Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Sae á venda The Tambourine Man de Xabier Díaz

Xénero: Folk | 7 / 10 / 2015

tambourine_man_xabier_diaz.jpg

Hoxe mesmo chega ás tendas o novo disco de Xabier Díaz. O ex cantante de Berrogüetto presenta un ambicioso proxecto no que, en colaboración coas Adufeiras de Salitre, reinterpreta cun enfoque vangardista once temas tradicionais galegos e un castelán. O cantor conta tamén neste proxecto con colaboracións como as de Kepa Junkera, Aleix Tobias, Xosé Manuel Budiño, Fernando Barroso ou Alfonso Merino nun disco no que a percusión ten un peso destacado e que o propio Díaz sinala como un punto de inflexión na súa carreira. O proxecto, que ve a luz da man do selo Músicas de Salitre, preséntase ao vivo o vindeiro 16 de outubro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Madrid e o festival Tradicionarius de Barcelona son as vindeiras paradas previstas na xira de presentación.

O Cuarteto caramuxo retorna con Arrieiros somos

Xénero: Folk | 28 / 9 / 2015

arrieiros_somos_caramuxo.jpg

Cunha formación anovada, na que Alonso Caxade cedeu posto a Marcos Padrón, e logo de varios anos, o Cuarteto Caramuxo estivo a presentar este verán o seu novo traballo. A seguir no estilo da formación, Arrieiros somos parte da tradición, neste caso de melodías do Cancioneiro Galego de Castro Sampedro, para a as reinterpretar con toques de jazz, swing ou mesmo funk. Logo de visitar eventos como o Festival de Ortigueira ou o Festival de Poesía do Condado, o grupo actuará compostela o vindeiro 16 de outubro para presentar o disco no marco do Festival Martín Códax.

Xardín Desordenado homenaxea as poetas en Aprendedo a ladrar

Xénero: Melódica | 16 / 9 / 2015

aprendendo_ladrar_xardin_desodernado.jpg

Nado co obxecto musicar textos de poetas galegos, o grupo Xardín Desordenado continúa con esta teima no seu segundo disco. Aprendedo a ladrar, que acaba de ver a luz, preséntase como unha homenaxe ás autoras de lírica do noso país. Un total de dezasete temas percorren deste clásicas como Rosalía ata nomes contemporáneos como Carmen Krukemberg, Marica Campo, Marta Dacosta, Luz Pichel, Enma Pedreira, Yolanda Castaño ou Maria Lado. Gravado nos estudios Villa Angelina de Vigo, o disco ve a luz grazas ao éxito dun crowdfunding promovido polo grupo. Santiago Ferragud, Marlene Rodrigues, Isaac Garabatos, David Outumuro, Blas Segura e Lorenzo Boo son os responsables desta iniciativa, que se presenta mañá xoves no auditorio Afundación da Coruña e o venres no de Vigo.

Camarada Nimoy voltan con Alucinacións acústicas

Xénero: Miscelánea | 9 / 9 / 2015

alucinacions_acusticas_camarada_nimoy.jpg

Unha edición en vinilo, ao igual que no seu primeiro lanzamento, é o formato escolleito por Camarada Nimoy para dar a coñecer o seu segundo traballo. Alucinacións acústicas achega doce temas acústicos na liña do grupo, unha mestura de jazz, rock e psicodelia que foxe de definición. Segundo sinala o propio conxunto, Camarada Nimoy "non son unha banda de space age pop, de psicodelia, de jazz, de rock, de de lounge, de exótica… pero moito gozan de todos e cada un destes xéneros". O local Charenton, en Vigo, acolle o vindeiro sábado 12 o concerto de presentación do novo traballo, que tamén se pode escoitar íntegro en Bandcamp.

Espazos Sonoros presenta dez concertos na súa VIII edición

Xénero: Miscelánea | 3 / 9 / 2015

imaxe non dispoñible

A seguir a liña dos últimos anos, o ciclo Espazos Sonoros chega á súa VIII Edición a programar un total de dez recitais en lugares de interese cultural de todo o país. O grupo La Morra estrea o programa na Igrexa de San Nicolao de Cis, en Oza-Cesuras o vindeiro 13 de setembro. Canda a este, haberá recitais do Coro Vox Stellae e os Menestreis de 1500 (Monforte de Lemos), Tunde Jegede e Diana Baroni (CGAC, Santiago de Compostela), La Macorina (Mosteiro de Carboeiro, Silleda)ou Joel Frederiksen, que actuará na Igrexa de Santa Liberata en Baiona.

