Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Un documental para conmemorar 30 anos da Mostra de Instrumentos de Pardiñas

'LABRANDO MúSICAS' PERMITE COñECER O TRABALLO DOS ARTESáNS DA MúSICA TRADICIONAL

Un documental para conmemorar 30 anos da Mostra de Instrumentos de Pardiñas

FOLK | agosto 4, 2023

imaxe non dispoñible

Este sábado e domingo terá lugar en Pardiñas (Guitiriz), Lugo a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas e o festival a ela asociado. Será a 30ª edición deste evento que supón una das máis importantes citas co artesanado musical da península. En conmemoración polo aniversario ven de estrearse o documental "Labrando Músicas", un traballo audiovisual de 25 minutos presentado pola Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as, producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara ("Dorothè na vila") que, ademais, é o director artístico do mesmo. O documental xa está dispoñible na canle YouTube da AGG.

"Labrando músicas" permítenos coñecer de preto o traballo dos artesáns da música tradicional aquí e agora. O audiovisual narra a historia e a intrahistoria deste proxecto, cun importante traballo de recuperación de gravacións e imaxes de arquivo, algunhas tan significativas como aquel pregón da primeira Mostra a cargo do vello mestre Xosé Seivane, falecido en 2012. No documental interveñen artesáns como Oli Xiráldez, Xermán Arias ou Julia Martín Ramírez, unha das artesás que se incorpora nos últimos tempos á Mostra; mestres de baile como Gustavo Couto e músicos como Pepe Ferreirós (Milladoiro). Especial relevancia teñen as palabras de Xaneco Tubío, hoxe presidente da Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as e promotor da Mostra hai trinta anos, aventura que el mesmo arrancou con quince artesáns, a primeira da península, inspirada por eventos internacionais como como o Festival de Luthiers et Maitres Sonneurs de Saint-Chartier ou o mesmo Festival de Lorient.