Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Alberto Vilas fai un percorrido a piano pola música popular galega

Xénero: Fusión | 19 / 12 / 2023

imaxe non dispoñible

O pianista Alberto Vilas ten un novo traballo discográfico "Once cancións e unha danza" (AMG Music, 2023), un proxecto co que entra desde o clásico, e o jazz na música popular galega. O compositor busca nas súas raíces redondelás para dedicar unha das pezas, 'La danza' a unha das tradicións locais que é a Danza da Coca. As outras están baseadas tanto en cantares tradicionais coma noutros que xa forman parte da cultura popular creados por diferentes formacións o século pasado. Dese xeito neste traballo Vilas achega a súa interpretación desde o piano a temas como "A Rianxeira", "A saia da Carolina”, "Miudiño" ou "Catro vellos mariñeiros", entre outros. "Once cancións e unha danza" preséntanse coma un paseo polo tempo e a infancia desde o piano e coa perspectiva dun compositor de jazz e música contemporánea de formación clásica. O disco, en formato CD está dispoñible para a súa venda a través da propia páxina de Alberto Vilas

Estrea absoluta da ópera infantil OCA no Teatro Colón

Xénero: Clásica/Lírica | 12 / 12 / 2023

imaxe non dispoñible

A Orquestra e coro GAOS estrea mañá mércores 13 de decembro no Teatro Colón da Coruña a ópera infantil OCA, de Gloria Rico e Juan Durán. Tomando o popular xogo da oca como inspiración esta peza interpretada por nenos do Coro MiniGaos conta con texto de Rico e coa composición musical do mestre Durán. Fernando Briones leva a dirección musical. Cunha duración de aproximadamente unha hora, esta obra preséntase como unha viaxe iniciática a través de diferentes episodios da vida, desde o comezo do xogo ata a chegada ao xardín, no que o obxectivo é sempre avanzar. Esta estrutura correspóndese musicalmente cun prólogo, sete cadros e un epílogo, entre os cales media a narración dunha actriz.

Ailá presenta un disco de panxoliñas tradicionais

Xénero: Folk | 5 / 12 / 2023

aila_nadal.jpg

Oito panxoliñas tradicionais compoñen Ailá de Nadal. O grupo de música tradicional Ailá acaba de lanzar este volume no marco da campaña Nadal en rede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten o álbum íntegro na súa canle de Youtube. O volume recolle cancións de aguinaldo como Aninovo de 1860, peza recollida no cancioneiro de Marcial Valladares, ou As xaneiras recollidas en Pazos de Borbén. Cantares de Reis de Bendollo, Vilardevós e Rianxo fan tamén parte do proxecto.

A Quenlla presenta un novo disco que recupera ao poeta Avelino Díaz

Xénero: Folk | 9 / 11 / 2023

aquenlla_discoavelino.jpg

A histórica formación A Quenlla ven de presentar un novo traballo discográfico cando están a piques de facer o seu corenta aniversario. O disco 'Na lírica emoción' está dedicado de xeito íntegro ao poeta Avelino Díaz Díaz, ofrecendo nel doce cantigas "cunha sonoridade que bebe da tradición e que percorre diversos estilos para achegarse ao folk de raíz", segundo explica o grupo. O disco está dispoñible en formato físico de CD baixo pedido a través das redes sociais de A Quenlla.

Terbutalina volve coas pilas cargadas con 'Era cabra'

Xénero: Rock | 3 / 11 / 2023

eracabra_terbutalina.jpg

Regresa a formación de Esteiro, Terbutalina, cun novo álbum completo que desde hoxe está dispoñible en plataformas dixitais, "Era cabra" (Dotbeat, 2023). Fai agora 4 anos que a banda presentaba o seu último traballo "Espabila Gallego" (Folc records, 2019) e con este novo traballo presentado hoxe do que xa se foron presentando cancións en avance os Terbutalina culminan un proceso catártico para voltar "máis fortes ca nunca". Neste contexto 'Era cabra' revélase como o regreso á orixe "tras unha revisión dos seus principios máis esenciais e unha etapa de coñecemento e fortalecemento interno", aseguran desde a banda. Este novo elepé está composto por oito temas nos que podemos atopar esa banda punk rock moi aberta a influenzas históricas como o psichobilly e con letras traballadas, retrousos que enganchan e contundencia sonora. O disco foi gravado e producido nos estudios 'A Ponte' por Tomás Axeitos e masterizado por Robin Schmidt nos estudios '24-96' e terá O unha edición física en formato vinilo editado por Folc Records. A banda presentará este novo disco sobre o escenario da Sala Malatesta, en Santiago de Compostela, o vindeiro 8 de decembro.

