Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / SÉS salda contas coa canción de autor latinoamericana en 'Rabia ao silencio'

HOXE SAE á VENDA O SEU SEXTO DISCO E COMEZA XIRA CON CHEO N'A CORUñA

SÉS salda contas coa canción de autor latinoamericana en 'Rabia ao silencio'

CANTAUTOR | marzo 15, 2019

ses_rabiaosilencio.jpg

Agarrando a guitarra coma se dun fusil se tratase aparece unha muller que ben podería ser María Xosé Silvar "SÉS" no debuxo de Lidia Cao para a portada do seu sexto disco Rabia ao silencio (Autoeditado). O traballo, defendido meramente en acústico a guitarra e pouco máis, presenta unha ducia de cancións, todas elas versións e case todas de autores latinoamericanos, destacados na década dos anos sesenta e setenta polas súas letras de denuncia, combativas e reivindicativas de fonda carga social. Un tema do arxentino Atahualpa Yupanqui dá nome ao álbum, no que tamén hai sitio para Carlos Puebla, Mejía Godoy ou Zeca Afonso entre outros autores destacados da canción latina de autor. O disco conta coas colaboracións de Sabela Galbán (voz, acordeón e frauta) e Tito Calviño (guitarra) na gravación e de Xosé Lois Rivas "Mini" en arranxos das versións, ademais de incluír dous temas seus da etapa de Fuxan os Ventos: Brazos para a seitura e Muller, tema no que Sés dá mostra do seu bo facer no cantar tradicional das cantoras galegas. Sons que van desde a zamba Arxentina aos EUA (Raro froito, do poeta americano Abel Meeropol), pasando polo corrido mexicano de autoría anónima A Chamuscada. Todas elas cancións que Sés fai súas e defende desde as tripas con convicción da súa vixencia. O disco está dispoñible xa nas plataformas dixitais e hoxe mesmo comeza unha xira en auditorios e teatros que se prevé longa e con grandes cheos. Así será hoxe no Teatro Rosalía d'A Coruña que ten todas as entradas vendidas e nas vindeiras citas xa feitas públicas nas que comezan a escasear os billetes. Pontevedra o vindeiro 30 de marzo e Rianxo o 5 de abril, Vigo o 6 de abril e chegará a Santiago o 13 de abril. As entradas xa están á venda para todas as citas confirmadas.

datos do disco