Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Sés está decidida a Opoñerse á extinción no seu novo disco

Xénero: Fusión | 24 / 11 / 2016

not_26880.jpg

Sés volve a poñer nun disco a súa forza musical e o seu espírito reivindicativo de denuncia social. Opoñerse á extinción (Fol Música) é o cuarto disco da cantora, algo máis dun ano o separa do anterior Tronzar os valos, tamén de nome combativo na liña que xa fillo moi coñecida á artista. O disco sairá á venda o vindeiro 2 de decembro en formato CD e en todas as plataformas dixitais. A cantautora coruñesa segue con este traballo a liña do seu inconfundible estilo que mestura sen confusión blues, rock e sons latinoamericanos nos once temas do álbum pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior e sacándolle así máis partido se cabe á súa potente voz. Co seu cuarto traballo Sés comparte o seu crecemento musical e persoal a través destes temas. Ela mesma define así este seu cuarto disco: "O título 'Opoñerse á extinción' é a síntese da actitude que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor." As primeiras actuacións para levar Opoñerse a extinción aos escenarios terán lugar no Teatro Rosalía da súa vila natal, A Coruña, en datas duplicadas xa os vindeiros 28 e 29 de decembro. Xa se pode escoitar (e ver) o seu vídeo de adianto co tema A paz esquiva.

Budiño conmemora vinte anos de Paralaia

Xénero: Folk | 23 / 11 / 2016

paralaia_20_anos.jpg

Hai xa vinte anos que Xosé Manuel Budiño iniciaba a súa carreira discográfica co lanzamento de Paralaia. Para conmemorar este aniversario, o gaiteiro moañés acaba de presentar unha edición remasterizada deste mítico álbum, desta volta como un libro-CD ilustrado por Ana Zon. O volume conseguiu no seu día múltiples recoñecemento como os premios da Sociedade Xeral de Autores e Editores de España (SGAE) e da Asociación de Artistas Intérpretes e Executantes de España (AIE), así como o Premio da Música en España á mellor canción en galego para Ardora. O libro-disco porase á venda a partir do 5 de decembro. Con anterioridade poderá mercarse no Culturgal, entre o 2 e o 4 de decembro.

Cro! lanza o seu cuarto disco Mounstros

Xénero: Alternativa | 22 / 11 / 2016

not_26871.jpg

Os catro membros da banda viguesa Cro! entraron nos Estudios Brazil en Madrid, onde xa gravaran o seu anterior disco Pera (2014), e nunha única execución en directo rexistraron os oito temas do seu novo álbum Mounstros, cuarto da súa carreira. O disco, editado co selo Metamovida como o anterior pero tamén coa discográfica La Choza de Doe e a produtora underground Nooirax, mantén inmutable o espírito experimentador e alternativo do cuarteto nacido en 2007 e tamén o método de lanzamento, xa que está en prevenda a través da web e a partires do 2 de decembro poderá adquirirse en formato vinilo ou CD. Situados á marxe dos vaivéns da industria musical e as modas, Cro! segue crecendo e engadindo novos terreos musicais ao seu percorrido, facéndoo máis rico e complexo co tempo. O disco, montado sobre una instalación multicapa de sintetizadores, ritmos, guitarras e idiomas - español, galego e inglés- presenta estruturas de xogo e mesturas estilísticas entre o rock alternativo e a improvisación máis jazzística e segue amosando o seu virtuosismo alternativo e dificilmente clasificable. Como adianto de Mounstros xa se pode ver na rede o videoclip do tema Videovigilada realizado e montado por Miriam Rodríguez.

A música dóese pola morte de Fran Pérez "Narf"

Xénero: Fusión | 16 / 11 / 2016

imaxe non dispoñible

A escena musical e a cultura galega en xeral recibiron onte como un duro golpe a morte do músico Fran Pérez (Silleda, 1968), coñecido polo seu nome artístico “Narf”, palíndromo do seu propio nome. Fulminado por un cancro en poucos meses a prematura desaparición do intérprete e compositor deixou tras de si unha fonda tristura que se espallou rapidamente entre colegas e admiradores. Tanto pola súa música como pola súa personalidade agarimosa, humilde e afable tiña gañado o fondo cariño de toda a xente coa que traballou e moitos máis arredor del. As redes sociais foron unha vez máis un territorio da lembranza e a despedida no que todo tipo de xente expresaba a súa perda con palabras, imaxes e videos do artista. A súa derradeira intervención musical tivo lugar no marco da celebración do WOMEX o pasado 22 de outubro no Teatro principal de Santiago cunha colaboración, como non podía ser doutro xeito, co grupo mozambicano Timbila Muzimba. Alí, ante un público entregado e moitos deles emocionados coñecedores da situación vital pola que pasaba, Narf puxo un colofón musical á altura da súa xenialidade e coherente coa súa carreira.

