Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O Val das Mouras homenaxea a Rosalía no seu primeiro disco
Xénero:
| 3 / 7 / 2015Un grupo galego catalán de música folk que centra en Rosalía de Castro o seu primeiro traballo. Así é O Val das Mouras, conxunto que está a presentar Rosalía. Unha colección de once poemas de Follas Novas musicados e interpretados con flauta, guitarra, violonchelo, acordeón e percusión acompañados da voz de aires pop de Laura Lorenzo. O volume, stá dispoñible en plataformas dixitais e en formato físico.
Puntada Sen Fío preséntase con A lúa prendeu a luz
Xénero:
| 2 / 7 / 2015Xiana Lastra, Juan Collazo e Roberto Rama compoñen Puntada Sen Fío, un grupo enfocado na tradición musical que acaba de publicar o seu primeiro traballo logo dun exitoso proceso de crowdfunding na plataforma Verkami. A lúa prendeu a luz achega nove temas "de moi diferentes estilos, partindo algúns do tradicional e sendo outros composicións propias, de autores da nosa terra ou traducións de cantigas escritas orixinariamente noutras linguas". O grupo aposta por instrumentos orixinais, como o saxo, o vibráfono ou a percusións para interpretar uns temas nos que a tradición ten un importante peso. A Feira do Viño de Caldas, o 3 de xullo será a vindeira cita ao vivo deste conxunto.
Un libro disco recupera o traballo de Siderio de Vilarmide
Xénero:
| 1 / 7 / 2015Desiderio Sampayo Rico, Siderio de Vilarmide é o título do libro-CD que acaba de presentar a editorial Canela. A obra explora o traballo deste investigador e intérprete da música tradicional que desenvolveu a súa actividade desde A Pontenova. A música de tradición oral conservada e interpretada por este músico, a súa biografía, repertorio e técnica, os artesáns que elaboraron os seus instrumentos ou o estudo da música de gaita na zona son algúns dos temas que se tratan. O volume inclúe textos de especialistas como Pablo Quintana, Daniel Carballo, Pablo Carpintero ou Luis Correa O Caruncho, ademais de fotografías de Vicente Ansola entre outras tiradas de diferentes arquivos. O estudo complétase cun CD no que o propio Siderio interpreta, canda a Constante de Valiña e Modesto de Murias 21 temas tradicionais inéditos ata o momento.
Tu mujer nos engaña presenta o macroproxecto Malas linguas
Xénero:
| 29 / 6 / 2015Nada menos que catro CDs, cun total de corenta temas cantados en galego, castelán e inglés, compoñen Malas linguas. Desde Silleda, o grupo Tu Mujer nos Engaña presenta o seu segundo traballo de estudio, un ambicioso traballo de estudio no que a súa proposta de rock-fusión conta con colaboracións de luxo como son as de Alberto Cereijo (Los Suaves), Oscar Avendaño (Siniestro Total), Fernando Madina (Reincidentes), La Pegatina, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Bocixa (Zënzar), Xose A. Touriñán e Marcos Pereiro (Mucha e Nucha), Apenino ou Piti Sanz entre moitos outros. Logo de dous anos sen tocar ao vivo, o Derrame Rock marcou o comezo da xira de presentación do proxecto, que levará o grupo polas principais cidades de Galicia ao longo dos vindeiros meses.
O Jazz in Galiza Series presenta o seu segundo volume
Xénero:
| 23 / 6 / 2015Unha gravación ao vivo no Teatro Principal de Pontevedra en xullo de 2012 é a base de Jazz in Galiza series volume II. Free Code Jazz Records presenta a segunda entrega desta liña na que se amosa o traballo combinado de creadores galegos deste xénero con músicos foráneos. En concreto, nesta ocasión os oito temas que se presentan da man de Virxilio da Silva, Alberto Vilas, Chus Pazos, Corcoran Holt, Xan Campos, Iago Fernández, Javier Pereiro, Max Gómez, Fernando Sánchez e Rosolino Marinello. O volume marca as cen referencias da discográfica que dirixe Paco Charlín.
