Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O CCG presenta Os instrumentos musicais na tradición galega, un amplo catálogo da etnografía musical do país

Xénero: Folk | 28 / 1 / 2011

imaxe non dispoñible

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe pola mañá Os instrumentos musicais na tradición galega, unha ampla versión interactiva e multimedia do libro orixinal editado polo Proxecto Ronsel coa autoría de Pablo Carpintero, un dos maiores expertos mundiais en patrimonio inmaterial. O Arquivo Sonoro de Galicia promoveu esta ambiciosa web que permite coñecer en detalle máis de 150 instrumentos do acervo tradicional de Galicia, a súa historia, os seus sons, e mesmo os procedementos de elaboración.

Quiosco: Sons da Galiza

Xénero: Folk | 13 / 1 / 2011

imaxe non dispoñible

El Rincón de Morgan, Susana Seivane, Carlos Núñez e Berrogüetto centran os contidos da entrega de xaneiro de Sons da Galiza. A publicación, desenvolvida por Óscar Martínez, está dispoñible íntegra no web do proxecto.

Avelaíña presenta Ciclo, o seu cuarto disco

Xénero: Folk | 28 / 12 / 2010 + VIDEO

not_18126.jpg

Percorrer ciclos temporais a través da música, achegando ao ouvinte as sensacións do outono, a noite ou o San Xoán. Esta é a proposta que fai o grupo folk Avelaíña en Ciclo, o seu cuarto CD, con temas como Xoves, Xaneiro, Madeira ou San Xoán. O disco, que está dispoñible nas tendas, pretende ser a base dun futuro espectáculo escénico chamado O ciclo do Camiño no que a música se mesture con narracións, proxeccións e efectos lumínicos e sonoros.

AGADIC edita un manual de boas prácticas para contratar músicos

Xénero: Miscelánea | 28 / 12 / 2010

not_18124.jpg

Como contratar músicos, emitir facturas, pagar cotas de seguridade social ou as obrigas fiscais á hora de repartir o caché son algunhas das cuestións que se tratan no Manual de boas prácticas que acaban de publicar a Axencia Galega das Industrias Culturais en colaboración coa asociación galega de músicos ao vivo. O texto, dispoñible en pdf pretende contribuír á dignificación deste traballo e resolver dúbidas básicas no sector, así como fomentar o cooperativismo entre os intérpretes.

Ouvirmos edita a fotobiografía de Lois Pereiro

Xénero: Miscelánea | 22 / 12 / 2010

not_18096.jpg

Lois Pereiro, autor homenaxeado no vindeiro Día das Letras, é a nova incorporación á colección de fotobiografía sonoras que edita Ouvirmos. A obra comprende unha ampla biografía elaborada polo irmán do poeta, o xornalista Xosé Manuel Pereiro ilustrada con preto de cen fotos tirada dos seus álbums familiares. Ademais, o pacote inclúe dous CDs, nun dos cales se pode escoitar a propia voz de Pereiro nunha entrevista que lle realizara pouco antes do seu falecemento Ana Romaní. O segundo CD inclúe unha selección dos seus poemas musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Fanny+Alexander, Nación Reixa e Radio Océano. Xurxo Souto asina o comentario de cada unha das cancións así como o artigo “A calma tensa”, no que analiza a relación de Lois coa música.Un artigo de Lino Braxe completa a obra.

Cantos na maré acolle un novo encontro buscando abrir mercados para a música

Xénero: Miscelánea | 17 / 12 / 2010

imaxe non dispoñible

Unha trintena de axentes do sector da música de Galicia, Brasil, Portugal, Alemaña, Polonia, Francia, Cataluña e Canarias reúnese desde hoxe en Pontevedra para debater novas fórmulas para os mercados culturais. Baixo o título título Outros mercados son posíbeis? falaráse de novos modelos sociais, innovación e diferentes modelos para a creación, produción, distribución e exhibición de música para renovar o mercado condicionado pola actual crise económica.