O festival Castañazo de Chantada volve tras tres anos desaparecido

Xénero: Rock | 27 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Disque foi en Chantada no 1994, na segunda edición do que entón era chamado o Castañazo Rock, onde naceu o termo 'Rock bravú'. Nunha cea coas bandas presentes na cantina de Viana. Dende entón esta é unha cita especial para a o rock en galego e só a pandemia conseguiu parala, ata agora. Tras dunha anterior edición, a 17, que se celebrou en 2019 o evento supera hoxe un parón de tres anos e volve coa súa XVIIIª edición cun lixeiro cambio de denominación quu non afecta á súa liña de programación, como Castañazo, a secas. Hoxe venres comeza e seguirá tamén mañá no mercado gandeiro de Chantada, reunindo unha ducia de artistas que representan a parte da actualidade da música en galego. Fillas de Casandra, Narco, Tremenda Jauria, Lágrimas de Sangre, Rastreros e Grande amore enchen o cartel do venres. O sábado estarán en Chantada Dakidarría, Mafalda, Tropa do Carallo, Sons of Aguirre, Arritmia e Rebeliom do Inframundo. A veterana cita ofrece tamén actividades como os cantos de Taberna e un festival paralelo de música infantil de balde no auditorio municipal.

Caamaño&Ameixeiras mudan o paso con Quitar o aire

Xénero: Folk | 20 / 10 / 2023

quitar_o_aire_caamanho_ameixeiras.jpg

Logo do éxito do seu álbum de debut Aire, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras lanzan este 20 de outubro o seu segundo traballo. Quitar o aire, publicado por Raso Estudios, amosa unha exploración de novas sonoridades por parte do grupo en nove temas como A pequena morte, Entrudio, O corpo aberto ou Mortalla morte, mortalla de amor.

Dios Ke Te Crew culminan o ano de 20 aniversario rodeados de amizades musicais

Xénero: Hip-Hop | 18 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Dios Ke Te Crew, banda emblemática do hip hop galego, porá o vindeiro 2 de decembro o peche á celebración dos vinte anos sobre os escenarios que está facer neste 2023 coa xira 'Tremendos anos 20' e farao por todo o alto cunha xornada que semella un festival. A capital galega acollerá, entre as 19.30 horas e as 5 da madrugada dese día un programa de concertos e actuacións cun cartel homologable ao de calquera festival que inclúe, ademais de aos anfitrións DKTC, a diversos artistas da escena musical galega, compartindo escenario con eles. Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Guillerme (Quempallou), Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), entre outros moitos nomes acompañará aos DKTC neste aniversario da banda de Ordes que terá como sedes as salas Capitol e Malatesta de Santiago de Compostela.

Fuxan os Ventos e Milladoiro asinan un tema xuntos por vez primeira

Xénero: Folk | 16 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Dúas das formacións máis importantes da música folk galega durante décadas veñen de unirse musicalmente por vez primeira para facer unha canción conxunta que entra xa na historia da nosa música. "Barqueiros de Ribadavia" é o tema que ven de unir a Fuxan os Ventos e Milladoiro. O tema esta composto polos integrantes de Milladoiro Manuel Riveiro Hermo e Xosé Vicente Ferreirós xunto con Ramón Díaz Novo e forma parte dunha serie de cancións que o grupo Fuxan os Ventos sacará á luz durante os próximos meses e no que estarán algúns temas que formaron parte da exposición dedicada aos 50 anos de historia da formación. As dúas históricas agrupacións, nacidas na década dos 70, compartiron espazos musicais e compromiso coa recuperación da tradición musical galega pero é agora cando, por primeira vez, colaboran nunha canción. O tema xa se pode atopar en diversas plataformas dixitais.

Francisco Castro publica o seu primeiro traballo musical

Xénero: Pop | 25 / 9 / 2023

francisco_castro_disco_agora.jpg

O escritor e ex-director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Vigo, 1966) saca hoxe á luz o seu primeiro traballo discográfico. "Agora é o tempo" é o título co que Castro nomea este traballo discográfico que xa está á venda e que presentará en concerto o vindeiro 28 de outubro no Teatro Salesianos de Vigo contando co acompañamento da Banda dos Borges . O disco, publicado baixo o selo Awanta Producciones S.Coop. Galega, conta na produción con Federico Welicki e, segundo o propio autor, foi gravado entre Vigo, A Estrada, Madrid, Los Ángeles, Buenos Aires e Seattle. Segundo a descrición que acompaña á presentación, a súa música "gravita arredor de ritmos pegadizos e, sobre todo, letras intensas que reflicten a súa forza poética". Trátase de letras e músicas "para reivindicar a vida pero tamén para pelexar contra dunha realidade que merece ser, cando menos, pensada", aseguran. Segundo explica o autor nas súas redes sociais son cancións que "explican quen son, como sinto, e que quero do mundo. Saíron das tripas", afirma Castro.

<< Inicio / Anterior . 41 a 50 de 1395 . Seguinte \ Fin >>