Sérgio Tannus continúa coa música para os máis novos con Alegría!

Xénero: Infantil | 17 / 7 / 2015

alegria_tannus_capa.jpg

Trece cancións e mais un conto, con ilustracións de Luís Baralla, compoñen o último traballo de Sérgio Tannus. O canto "brasilego", como el mesmo se define, debuta como escritor no último lanzamento de Galaxia coa colección Sonárbore. Alegría! conta a historia de Allegra, un bichiño que busca mellorar o seu estado de ánimo. Unha viaxe e o encontro con novos amigos axudaranlle a mudar a súa perspectiva sobre a vida. Temas optimistas, na liña do traballo que o autor xa amosou en obras como María Fumaça, compoñen o proxecto. O Festigal acollerá, o vindeiro 25 de xullo, a presentación do álbum en Compostela.

Os Melidaos asinan Festa na Codeseira

Xénero: Folk | 15 / 7 / 2015

festa_na_codeseira_os_melidaos.jpg

Dezasete pezas de corte tradicional, das cales 15 foron compostas por Antonio Raposo, conforman o novo traballo de Os Melidaos. O grupo presenta Festa na Codeseira cunha forte aposta pola voz, ao incluír nove temas cantados. Ritmos como pasodobres, muiñeiras, valses, marchas de procesión, foliadas, pasacorredoiras e alalás están presentes no álbum, en moitos casos con material recuperado de arquivos dos Coros Históricos, de diferentes cuartetos ou recollidas polos propios membros do grupo. Os Melidaos están a desenvolver ao longo do verán a xira de presentación deste traballo. Entre outras citas, confirman concertos en Santo Estevo de Ribas de Sil (17 de xullo) e as festas de Santa Ana de Mera o día 25.

A carreira de Carlos Estévez continúa Tradicionalmente

Xénero: Folk | 14 / 7 / 2015

tradicionalmente_carlos_estevez.jpg

Tradicionalmente é o título do segundo traballo do gaiteiro Carlos Estévez. Este intéprete continúa a se mergullar no noso patrimonio musical e achega as súas creacións para gaitas, fundamentalmente para dúos. Un libro-disco con 12 pistas de audio eu partituras para un total de vinte compoñen, da man da editorial Ton e Son, este lanzamento, que xa se pode atopar nas tendas a un prezo de 15 euros. As prezas foron rexistradas no estudio ChisPún de Vigo. Co mesmo título, o autor xa publicara no seu BandCamp, co mesmo título, unha serie de pezas nas que se mesturaba a creación propia con temas tradicionais interpretados por el mesmo.

Vozzyow debuta con Petroglifos Mogor

Xénero: Fusión | 9 / 7 / 2015

petroglifos_mogor_vozzyow.jpg

Logo de apenas un ano de traballo, os composteláns Vozzyow publican o seu primeiro traballo discográfico. A ourensá discos Porno lanza Petroglifos Mogor, un volumen que recolle nove temas de post punk-rock escuros e cheos de guitarras e de distorsión, na liña que caracteriza esta banda. O traballo foi gravado ao vivo e mesturado por Toño Vázquez nos estudios da CRTVG. El Puticlú na Coruña acolle a vindeira actuación do combo, nun concerto compartido con Rizoma o vindeiro dez de xullo.

Guilherme e Bastardo abren a colección de música de Axóuxere

Xénero: Fusión | 8 / 7 / 2015

Veredevere_gilherme_bastardo2.jpg

A editorial Axóuxere acaba de presentar o primeiro volume da súa colección Euterpe, coa que abre unha liña dedicada á música. Verevedere é o disco debut do dúo Guilherme e Bastardo, que levan varios meses a presentar polo país esta iniciativa e desenvolveron unha campaña de crowdfunding para a facer realidade. A mestura de canto tradicional, world music, postpunk e electrónica do grupo conta con colaboracións como as de Teresa Moure, Najla Shami ou Mig Seoane e inclúe versións musicadas de textos de Raida Rodríguez, Xelís de Toro, Márcio-André, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Arthur Rimbaud. O álbum presenta os seus doce cortes nun formato de libro-CD que conta con ilustracións de Séchu Sende. O Encontro de Embarcacións Tradicionais que se celebra o vindeiro 11 de xullo e Cabo de Cruz servirá de presentación deste traballo, que sae á venda por vinte euros.

<< Inicio / Anterior . 621 a 630 de 1445 . Seguinte \ Fin >>