Pesdelán presenta no Culturgal o seu primeiro disco
novembro 26, 2010
Este domingo ás 17 horas o Culturgal acollerá a presentación do primeiro disco de Pesdelán, Na punta do pé é o seu título. Trátase dun libro-CD-DVD que anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués. O traballo publicado en Galicia e Portugal (Pezinhos de lã) pola editorial Kalandraka, conta ademais coas ilustracións do portugués João Vaz de Carvalho. Dous anos despois da súa creación esta é a primeira gravación desta formación cuxos compoñentes foron ou seguen a ser parte doutro proxecto musical coñecido do panorama galego. Berrogüetto, Leilía, Alfolíes, Xochilmica, Almáciga ou a banda de Susana Seivane son algúns destes grupos dos sete artistas que integran Pesdelán. A proposta didáctica de Na punta do pé está dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera coa produción musical de Pedro Pascual e colaboracións como Guadi Galego ou Celina Piedade.