Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Dakidarría presentan o directo da súa conmemoración de vinte anos

Xénero: Rock | 12 / 3 / 2024

PORTADA XX DAKIDARRIA.jpg

Os Dakidarría colléronlle gusto a gravar os seus directos conmemorativos. Se fai agora 8 anos a banda presentaba o disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria agora o motivo foi a celebración o pasado ano do seu vinte aniversario que celebraron sobre os escenarios en cun concerto conmemorativo o 9 de setembro no marco do festival Revenidas en Vilaxoán de Arousa. Daquela noite sae agora "XX"( El Garaje Producciones), a gravación do directo onde inmortalizan aquela noite na que contaron coa colaboración de máis de 50 artistas, nun percorrido sonoro de vinta cancións e máis de dúas horas a través dos vinte anos de vida deste grupo do Val Miñor, referente na defensa da cultura popular e contestataria. Entre as colaboradoras deste traballo destacan figuras como Xurxo Souto, Tanxugueiras, Boikot, La Raíz, Mondra, ou High Paw.

O festival da diáspora EmigraSON celebra segunda edición

Xénero: Miscelánea | 8 / 3 / 2024

imaxe non dispoñible

A mocidade da diáspora galega en Bruxelas reunirá esta fin de semana na capital belga un elenco de representantes da escena musical galega no que será a segunda edición do festival EmigraSON. Esta iniciativa autoxestionada por un grupo de xente nova emigrada, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, e as empresas Deleite e Rei Zentolo, que súmanse nesta segunda edición aos apoios do Parlamento Europeo e nomeadamente dos eurodeputados Nicolás Casares (PSOE) e Ana Miranda (BNG). Os organizadores buscan "achegar Galicia a súa cidade e crear un lugar de encontro para a mocidade galega no estranxeiro" e con esa finalidade acadaron levar unha representación da puxante escena musical galega actual. O programa ábrese hoxe coa actuación do dúo Aldaolado nas instalacións do Instituto Cervantes, para posteriormente celebrar unha foliada coa formación Alumea no local do Colectivo García Lorca. O cartel do que é propiamente o festival musical a celebrar o sábado inclúe a Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira e The Rapants,, todos eles actuarán desde as 16:30 horas no local La Tricoterie da capital belga. O evento serve tamén de marco á celebración do Iº Foro de Investigadores Galegos no Estranxeiro, organizado pola Rede Galega pola Investigación, InvestiGal, que reúne a ducias de investigadores galegos que traballan en países diversos.

Xabier Díaz retorna coas Adufeiras de Salitre en Axúdame a sentir

Xénero: Folk | 5 / 3 / 2024

axudame_sentir_xabier_diaz.jpg

Desde este 29 de febreiro está dispoñible en tendas e plataformas dixitais Axúdame a sentir, o novo disco de Xabier Días e Adufeiras de Salitre. O álbum de once temas, supón unha renovación nos sons deste proxecto, coa incorporación de baixo ou guitarra eléctrica, novos tons na percursión e unha maior carga de creación propia nas letras, que manteñen as habituais formas de raíz.

Corenta artistas de Galicia piden apoio para os Premios MIN

Xénero: Miscelánea | 23 / 2 / 2024

imaxe non dispoñible

Ata corenta artistas da escena musical galega forman parte das candidaturas desta fase dos Premios MIN da música independente estatal, case a metade deles compiten, entre outras categorías, na de Mellor álbum en galego do 2023. Estes premios organizados pola Unión Fonográfica Independiente (UfI), que van pola súa XVIª edición, contemplan ata 21 categorías de galardóns diferentes, xa sexa por xénero, formato, técnicos ou por linguas, ademais dun premio honorífico. Actualmente o proceso da convocatoria actual vai pola súa cuarta fase, o que implica a votación pública a través da plataforma en liña ata o 8 de marzo, tras diso será o momento dun xurado designado pola organización para definir os finalistas.

Fillas de Cassandra presentan hoxe o seu espectáculo 'Últimas dionisíacas'

Xénero: Fusión | 16 / 2 / 2024

imaxe non dispoñible

Na actual conxuntura da industria musical, para un artista ou unha formación a presentación dun espectáculo e unha xira pode chegar nalgúns casos a ser o equivalente ao que tradicionalmente foi presentar un traballo discográfico. A elaboración dun espectáculo, os arranxos musicais e posta en escena poden resultar tan diferentes respecto ao que sería a escoita da música gravada que resulta un produto singular en si mesmo, é algo que grandes artistas internacionais veñen facendo desde hai tempo e que agora xa está á orde do día en circuítos máis achegados. Este é o caso das Fillas de Cassandra, que hoxe mesmo comezan a xira 'Últimas Dionisíacas' na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo. Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles)

Brais Moran abre a pista de baile con 'Revolución Chic'

Xénero: Pop | 15 / 2 / 2024

braismoran_revolucionchic.jpg

Seis anos tardou Brais Morán en presentar este novo traballo discográfico que é o terceiro do seu percorrido en solitario, aínda que neste caso asina acompañado da formación Nasaufunk. 'Revolución Chic" (2024) é unha nova mostra da actitude musical vitalista e aberta deste artista, alegre e buscando mover os corpos ao baile, neste caso entrando nas sonoridades da música 'disco' dos anos 70 nas súas formas mais 'negras' . Son dez temas e un remix do que dá título ao álbum e en todos eles podemos notar ecos coñecidos pero ao mesmo tempo baixo unha produción actualizada na que se nota a man de Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios). Non deixamos de ter na mente ao escoitalo a enerxía daquel mítico programa americano da primeira música disco 'Soul train' pero ao tempo notamos influenzas moito máis modernas que van empapando o son en cada recuncho e mesmo hai momentos do funk tropicalista que xa estaba en anteriores traballos de Morán. A sala Garufa da Coruña acollerá o vindeiro 1 de marzo o concerto de inicio da xira de presentación deste traballo no que Morán estará acompañando da formación Nasaufunk (Xabier Cid, Fran Castro, Manu Seoane e Antón Torroncho) que tanto achegan en cada tema.

