Espazos Sonoros presenta dez concertos na súa VIII edición
setembro 3, 2015
A seguir a liña dos últimos anos, o ciclo Espazos Sonoros chega á súa VIII Edición a programar un total de dez recitais en lugares de interese cultural de todo o país. O grupo La Morra estrea o programa na Igrexa de San Nicolao de Cis, en Oza-Cesuras o vindeiro 13 de setembro. Canda a este, haberá recitais do Coro Vox Stellae e os Menestreis de 1500 (Monforte de Lemos), Tunde Jegede e Diana Baroni (CGAC, Santiago de Compostela), La Macorina (Mosteiro de Carboeiro, Silleda)ou Joel Frederiksen, que actuará na Igrexa de Santa Liberata en Baiona.
O recital de clausura, o 28 de outubro, estará dedicado a Filgueira Valverde, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano. Será Óscar Ibáñez Trío o responsable de lembrar a gravación histórica que o vello profesor auspiciara en 1947 da Marcha do Corpus. O concerto servirá tamén para presentar o libro Xan Tilve, Gaiteiro de Campañó dedicado precisamente ao intérprete orixinal daquel recital.