Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O gaiteiro Xabier Blanco leva o premio IAR de Folclore

Xénero: Folk | 24 / 11 / 2010

imaxe non dispoñible

O teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá o vindeiro sábado 27 de novembro a entrega dos premios IAR de folclore galego na súa XIX Edición. Desta volta, o galardón foi para o gaiteiro Xabier Blanco, en recoñecemento ao seu traballo na recuperación de instrumentos pobres da nosa tradición e en particular encol da gaita de cana.

Berrogüetto gravará a súa actuación en Santiago para un DVD en directo

Xénero: Folk | 12 / 11 / 2010

imaxe non dispoñible

O concerto que este sábado dará o grupo Berrogüetto no Auditorio de Galicia ás 21 horas dentro do ciclo Sons da diversidade será rexistrado para presentarse posteriormente en DVD. Esta será a primeira gravación en directo desta prestixiosa e veterana formación na súa longa carreira con xa cinco discos editados. A formación tamén esta de actualidade xa que os seus temas Nadal de Luintra e Fusco son as únicas achegas xa non galegas senón nacionais á BSO da película The Way creada polo compositor Tyler Bates e na que tamén hai cancións de Coldplay, Alanis Morissette ou James Taylor.

Fía na roca despídese cun concerto en Glasgow

Xénero: Folk | 21 / 10 / 2010

imaxe non dispoñible

Un concerto no festival Celtic Connections, en Glasgow, o vindeiro mes de xaneiro, porá fin á carreira musical do grupo Fía na Roca. Logo de 17 anos de traballo, os membros do conxunto anunciaron nun comunicado que, aínda que non desbotan a posibilidade de retornar no futuro, "agora precisamos un descanso para refrescar as ideas e atender outras iniciativas".

O Proxecto Orquestral Cangas presenta o seu segundo disco in Crescendo

Xénero: Clásica/Lírica | 20 / 10 / 2010

not_17693.jpg

Un ano despois de ter sacado o seu primeiro traballo discográfico o Proxecto Orquestral Cangas ven de editar unha nova gravación de carácter cada vez máis profesional. In Crescendo é o gráfico título do novo disco da formación conformada por máis de corenta músicos saídos do Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Cangas baixo dirección de Alberto González Avilés. No disco, gravado en maio deste ano no Auditorio Municipal polo Servizo de Produción da Radio Galega, a orquestra ofrece seis temas compostos ou arranxados por Alberto González Avilés nos que, como no anterior traballo, hai presenza da música clásica e da música cinematográfica. Mil duascentas copias deste disco editado polo Concello de Cangas repartiranse entre conservatorios e escolas de música de toda Galicia e España, así como a varias localidades de Portugal.

Fluorescencias con jazz

Xénero: Jazz/Blues | 19 / 10 / 2010

imaxe non dispoñible

É a historia dun can cheo de pulgas ao que dous felinos vagamundos lle rouban o seu oso e coa axuda dun rato consegue recuperar o seu tesouro. A ritmo de jazz e facendo referencias aos debuxos americanos dos anos cincuenta, Galitoon conta unha historia sinxela sobre a amizade. Ademais, Botazz! O swing do jazz foi unha proposta do Imaxina Sons, o festival de Jazz do concello de Vigo, que quixo achegar este estilo musical aos máis pequenos. O resultado é unha obra de jazz para nenos contada con bonecos luminosos e música en directo.

Mercedes Peón e Cristina Pato tocarán no WOMEX

Xénero: Folk | 15 / 10 / 2010

imaxe non dispoñible

Vaise coñecendo a representación galega que acudirá ao coñecido festival musical WOMEX, en Dinamarca. Hai uns días facíase público que a organización do encontro seleccionar a galega Mercedes Peón para actuar na sección principal do mesmo o vindeiro 28 de outubro. Canda a ela, Cristina Pato participará no concerto que a marca Sounds from Spain desenvolve o día 29 no escenario offWOMEX. Canda a elas, entre o 27 e o 31 unha delegación da Axencia Galega das Industrias Culturais participará no evento dentro do posto de Sounds from Spain e confirmaron tamén a súa presenza os selos Maré, Zouma, Nordesía e Fol, asi como Budiño e a promotora Articket. Os asistentes ao encontro poderán coñecer a música galega a través dun duplo CD que amosa unha selección de grupos de xéneros como o pop-rock, o jazz e a música tradicional e folk.

o hip-hop de Mafia Galega representará ao galego no festival Liet Internacional

Xénero: Hip-Hop | 5 / 10 / 2010 + AUDIO

not_17592.jpg

Será por iniciativa dunha entidade deportiva non institucional -A Liga Nacional de Billarda (LNB)- que a lingua galega estea presente no Liet Internacional, o festival europeo das linguas minorizadas a través do hip-hop do grupo Mafia Galega. Nun momento no que ningunha entidade nin institución promoveu a presenza do galego neste festival musical para as linguas sen estado, a LNB presentou a candidatura do grupo co tema Billarda sempre, o himno da Liga Nacional de Billarda, con letra do poeta Xabier Cordal e música de Paco. O tema foi un dos cinco elixidos por un xurado internacional entre as 46 candidaturas. O 27 de novembro en Lorient (Bretaña) será unha das 11 finalistas deste certame. Esta será a cuarta ocasión que a lingua galega estea presente no Liet Internacional, despois de Uxía (2004), Narf (2006) e Boy Elliott & The Plastic Bags (2008). Por primeira vez a representación correrá a cargo dun grupo nacido na diáspora, en concreto na centroeuropea. En Xenebra (Suíza) o lugués Paco compón e canta na nosa lingua co seu grupo Mafia Galega.

Morre a artista Ana Kiro

Xénero: Melódica | 24 / 9 / 2010

imaxe non dispoñible

Era un dos rostros máis populares da televisión, aínda que comezou a súa carreira artística no mundo da música, onde editou máis de trinta discos. Ana Kiro (o seu nome real era María Dolores Casanova González) finou esta mañá no seu domicilio de Mera (Oleiros) por mor dun cancro que a mantivo apartada dos escenarios desde o ano 2006. A capela ardente cos seus restos quedarán instalados no auditorio Gabriel García Márquez de Mera.

Noitarega presenta o seu novo disco XXI

Xénero: Folk | 17 / 9 / 2010

not_17489.jpg

Para conmemorar os seus 21 anos de existencia desde o 1989 até o presente a agrupación Noitarega ven de sacar o seu terceiro disco XXI (Autoedición). O disco propón vinte temas e foi gravado nos Estudios Muu de Vigo baixo a produción de Pedro Feijoó e do mesmo grupo que, fiel ao seu estilo, nos amosa a clara evolución da banda e que conta coas colaboracións de Anxo Pintos (Berrogüetto), Ernesto Campos, Xaime Estévez (Os Terribles de Donas) ou Luís “O Caruncho”, entre outros.

Galantería revisada

Xénero: Melódica | 7 / 9 / 2010

not_17435.jpg

Twist, slow, swing, pasodobles, jotas, mambos…Marful colle o testemuño das pistas de baile dos anos sesenta para presentar un Manual de seducción. Un segundo traballo que dá paso á galantería e ao cortexo permanecendo fiel á súa esencia: o son das orquestras e dos cafés cantantes. O vindeiro día 16, o teatro Colón acollerá a estrea deste manual nun concerto anegado de sorpresas.

<< Inicio / Anterior . 931 a 940 de 1395 . Seguinte \ Fin >>