Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / A Arca da Noe pon á venda o seu primeiro libro-CD

OCEANOE. TRAVESSIA POLO MAR DAS ANTELAS ACHEGA COLABORACIóNS INéDITAS NOS SEUS 19 TEMAS

A Arca da Noe pon á venda o seu primeiro libro-CD

MISCELáNEA | setembro 11, 2023

oceanoe_capa.jpg

Cando parou a realización de concertos no medio da pandemia pola Covid-19, Noemi Vázquez, responsable da sala A Arca da Noe, en Vilar de Santos, decidiu armar o primeiro libro-CD deste proxecto. A iniciativa, que viu a luz finalmente este verán e está a chegar ás tendas de todo o país, cristalizou no libro-CD Oceanoe. Travessia polo mar das antelas. O volume achega colaboracións inéditas na música galega e lusófona artelladas pola propia Noe que interpretan dezanove temas dos cales a maioría son pezas inéditas, con dúas versións e outras dúas cancións tradicionais.

Para alén da produción e gravación destes temas, Oceanoe inclúe a realización doutros tanto videoclips que se poden ver no web do proxecto, ademais dunha selección de textos que acompañan o material sonoro e audiovisual. Textos de Xurso Souto, Uxía Snelle ou André Taboada, un conto de Irene Veiga ilustrado por Cascuda ou un mapa da Limia con espazos destacados da comarca que serviron como localizacións para os videoclips son parte do extras recollidos no volume.

No CD predominan os temas de raíz, con sons brasileiros e achegamentos ao pop. Nos equipos que lle dan forma a estas cancións atópanse combinatorias como a de Alba María, Iseo A Moura e Sérgio Tannus en Sou da Arca, Celina da Piedade, Xosé Lois Romero e Ana Santos a interpretar Mas que laranja tão doce, A Banda da Loba e Brais Morán en Denuncia do equilibrio, Faia e Xabier Diaz en Unha estrela na serra, Malvela e Uxía en A Arca da Noe ou o Canto de sega / Maneo de Cambre no que colaboran Eliseo Parra, Davide Salvado, Fergus & Cibrán Seixo, por citar algúns.

O libro pódese adquirir en diferentes tendas dixitais e no propio web da Arca. Para alén do CD, as persoas que adquiran o volume poderán descargar os temas desde a rede e ver todos os vídeos do proxecto.



datos do disco