Davide Salvado cria Lobos
Xénero:
| 12 / 6 / 2015Dez novos temas nos que, a seguir a súa liña, Davide Salvado reinterpreta os sons máis tradicionais. Esta é a proposta que o artista fai en Lobos, o traballo que acaba de presentar da man de Fol Música e que chega ás tendas o vindeiro 16 de xuño. O álbum conta coa produción de Pedro Pascual e con colaboracións de Xavi Lozano, Quim Farinha, Miguel Hiroshi ou LAR Legido entre outros. Xa están dispoñibles na rede os tres primeiros singles A vida, Lobos, Gargamala.
O Seminario de Jazz de Pontevedra presenta o seu novo disco
Xénero:
| 11 / 6 / 2015Un doble disco con 24 temas recolle o traballo do 13 Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Trinta e tres músicos amosan o seu bo facer a interpretar dúas ducias de temas que van desde clásicos de Bill Evvnas, Duke Ellington ou Jay Livingston ata composicións de Abe Rábade, Pedro Freijeiro ou Antonio Castillo entre outros. O álbum, que sae editado pola discográfica galega Freecode Jazz Records, gravouse en xuño do pasado ano no Teatro Principal de Pontevedra. Precisamente este espazo acollerá o vindeiro domingo 14 de xuño o concerto fin de curso da décimo cuarta promoción do Seminario.
Roberto Sobrado presenta Atlas de Anatomía
Xénero:
| 9 / 6 / 2015Un concerto por todo o alto, para a que mesmo chegou a convocar un crowdfunding. Esta é a proposta coa que Roberto Sobrado quere presentar, o vindeiro 11 de xuño, o seu novo traballo no Salón Teatro de Compostela. A conmemorar vinte anos no mundo da música, o músico publica o Atlas de Anatomía, quinto disco coa súa banda. Dez temas autoeditados de pop-rock-blues en galego nos que sobrado conta co acompañamento de Rafa Campoy (guitarra eléctrica), Gustavo Fernández (baixo), Germán Daponte (saxo)e Paulo Silva (batería).
Ardentía convida a avanzar na música tradicional con Adiante
Xénero:
| 5 / 6 / 2015Con portas na capa e convidando a pasar, Ardentía presenta o seu novo traballo. Adiante explora as posibilidades da música de raíz a amosar que pode ser "rica en matices, variada, amplia, complexa". Logo de 25 anos de carreira, o grupo achega unha colección de temas nos que se mesturan a tradición con composicións propias e aos que lles achega unha instrumentación que inclúe gaita, saxofon, acordeon, anfona, bouzouki, guitarra, contrabaixo, frauta, percusións e voces. O grupo presenta o novo álbum cun concerto esta noite na Gentalha do Pichel, en Compostela.
Uxía e Narf cantan xuntos as Baladas da Galiza Imaxinaria
Xénero:
| 2 / 6 / 2015Cantaron por vez primeira xuntos nunha xira por Sudamérica na primavera de 2014. O encontro deu nunha integración dos sons eléctricos de Narf coa voz de raíz de Uxía. Logo dunha serie de concertos por todo o país, o dúo entrou no estudo Asisí no outono pasado e presenta agora o resultado desta colaboración. Baladas da Galiza Imaxinaria presenta unha mestura de temas compostos para ocasión con reinterpretacións do repertorio dos dous músicos. As once cancións do álbum combinan letras de Rosalía, Castelao, Curros ou Federico García Lorca con temas como Alalá das Mariñas. O álbum preséntase de xeito oficial cun micro recital no Mercado de Abastos de Compostela na mañá do 3 de xuño. Un concerto no Salón Teatro de Santiago de Compostela o 10 de xuño servirá de presentación do álbum.