Espazos Sonoros volve en setembro para unir música e patrimonio
agosto 9, 2023
Fisterra, Ares, Brión, A Laracha, e a cidade da Coruña acollerán este ano os concertos de Espazos Sonoros, que se desenvolverán entre o 2 e o 24 de setembro en espazos singulares da arquitectura relixiosa da provincia da Coruña. A Deputación provincial ven de presentar o programa desta edición que permitirá gozar da música en lugares coma a igrexa de Santa María dos Ánxeles (Brión), San Martiño de Xuvia (Narón), San Pedro de Soandres (A Laracha), ou civil coma o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña ou a lonxa de Fisterra. Xustamente neste último enclave será onde teña lugar o concerto inaugura, o día 2 ás 19 horas, a cargo de Ugía Pedreira.
A coordinadora do certame, Belén Bermejo, destacou na presentación que Espazos Sonoros "busca a coherencia" entre a música e o lugar onde se desenvolven os concertos e detallou que a programación musical compleméntase con visitas guiadas e roteiros que axudan a interpretar a historia ou a riqueza patrimonial, etnográfica e natural destes enclaves tan especiais. Así, por exemplo, desenvolveranse unha ruta polos muíños do río Anllóns, unha ruta marítima polas baterías de costa de Fisterra ou un obradoiro de achegamento á música antiga en Santa Catalina de Montefaro (Ares). Segundo explicou Bermejo, o elenco de artistas inclúe a grupos e solistas consolidados do país con formacións internacionais coma Ugía Pedreira, Hulegas Ensemble, o Grupo Instrumental Siglo XXI ou Almalé. A entrada aos concertos é libre ata completar o aforo, mais é necesaria a inscrición previa para as actividades, visitas e roteiros previos aos concertos, que pode formalizarse na web do programa.