Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O Son dos Arrieiros volve á Estrada

Xénero: Miscelánea | 21 / 9 / 2023

imaxe non dispoñible

Comeza a conta atrás para que o festival O Son dos Arrieiros inunde de música en directo as rúas do Concello da Estrada esta fin de semana. A terceira edición deste festival de carácter gratuíto presenta ata unha decena de propostas artísticas de diferentes tendencias musicais, todas galegas, coa intención de amosar que é posible formular propostas de éxito en clave territorial. O cartel conta con nomes como Boyanka Kostova, Malendrómeda, BabyKatze, hydn ou Guezos, entre outros. Este evento trata de ser un escaparate para recoñecer a valía de bandas e artistas noveis seleccionando as propostas da nosa terra e integrándoas en espazos urbanos para poñer en valor a creación musical a plena luz do día. Con vontade continuísta, a organización aposta novamente por un evento paritario tanto enriba como debaixo do escenario organizado pola produtora musical dotbeat! co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello da Estrada.

Mondra publica o seu LP de debut ARDĒN

Xénero: Electrónica | 20 / 9 / 2023

ARDEN_by_Zeltia_Iglesias.jpg

Hoxe é o día que o primeiro disco longo de Mondra, ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) sae á luz. Tras presentar varias das cancións que forman parte deste disco ao longo dos pasados meses o artista de Teo publica hoxe nas plataformas dixitais este disco composto por dez temas, producido por Berto e editado por Altafonte que tamén se distribuirá en formato CD de edición limitada na que cada copia será única. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interveu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como Fnac, El Corte Inglés e Amazon.

Grande Amore presenta o seu segundo disco

Xénero: Electrónica | 14 / 9 / 2023

GrandeAmore_II.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible nas plataformas o segundo disco de Grande Amore, o proxecto de Nuno Pico xunto a Clara Redondo e mariagrep. Baixo o título de "II" e o selo de Ernie Records este traballo ofrece dez temas orixinais dos que catro deles xa foron previamente adiantados: 'Do meu corpo van nacer outros corpos', 'Pelea', 'Onde ela me quer levar' e 'Ben Sabe Dios Que O Intentei'. A proposta de "II" mantén as liñas narrativas do seu disco de debut "Grande Amore" (Ernie Records, 2021), cun existencialismo escuro que retrata a vida contemporánea cotián cunha certa rabia e desesperación. Nuno amósase máis seguro tras do seu paso polos escenarios e festivais e pola acollida que tivo por parte do público nel e iso nótase nesa reafirmación de estilo que é este "II". A nivel sonoro os temas adquiren máis forza e potencia, máis velocidade en xeral.

A Arca da Noe pon á venda o seu primeiro libro-CD

Xénero: Miscelánea | 11 / 9 / 2023

oceanoe_capa.jpg

Cando parou a realización de concertos no medio da pandemia pola Covid-19, Noemi Vázquez, responsable da sala A Arca da Noe, en Vilar de Santos, decidiu armar o primeiro libro-CD deste proxecto. A iniciativa, que viu a luz finalmente este verán e está a chegar ás tendas de todo o país, cristalizou no libro-CD Oceanoe. Travessia polo mar das antelas. O volume achega colaboracións inéditas na música galega e lusófona artelladas pola propia Noe que interpretan dezanove temas dos cales a maioría son pezas inéditas, con dúas versións e outras dúas cancións tradicionais.

Tanxugueiras prometen unha apoteose de fin de xira en decembro na Coruña

Xénero: Folk | 31 / 8 / 2023

imaxe non dispoñible

O concerto de fin de xira das Tanxugueiras preséntase como a apoteose final dunha etapa moi especial, a que comezou cun éxito cargado de polémica e seguiu co recoñecemento e achegamento masivos dentro e fóra de Galicia á música de raíz representada nestas tres mulleres. O trío, que neste período de dous intensos anos sacou o seu disco "Diluvio"e ofreceu máis de 110 actuacións por toda a Península despídese por todo o alto del e pecha a denominada Xira Midas con O DERRADEIRO DILUVIO, un concerto especial que terá lugar o sábado 16 de decembro no recinto Coliseum da Coruña. As entradas estarán á venda ao público xeral o venres 1 de setembro ás 11:00h a través da web oficial de Tanxugueiras.

