Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A música dóese pola morte de Fran Pérez "Narf"

O CARISMáTICO MúSICO FALECEU AOS 48 ANOS DEIXANDO FONDA PEGADA NA CULTURA

A música dóese pola morte de Fran Pérez "Narf"

FUSIóN | novembro 16, 2016

imaxe non dispoñible

A escena musical e a cultura galega en xeral recibiron onte como un duro golpe a morte do músico Fran Pérez (Silleda, 1968), coñecido polo seu nome artístico “Narf”, palíndromo do seu propio nome. Fulminado por un cancro en poucos meses a prematura desaparición do intérprete e compositor deixou tras de si unha fonda tristura que se espallou rapidamente entre colegas e admiradores. Tanto pola súa música como pola súa personalidade agarimosa, humilde e afable tiña gañado o fondo cariño de toda a xente coa que traballou e moitos máis arredor del. As redes sociais foron unha vez máis un territorio da lembranza e a despedida no que todo tipo de xente expresaba a súa perda con palabras, imaxes e videos do artista. A súa derradeira intervención musical tivo lugar no marco da celebración do WOMEX o pasado 22 de outubro no Teatro principal de Santiago cunha colaboración, como non podía ser doutro xeito, co grupo mozambicano Timbila Muzimba. Alí, ante un público entregado e moitos deles emocionados coñecedores da situación vital pola que pasaba, Narf puxo un colofón musical á altura da súa xenialidade e coherente coa súa carreira.

Fran Pérez naceu en Silleda, criouse en Santiago, cidade na que comezou a súa traxectoria musical participando en numerosos proxectos musicais xa desde os seus tempos escolares. Foi parte indispensable en formacións como Nicho Varullo ou a Psicofónica de Conxo, impulsor da Sala NASA e compositor para numerosas obras teatrais e audiovisuais, traballos polso que recibiu premios e recoñecemento. O seu percorrido individual co seudónimo Narf comezou no ano 2003 no que presentou o disco Directo en Compostela” . Foi co seu segundo traballo, Tótem(Falcatruada, 2007) co que obtivo unha distribución ampla do seu traballo, unha importante xira polo resto do Estado e en escenarios europeos e marcou as liñas mestras do que ía ser unha investigación musical xa continua na fusión con outras músicas, sobre todo do eido da lusofonía africana e na colaboración con outros artistas como enriquecemento mutuo sempre en pé de igualdade. Nese sentido Narf foi o referente de artista “nexo” entre culturas para a música galega actual. Froito desa actitude xurdiu a súa frutífera colaboración co mozambicano Manecas Costa que se plasmou no CD e DVD Aló irmao (Falcatruada, 2010) co que acadou gran popularidade chegando estar no número un das listas da RTP África.

Sen perder a conexión africana e lusófona Narf soubo ademais manter claras as raíces da súa cultura sempre, nunha clarividencia que dá a perspectiva do artista aberto ao mundo. No seu seguinte traballo discográfico "Nas tardes escuras" (El Patito Editorial, 2013), musicalizaba poemas de Rosalía de Castro. Nestes anos experimentou no seu directo con ritmos e harmonías que gustaba de mesturar entre os sons africanos, o folk e o rock, creando un estilo propio inimitable. Pendente de presentación queda o seu disco ”Baladas da Galiza imaxinaria” en colaboración coa cantante Uxía, cuxas primeiras citas de presentación en concerto tiveron que ser suspendidas a primeiros de setembro polo estado de saúde do artista. Moitas voces están a suxerir xa a necesidade dun futuro homenaxe que recoñeza a fonda pegada que Narf deixou atrás de si na música galega. Fran Pérez morreu este 15 de novembro pero semella que Narf aínda vai quedar connosco.


Cinco vídeos para un breve paseo pola música con Narf:


Quero ser tambor , do disco Tótem (falcatruada, 2007). A inmersión africana cantando sobre un poema do autor mozambicano José Craveirinha e reunindo xa colaboracións e fusións .


Santiago, do disco Tótem (falcatruada, 2007). O artista declara o seu amor pola cidade na que creceu como persoa e artista.



Esta noite , Narf & Manecas Costa en Aló irmao (Falcatruada, 2010). Unha mostra emocionante do seu traballo co músico africano.



Onda soante, Narf & Uxía, do disco ”Baladas da Galiza imaxinaria”.



Narf & Timbila Muzimba, WOMEX 2016. Derradeira actuación de Narf. Teatro principal de Santiago.