Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Fillas de Cassandra presentan hoxe o seu espectáculo 'Últimas dionisíacas'

INICIAN A XIRA DESTA PROPOSTA MUSICAL ESCéNICA EN VIGO CON TODAS AS ENTRADAS VENDIDAS

Fillas de Cassandra presentan hoxe o seu espectáculo 'Últimas dionisíacas'

FUSIóN | febreiro 16, 2024

imaxe non dispoñible

Na actual conxuntura da industria musical, para un artista ou unha formación a presentación dun espectáculo e unha xira pode chegar nalgúns casos a ser o equivalente ao que tradicionalmente foi presentar un traballo discográfico. A elaboración dun espectáculo, os arranxos musicais e posta en escena poden resultar tan diferentes respecto ao que sería a escoita da música gravada que resulta un produto singular en si mesmo, é algo que grandes artistas internacionais veñen facendo desde hai tempo e que agora xa está á orde do día en circuítos máis achegados. Este é o caso das Fillas de Cassandra, que hoxe mesmo comezan a xira 'Últimas Dionisíacas' na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo. Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles)

A piques de facer un ano desde o lanzamento dos seu primeiro disco 'Acrópole' e cunha chea de concertos ás costas, 'Últimas Dionisíacas' é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente. Tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público. Neste directo, a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante; mais unha das principais novidades é que Fillas de Cassandra están acompañadas sobre o escenario dunha banda, que integran Tania Caamaño e Marina Vidal. Desde xeito, e con esta formación, o grupo aposta pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto. Para este espectáculo de hoxe contarán ademais coa colaboración de diversas bandas e solistas cuxa participación será toda unha sorpresa para o público asistente.