Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Das Kapital despídese cun último EP

Xénero: Electrónica | 7 / 4 / 2015

daskapital_daskapital.jpg

Cinco temas numerados nun EP igualmente anónimo. Das Kapital despídese sen nomes cun EP que xorde "cun ollo nas polirritmias ensaiadas por Einstürzende Neubauten ou Cut Hands e outro na asfixia dos tempos en curso, a banda procura alertar da posibilidade da derrota e emite un berro de auxilio", segundo explica Discos da Máquina. O volume, xa dispoñible na rede, contará tamén cunha edición fisica limitada. Finalizan así catro anos de carreira marcada polo compromiso e a experimentación sonora e que obtivo unha grande aceptación da crítica.

A Central Folque reivindica a historia de Amadeo Goyanes

Xénero: Folk | 6 / 4 / 2015

amadeo_goyanes_folque.jpg

Pablo Quintana é o autor da investigación que recolle a historia de Amadeo Goyanes, ferroviario e un dos pioneiros na recuperación da zanfona no noso país. A Central Folque acaba de publicar este traballo na forma do libro-CD Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de monforte. Canda a un repaso pola vida e obra deste músico, que creou a primeira escolanía de zanfonas do país, a obra inclúe partituras e edítase acompañada dun CD no que se poden escoitar pezas inéditas de Goyanes.

Manoele de Felisa Canta a lúa coas estrelas

Xénero: Infantil | 25 / 3 / 2015

canta_a_lua_coas_estrelas_manoele_felisa.jpg

Textos de Rosalía Morlán musicados e interpretados por Manoele de Felisa. Esta é a proposta de Canta a lúa coas estrelas, a nova proposta deste músico que acaba de saír do prelo da man de Arteson Producíóns. O proxecto preséntase en formato libro-CD e conta con ilustracións de Isabel Albela. As cancións do volume son poemas dos tres libros que ten publicado Rosalía Morlán, ademais de cinco textos inéditos, que se dirixen a toda a familia segundo a autora. Manoele de Felisa está acompañando nesta iniciativa polo grupo infantil Os Piñeiriños.

Ruxe-Ruxe traenos Un mundo perfecto

Xénero: Rock | 18 / 3 / 2015

un_mundo_perfecto_ruxe_ruxe.jpg

A Sala Capitol de Compostela acollerá o vindeiro 14 de abril o concerto de presentación de Un mundo perfecto. O novo disco de Ruxe-Ruxe, que sae hoxe á venda, estrearase nun concerto no que a veterana banda compostelá estará acompañada de Biribirlocke. Catorce novos temas que manteñen a personalidade da banda. Cancións ancoradas no rock, letras reivindicativas e temas urbanos complétanse con acompañamentos de metal e aires ska e mestúranse con propostas máis líricas en temas como Refachos ou Nada máis. Editado por Lobicán Records, o novo proxecto está a venda en formato físico e dixital.

Sés comeza a Tronzar os valos

Xénero: Pop | 11 / 3 / 2015

tronzar_os_valos_ses.jpg

O vindeiro 24 de marzo sae á venda da man de Fol Música o novo disco de María Xosé Silvar Sés. Tronzar os valos propón doce novos temas nos que se atopan blues, rock e ritmos latinoamericanos coa voz inconfundible e comprometida da cantante. De xeito previo ao lanzamento, están a se facer públicos os tres primeiros singles. Así, a Tronzar os valos e Opio barato, xa dispoñibles nas redes, seguirá o vindeiro 17 de marzo 2000 anos máis. A xira de presentación comezará o vindeiro día 27 no teatro Afundación de Vigo, e continuará o 28 no Pazo da Cultura de Narón.

Coanhadeira dá os seus Bicos con luvas

Xénero: Folk | 10 / 3 / 2015

bicos_con_luvas_coanhadeira.jpg

O Teatro Principal de Santiago acolle a presentación, o vindeiro 14 de marzo, do terceiro disco de Coanhadeira. Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding en Verkami, o grupo ourensán presenta Bicos con luvas, un proxecto que presenta cortes nos que o folk se mestura con toques de jazz. Batería, acordeón, bouzouki ou zanfona alíanse para artellar melodías complexas e sofisticadas que non abandonan a base tradicional. Gravado nos vigueses MuU! Estudios, o álbum Logo do concerto inaugural, a xira de presentación continuará por Ourense (Teatro Principal, 27 de marzo), Cangas (Salasón 5 de abril) e mais Vilar de Santos (A arca da Noe, 11 de abril)

Outro Felipe Villar Trío

Xénero: Jazz/Blues | 9 / 3 / 2015

outro_f_villar_trio.jpg

Un ano despois de Home, Felipe Villar Trío volta á escena discográfica con Outro. Logo de participar no ciclo Girando por Salas, a formación composta por Felipe Villar á guitarra, Jose Manuel Díaz ao contrabaixo e Max Gómez á batería lanza nove temas nos que a experimentación no jazz combínase con aires melódicos na guitarra de Villar. O volume, editado por Free Code Jazz Records, pódese escoitar en BandCamp e na páxina do músico. A xira de presentación comezou o pasado 4 de marzo no coruñés Jazz Filloa, e continuará por Vigo (17 e 18), e diferentes salas do Estado ata voltar a Compostela o 19 de xuño.

Ouvirmos publica as primeiras gravacións lucenses

Xénero: Folk | 5 / 3 / 2015

cantigas_aturuxos_1918_ouvirmos.jpg

O Salón de Actos da Deputación de Lugo acollía onte a presentación do último lanzamento da discográfica Ouvirmos no marco da súa colección A Tiracolo. O libro-CD Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio lucense. 1918 recolle en 188 páxinas a biografía desta histórica formación lucense da mana de Ramón González González. O disco inclúe ademais vinte temas entre os que se atopan os primeiros que se gravaron na provincia, en 1918. Entre eles, unha gravación tan importante como o primeiro rexistro sonoro do Himno Galego. O volume complétase cunha segunda xeira de gravacións realizada dez anos despois.

Pelepau convida ao ritmo de Fío e agulla

Xénero: Folk | 27 / 2 / 2015

fio_e_agulla_pelepau.jpg

Trece temas nos que os ritmos tradicionais galegos atópanse con percusións doutros lugares do mundo. Esta é a proposta que fai o grupo vigués Pelepau no seu primeiro álbum, Fío e agulla. O conxunto de doce percusionistas, nado en 2010, lanza da man de Inquedanzas Sonoras esta proposta, na que amosa o seu bo facer a explorar novos terreos para os instrumentos de sempre. A Repichoca acolle na Coruña o vindeiro concerto de presentación do proxecto na noite do 27 de febreiro.

Cantos que veñen de lonxe recupera a Neira Vilas cantado

Xénero: Miscelánea | 26 / 2 / 2015

cantos_venhen_lonxe_neira_vilas.jpg

En 1960 o Gran Teatro Solís de Montevideo acollía a presentación dunha serie de poemas de Xosé Neira Vilas musicados. Case sesenta anos despois, un proxecto recupera as partituras orixinais daquela actuación e reúneas nun disco. Cantos que veñen de lonxe, editado por eMe Audiovisuais, é un libro-CD no que estas partituras se acompañan de ilustracións de Xosé Vizoso. O tenor Cesáreo Torres e mais o pianista Alejo Amoedo son os responsables de lle por voz e música aos textos do autor de Gres.

<< Inicio / Anterior . 611 a 620 de 1395 . Seguinte \ Fin >>