Sés revisa o seu primeiro traballo con 'Readmirando a condición'
novembro 29, 2017
En xullo de 2011 irrompía na escena musical galega María Xosé Silvar, de nome artístico Sés, co seu primeiro disco Admirando a condición baixo o selo e produción da discográfica Airapro e ofrecendo once temas de rhythm & blues, jazz, rock, ritmos latinos e son big band en galego. Sés partía dunha banda anterior, Chámalle Xis!, un dos grupos gañadores do concurso Acoruna Son, apadriñado por Santiago Auserón. Aínda que paseniñamente a artista foi acadando recoñecemento e un lugar propio a base de sorprender cun directo potente e contestatario que a levou por todos os recunchos do país con este traballo e cos posteriores Co xenio destrozado (Fol Música, 2013), Tronzar os valos (Fol Música, 2015) e Opoñerse á extinción (Fol Música, 2016), talvez o seu álbum máis traballado e combativo ata o de agora e co que se elevou como referente claro dun novo xeito de canción-protesta reivindicativa en temas de liberdades, igualdade e defensa da lingua. Este venres a artista presentará no marco feira Culturgal de Pontevedra o que será o seu quinto disco Readmirando a condición. Entre o Admirando e o Readmirando entrarán as diferencias propias dun traballo autoproducido e independente no que se refai o seu primeiro disco desde a súa perspectiva e experiencias actuais e facendo del un traballo aínda máis persoal, se cabe co que implica que ela mesma tome as responsabilidades de produción e executivas. Readmirando a condición é tamén o tema combativo na súa liña co que abre o disco, que está composto por doce tracks escritos, musicados e arranxados pola propia Ses, que exerce nel de produtora musical e executiva. O disco só estará dispoñible á venda nos concertos de Sés e na súa web www.ses.gal. Este sábado e o domingo a partir das 17:00h a música estará asinando discos no seu propio posto.