Mercedes Peón presenta o seu cuarto disco SÓS

Xénero: Alternativa | 15 / 12 / 2010

not_18057.jpg

…---… SÓS en código morse, é cuarto disco de Mercedes Peón e un punto de inflexión na súa carreira. Cos seus discos anteriores conseguiu situarse na escena world music a nivel europeo e co novo traballo, editado por Fol do grupo BOA, dá un paso máis como produtora, compositora e cantante, traspasando as fronteiras das músicas de raíz para situarse na vangarda musical. O tratamento do acústico como eléctrico e do eléctrico como acústico sitúana nunha esfera onde a súa proposta pode ter cabida en festivais como Sonar, Coachella ou Burning Man. Creado, tocado, producido e mesturado por ela mesma nos seus dez temas ...---..., é un exercicio de microcomposición, onde o resultado final, enténdese como unha superposición de capas e unha investigación incansable de novas formas de expresión. A artista foi elixida polo comité do Womex para presentar alí este traballo. O disco preséntase como unha edición limitada en caixa metálica serigrafada e distribuirase en Francia, Alemaña, UK, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Portugal, Dinamarca, Suecia, Noruega, Austria, Italia, Grecia e Xapón.

Luar na Lubre presenta Solsticio, o seu novo disco

Xénero: Folk | 29 / 11 / 2010 + AUDIO

not_17965.jpg

Dez anos despois da publicación de Plenilunio, Luar na Lubre presenta, o vindeiro 30 de novembro, Solsticio (Warner Music), un disco que o grupo considera que fecha un ciclo. A obra supón un retorno ás orixes acústicas e achega melodías desde a Idade Media ata a actualidade, co que queren "volver a definir Galicia e o seu espírito aberto a través da música". O disco, de quince temas preséntase en directo o vindeiro 2 de decembro en Alcalá de Henares. Entre outros, colaboraron no proxecto Miro Casabella, Nani García, Diana Navarro ou Pat Kilbride. Gravouse nos estudios Bruar. No seu My Space pódense escoitar xa algúns dos temas presentes na obra, como Ven bailar Carmiña e o Romance de Don Gaiferos.

Pesdelán presenta no Culturgal o seu primeiro disco

Xénero: Folk | 26 / 11 / 2010

not_17954.jpg

Este domingo ás 17 horas o Culturgal acollerá a presentación do primeiro disco de Pesdelán, Na punta do pé é o seu título. Trátase dun libro-CD-DVD que anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués. O traballo publicado en Galicia e Portugal (Pezinhos de lã) pola editorial Kalandraka, conta ademais coas ilustracións do portugués João Vaz de Carvalho. Dous anos despois da súa creación esta é a primeira gravación desta formación cuxos compoñentes foron ou seguen a ser parte doutro proxecto musical coñecido do panorama galego. Berrogüetto, Leilía, Alfolíes, Xochilmica, Almáciga ou a banda de Susana Seivane son algúns destes grupos dos sete artistas que integran Pesdelán. A proposta didáctica de Na punta do pé está dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera coa produción musical de Pedro Pascual e colaboracións como Guadi Galego ou Celina Piedade.

Tender pontes Soas

Xénero: Fusión | 24 / 11 / 2010 + AUDIO

not_17931.jpg

Dúas das artistas femininas máis destacadas do ámbito da nosa música tradicional únense nun novo proxecto. O CD Muller supón a presentación de Soas, a iniciativa conxunta de Cristina Pato e Rosa Cedrón. Nas 14 faixas do disco, editado no selo Fol Música de BOA, atopamos unha unión de letras vencelladas á tradición e á poesía do país cunha instrumentación máis achegada á música culta. Pianos, arranxos orquestrais ou violíns acompañan letras como Unha noite na eira do trigo de Curros Enríquez, Pomba dourada de Álvaro Cunqueiro ou mesmo Máis amor, texto de Yolanda Castaño. O disco conta coa colaboración da Bratislava Symphony Orchestra dirixida por David Hernando. As dúas músicas fálannos deste proxecto, que poderemos ver en xira a vindeira primavera, mentres o disco xa está dispoñible nas tendas.

<< Inicio / Anterior . 921 a 930 de 1395 . Seguinte \ Fin >>