Un escenario para músicos galegos emerxentes no Festival de la Luz

Xénero: Miscelánea | 9 / 8 / 2023

imaxe non dispoñible

O Festival de la Luz inclúe este ano un novo espazo que se dedicará ao talento musical emerxente de Galicia. Deste xeito entran no seu cartel deste ano os 10 artistas e grupos saídos da aceleradora de proxectos musicais que a Xunta de Galicia está a desenvolver en colaboración coa Fundación Paideia Galiza. O evento de Boimorto contará cun escenario Sonemerxente, que toma o seu nome do da devandita iniciativa, polo que o sábado 26 pasarán Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms e Hydn, mentres que o domingo 27 será a quenda de Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra. Todos eles incorpóranse así á programación do encontro que na última fin de semana de agosto reunirá máis dunha trintena de coñecidos nomes do panorama estatal e galego, con Reincidentes, Viva Suecia e Rayden como cabezas de cartel.

Espazos Sonoros volve en setembro para unir música e patrimonio

Xénero: Miscelánea | 9 / 8 / 2023

imaxe non dispoñible

Fisterra, Ares, Brión, A Laracha, e a cidade da Coruña acollerán este ano os concertos de Espazos Sonoros, que se desenvolverán entre o 2 e o 24 de setembro en espazos singulares da arquitectura relixiosa da provincia da Coruña. A Deputación provincial ven de presentar o programa desta edición que permitirá gozar da música en lugares coma a igrexa de Santa María dos Ánxeles (Brión), San Martiño de Xuvia (Narón), San Pedro de Soandres (A Laracha), ou civil coma o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña ou a lonxa de Fisterra. Xustamente neste último enclave será onde teña lugar o concerto inaugura, o día 2 ás 19 horas, a cargo de Ugía Pedreira.

Un documental para conmemorar 30 anos da Mostra de Instrumentos de Pardiñas

Xénero: Folk | 4 / 8 / 2023

imaxe non dispoñible

Este sábado e domingo terá lugar en Pardiñas (Guitiriz), Lugo a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas e o festival a ela asociado. Será a 30ª edición deste evento que supón una das máis importantes citas co artesanado musical da península. En conmemoración polo aniversario ven de estrearse o documental "Labrando Músicas", un traballo audiovisual de 25 minutos presentado pola Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as, producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara ("Dorothè na vila") que, ademais, é o director artístico do mesmo. O documental xa está dispoñible na canle YouTube da AGG.

O Trad Fest fai un repaso á diversidade da música de raíz

Xénero: Folk | 28 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

Unha nova edición do Trad Fest encherá o próximo domingo a praza da Quintana e o parque de Bonaval de Santiago de Compostela cunha selección de voces da música de raíz dos panoramas galego e internacional. O festival inclúe na súa programación obradoiros, ruadas, espazos gastronómicos e unha feira de artesanía e un cartel musical con artistas como Xurxo Fernandes, Xoán Curiel ou Verónica Codesal para brindarlle ao público máis de 12 horas ininterrompidas de música, baile, tradición e vangarda. O evento representa unha oportunidade de achegarse á variedade e calidade dun dos xéneros musicais máis puxantes da nosa escena musical.

Pablo Sanmamed transforma en música a inquietude migratoria

Xénero: Jazz/Blues | 18 / 7 / 2023

imaxe non dispoñible

"Zugunruhe" é un termo alemán que se usa para describir un comportamento animal de ansiedade visible nas especies de costumes migratorias, especialmente nas aves, cando lles chega o momento de iniciar o seu periplo. Pódese traducir como "inquietude migratoria" e así co termo alemán e a súa tradución serve de título ao terceiro disco de estudio do compositor, contrabaixista, director musical e produtor, Pablo Sanmamed. O concepto mesmo do que fala ese título motiva parte das composicións deste disco, como tamén o fai o seu antónimo, a quietude, ou a ausencia des necesidade de movemento. Sanmamed, que pasa por un período especialmente fértil de escritura, gravacións e recoñecemento, presenta este álbum acompañado por Iago Mourinho ao piano e Bruno Couceiro á batería, habituais do seu trío, aos que se engade nesta ocasión o óboe e o corno inglés de Benxamín Otero, para dar forma a un cuarteto que forxa un son comunitario inmersivo.

<< Inicio / Anterior . 51 a 60 de 1395 . Seguinte \ Fin >>