Fanny & Alexander remesturan as voces femininas da música galega

Xénero: Fusión | 16 / 1 / 2024

not_35896.jpg

Xa está dispoñible nas plataformas o novo proxecto de Aregueifa Plataforma, Manifestas, no que Fanny & Alexander remesturan nunha serie de EPs temas de "algunhas das máis poderosas voces femininas da escena galega". O proxecto parte das voces de Su Garrido, Lucía Aldao, Ugia Pedreira e Mai, que seleccionaron temas de diferentes álbums e traballos. "Unha proposta, tan sinxela coma complexa de executar no musical, que ispe as cancións das súas roupaxes orixinais para voltalas construir dende os propios alicerces vocais en forma de reinvención en clave electrónica, levando as pezas orixinais a territorios tan inéditos coma as pistas de baile", sinalan desde A Regueifa. A p roposta complétase cun videoclip para a remestura de "Big Bang", o tema escollido por Mai, quen tamén aparece no propio audiovisual.

Factoría de Subsistencia presenta 'Respirando...Sempre!'

Xénero: Rock | 3 / 1 / 2024

respitrandosempre_FdS.jpg

Co ano aínda por estrear a banda Factoría de Subsistencia dá comezo sacando o que é o seu terceiro disco longo "Respirando...Sempre!". Nove temas novos presentan a formación encabezada polo actor Josito Porto e Sabela Dacal, xunto aos que nesta ocasión estarán Rafa Otero ao baixo e Adrián Ríos na batería. O disco chega 5 anos despois do seu anterior traballo "Amores Fratricidas" (2019). En clave de rock and roll, Factoría de Subsistencia ofrece neste terceiro disco letras cargadas de humor negro, reflexión filosófica e crítica social. Aí están eses temas que xa foron presentándose quincenalmente como 'Non quero ser feliz' ou 'Esperta'. Todos eles poden escoitarse xa en YouTube e a banda presentará en concerto o novo disco na Casa das Crechas de Santiago de Compostela o vindeiro 13 de xaneiro. Tamén está prevista unha actuación o día 20 de xaneiro no espazo do Estudo Aldeaglobal de Vilagarcía onde ser realizou a gravación do disco.

Susana Seivane volve máis forte co disco 'Sete'

Xénero: Folk | 28 / 12 / 2023

PORTADA_SETE_SUSANASEIVANE.jpg

Achegar o son da gaita a enfoques contemporáneos, máis sonoros e vibrantes, con contido máis pesado e poderoso, sen perder a esencia do xenuíno da interpretación é a intención de Susana Seivane con este novo traballo 'Sete'. O nome do álbum coloca o novo disco no seu posto na discografía da artista, tras aquel 'Dende o meu balcón' (2020) no que recollía os temas compartidos cos seu veciños en nas redes sociais durante o confinamento. O pasado sete de setembro, a gaiteira adiantaba 'Non é non’ o tema de apertura deste álbum, onde emprega a forza do seu instrumento para elevar o berro sinalando a lacra incesante na nosa sociedade da violencia de xénero. Para elo, rodeouse de multitude de artistas que tamén pronunciaron a súa repulsa contra este mal endémico: Luis Zahera, Elena Ferro, Iván Raña ou Carlos Blanco, entre outros, sumáronse a esta campaña iniciada pola artista. Ese tema, no que agaita comparte a súa forza coa dos instrumentos electricos e de percusión propios do rock abre un disco cheo de variedade sonora e no que hai un total de 12 temas, incluíndo xotas, pasodobres, muiñeiras e outras pezas como unha versión de 'Lela'. Composicións propias e tradicionais atópanse neste repertorio que Seivane defenderá hoxe no teatro Colón da Coruña no que será o su único concerto de presentación en Galicia de 'Sete'. Este xoves 28 ás 20:30 h seivane comparecerá ante o seu público acompañada de Miguel González no saxo, Iago Rodríguez no baixo, Alber Grela na guitarra e Carlos Freire na batería. O disco xa pode escoitarse nas platafromas dixitais.

Zënzar celebra no escenario "35 anos bourando"

Xénero: Rock | 22 / 12 / 2023

imaxe non dispoñible

A banda cercedense Zënzar celebra este sábado os seus 35 anos ininterrompidos facendo rock en galego. "35 anos bourando", din, desde o seu debut o 23 de decembro de 1988 no disco-pub Non Sei de A Silva. A formación soprara as candeas deste aniversario tamén nun escenario, o da Sala Capitol de Santiago que entón non existía. E para tal ocasión, estarán rodeados de case unha ducia de amizades que estarán presentes en varios temas, desde os clásicos ata os máis novos.

<< Inicio / Anterior . 31 a 40 de 1395 . Seguinte \ Fin >>