Abe Rábade Trío volve con Once

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 11 / 2016

once_abe_rabade_trio.jpg

Como unha coprodución entre Karonte e o selo Nuba chega o décimosexto traballo de Abe Rábade Trío. A formación que completan Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería exploran en Once reinterpretacións de clásicos galegos, como a que fan de A bruxa de Milladoiro, ou internacionais, como Smoke gets in your Eyes. Canda a eles, temas orixinais como a homenaxe a Paco de Lucía en Once para Paco. De novo, jazz instrumental, melódico e elegante confirman o bo facer dunha formación que é referente neste estilo en Galicia. O grupo está neste mes de novembro inmerso na xira de presentación do novo traballo, que os levará a escenarios do Festival de Jazz de Arnedo, Sevilla, Madrid ou O Porto.

Familia Caamagno competirá no festival SUNS Europe de linguas minoritarias

Xénero: Rock | 9 / 11 / 2016

imaxe non dispoñible

A banda Familia Caamagno coa canción Lausanne (on my mind) tomará parte na final competitiva do festival SUNS Europe 2016 o vindeiro tres de decembro en Udine (Italia). Outras nove propostas musicais competiran cos músicos galegos neste festival dedicado á música en linguas minoritarias de Europa. O festival é un punto de encontro e intercambio entre artistas, linguaxes e comunidades usando cadansúa lingua en creacións musicais, audiovisuais ou literatura. Lausanne (on my mind), canción extraída do seu Mini LP Para unha vez que saímos (Lixo Urbano, 2016), foi a peza elixida pola irreverente banda de Sigüeiro para participar neste festival.

Berlai cóntanos a historia dun Desconhecido

Xénero: Fusión | 9 / 11 / 2016

desconhecido_berlai.jpg

Un álbum conceptual a explorar a vida dun home que, logo dun amor truncado, dáse á bebida e malvive no rural. Esta é a proposta de Berlai en Desconhecido, un orixinal proxecto que mestura banda deseñada, poesía e música e que serve de presentación para esta banda. Os trece temas do álbum comparten aires indie-pop, electrónica, rock ou atrevidas reinterpretacións da tradición para configurar un universo de imaxes obsesivas. Coa perda como eixe, o traballo aborda o sexo, o alcol ou a relación coa natureza, sen esquecer aspectos de crítica social como en Far West, canción baseada no libro homónimo de Carlos Negro onde se xoga co Himno Galego. Con Giao Rodrigues a capitanear o proxecto e pór a voz a guitarra e a mandolina, Berlai conta con Iago Mouriño, Pablo Pérez e Bruno Couceiro. Entre os colaboradores, nomes como Sonia Lebedynski, Débora Morales ou Bocixa Rei.

Migallas celebra vinte anos de carreira coa reedición de Canta connosco!

Xénero: Infantil | 8 / 11 / 2016

canta_connosco_2016_migallas.jpg

Hai vinte anos o grupo pontevedrés Migallas publicaba Canta connosco!, un traballo pioneiro na música para cativas e cativos en galego. Agora, para conmemorar esas dúas décadas, o dúo lanza unha reedición daquel traballo. Da man de Kalandraka Editora, o álbum chega en formado libro-CD-DVD, karaoke incluído, con ilustracións de Óscar Villán. Como na primeira versión, doce temas achegan ritmos do máis variado, a incluír música tradicional, rap, rock, cumbia, reggae ou pasodobre, con temas que fixeron danzar xa a varias xeracións de crianzas.

Guadi Galego continúa a súa aposta pop con O mundo está parado

Xénero: Pop | 4 / 11 / 2016

o_mundo_esta_parado_guadi_galego.jpg

A abandonar definitivamente os aires folk, Guadi Galego afonda na súa vertente máis pop con O mundo está parado. A intérprete achega no seu terceiro traballo seis temas propios, tres compostos por Carlos Abal e un de Pachi García, que repite com produtor. O resultado, un álbum cheo de sentimentos no que sobrancea a voz da artista, con rexistros que van do íntimo ao pop clásico e que apostan por un son máis sofisticado que en anteriores traballos. O álbum preséntase nunha tiraxe limitada de mil exemplares en formato LP cun CD incluído. Os cartafoles do disco inclúen cadansúa fotografía de Carlos Abal cunha colección de dez diferentes. Ademais, o álbum estará dispoñible en plataformas dixitais. Trisquel Artesanía acolle esta tarde, a partir das 20 horas, unha sesión de sinaturas deste proxecto.

Algarabía Folk presenta o seu CD

Xénero: Folk | 27 / 10 / 2016

algarabia_folk.jpg

Dez temas de tradición para bailar compoñen o disco que anda a presentar Algarabía Folk. A asociación folclórica titula co seu propio nome este álbum que grabaron o pasado mesde maio nos estudios Ancestral de Ponte Caldelas. O grupo, que inclue clarinete, acordeóns, gaita, tamboril, bombo e pandeiretas, aposta por unha interpretación festiva de temas populares. O Centro Dotacional do Torroso, en Mos, acolleu o concerto de presentación do álbum o pasado 22 de outubro.

<< Inicio / Anterior . 491 a 500 de 1395 . Seguinte \ Fin >>