Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A formación Deseqilibrio Mental presenta o seu primeiro disco de estudio

Xénero: Rock | 11 / 3 / 2011

not_18557.jpg

Practicamente nove anos despois de comezar a súa andadura musical a banda de rock Deseqilibrio Mental ven editar o seu primeiro traballo de longa duración Con Q sin U no selo Lobicán Records, doce pezas con letra en galego gravadas nos estudios Pousada Son. Anteriormente o grupo resultara gañador do 3º Certame Música Xove 2010 e participara no compilatorio de bandas de rock compostelás Come on Pelegrín (2010) e publicara un EP , Adianto (2009). O grupo parte do rock metal para tratar nos seus temas diversas cousas que acontecen a miúdo na sociedade actual, en ton de protesta social. Actualmente Deseqilibrio Mental están presentando en directo o seu novo traballoCon Q sin U ó longo de todo o territorio galego comezando por hoxe mesmo en Santiago na Sala Nasa onde compartirán escenario coa banda Kertuler.

Siniestro total renuncia a optar á Mellor Canción en Galego nos Premios da Música

Xénero: Rock | 2 / 3 / 2011

imaxe non dispoñible

A candidatura de Siniestro Total á Mellor Canción en Galego nos vindeiros Premios da Música acaba de ser retirada polo propio grupo. Nun comunicado no que agradecen os votos recibidos nese sentido, o grupo vigués solicita ser descartado da categoría e reclama que non se vote o seu tema. Segundo comunican, esta categoría dos premios debería recoñecer a grupos e solistas que empregan de xeito habitual a nosa lingua na súa carreira.

Doce anos de festa

Xénero: Folk | 2 / 3 / 2011

not_18498.jpg

Once anos mallando é o título do novo disco de Quempallou. O grupo, referente do folk máis bailable no noso país, bota man dos seus tres lanzamentos anteriores para artellar unha selección de temas na que se pode percibir a evolución artística do seu son. No entanto, malia a esta ollada atrás, a formación non para e anuncia que despois do verán comezarán a gravar un novo álbum. Roi Maceda, acordeón do grupo, explícanos como se xestou este disco e como se desenvolveu unha carreira que, malia ao título, comezou hai doce anos.

Ourense lembra a Faustino Santalices cunha exposición e un congreso

Xénero: Folk | 22 / 2 / 2011

imaxe non dispoñible

O inestimable traballo de Faustino Santalices na recuperación de instrumentos populares como a zanfona e as gaitas, ou na divulgación do toque fechado para este insturmento, está a ter estes días recoñecemento na Cidade de Ourense. O Museo Municipal acolle a exposición Ciencia da gaita, Consciencia da zanfona, que se complementará o vindeiro días 26 cun concerto de zanfona e cun congreso sobre estas cuestións que se celebrará os días 11 e 12 de marzo coa participación de 14 investigadores.

Roi Casal presenta Maxicamente vello

Xénero: Pop | 18 / 2 / 2011

not_18433.jpg

Un concerto, ás nove e media desta noite, na Sala Capitol de Santiago servirá de presentación a Maxicamente vello o novo disco de Roi Casal. O arpista de Milladoiro continúa a súa carreira en solitario con nove temas entre os cales está o que lle dá título ao CD, tirado dun poema de Manuel María que Casal musicou. Dentro do folk, o músico experimenta achegándose a tons pop e rock con instrumentos como a zanfona e bouzouki ademais da arpa. Roi Casal inclúe no disco un código de usuario e un contrasinal co que se pode acceder a unha zona restrinxida da web www.roicasal.com, que incluirá novidades, cancións inéditas e descontos para futuras actuacións ao vivo do músico e compositor galego. O Teatro Rosalía de Castro, na Coruña, continúa unha xira que durará, nun comezo, dous meses.

A música en galego dase cita no foro Percebe Son

Xénero: Miscelánea | 17 / 2 / 2011

not_18417.jpg

O IES Audiovisual de Vigo acolle Percebe Son, un foro dedicado á música en galego que se celebra hoxe. O encontro inclúe un coloquio no que participan Xurxo Souto, a rapeira Aíd, Tonhito de Poi, Sergio Lago (de toupa.net), e Xocas López, da empresa de xestión cultural Eme2 e batería de The Homens. Ademais, desde o propio evento retransmitirase o programa Planeta Furancho e celebraranse actividades de Galeoke, billarda e proxeccións de videoclips. Un concerto acústico de Ataque Escampe e outro a cargo de Som do Galpom, Terbutalina e Marxe Eskerda completarán a xornada.

A crise sonora

Xénero: Alternativa | 15 / 2 / 2011

imaxe non dispoñible

Hai apenas unha semana, a banda Ataque Escampe anunciaba, mediante un comunicado a súa intención de “decrecer”. Deste xeito, os membros do grupo encargaranse da produción e da xestión integral do que será o seu cuarto disco. Segundo explicaban, son tempos duros para os proxectos musicais en Galicia, fundamentalmente por mor da crise e mais polas mudanzas nas políticas públicas de apoio ao sector. “Pensabamos que o noso proxecto corría á marxe das institucións e non era así”, sinalan no seu comunicado. Indagamos as causas que están detrás destas mudanzas do sector cun dos seus membros.

Mercedes Peón e SondeSeu comparten o Premio Opinión a mellor disco folk do ano

Xénero: Folk | 14 / 2 / 2011

imaxe non dispoñible

É un premio que conceden os críticos musicais de diferentes medios de comunicación, desde Radio 3 ata Tempos Novos pasando por La Opinión (medio convocante deste concurso) ao mellor disco folk do ano. A décima edicións dos Premios Opinión recaeu “ex aequo” en Mercedes Peón e SondeSeu polos seus traballos Sós e Barlovento. Ambos discos recibiron 15 puntos nunha votación na que Berrogüetto (co disco Kosmogonías) quedou terceiro con 11 votos.

Ialma celebran con Simbiose o seus 10 anos de traxectoria musical

Xénero: Folk | 14 / 2 / 2011

not_18397.jpg

As belgas de orixe galega Ialma publican hoxe Simbiose (Fol Música) o que é o seu cuarto traballo co que ademais celebran o seu décimo aniversario como formación. As cinco cantareiras fillas da emigración galega usan de novo as súas raíces culturais musicais como base para este disco no que tamén achegan outras influencias musicais modernas na procura dun traballo diferente e especial con respecto aos anteriores. Nos doce temas que integran Simbiose poden atoparse sons tradicionais galegos mesturados con rap, música medieval ou pop e a colaboración do 10 artistas galegos de 10 disciplinas que pechan o círculo dos seus 10 anos de traballo conxunto. Así contan coa colaboración do escritor Xavier Queipo, o rapeiro El Puto Coke, Uxía e Quique Peón entre outros. Ialma son Nuria Aldao, Natalia e Verónica Codesal, Magali Menéndez e Marisol Palomo.

O que non toca é porque non quere

Xénero: Folk | 1 / 2 / 2011

imaxe non dispoñible

Chifres de pedra, petardos, trompas feitas con cortiza de castiñeiro, estraños aparellos representados en esculturas románicas... A creatividade dos galegos para facer música é asombrosa. Agora, o web Os instrumentos musicais na tradición galega pon na rede, da man do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura, o traballo homónimo de Pablo Carpintero e recolle máis de 150 formas diferentes de facer música rexistradas no noso patrimonio. Coñece neste proxecto como tocar, e fabricar, algúns dos instrumentos máis orixinais.

<< Inicio / Anterior . 911 a 920 de 1395 . Seguinte \ Fin >>