendedora durante o confinamento, ofrecendo a "videodedicatoria" das súas interpretacións como agasallo entre particulares, especialmente, durante as peores semanas do confinamento . A cantautora afrontaba en marzo a fin da súa xira de El Efecto Boomerang, que quedou truncada e arestora se están a recolocar algunhas das datas de actuacións anuladas entón, como un concerto en Carballo, no Pazo da Cultura, previsto para o 17 de marzo, que agoira ven de pasar ao 24 de xullo, probablemente nunha praza. A súa axenda está aberta na actualidade a estes concertos a domicilio e non se descartan tampouco actuacións baixo pedido en instalacións de turismo rural, segundo o seu representante, Tomás Legido.