Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Xabier Díaz e Luar na Lubre encabezan a numerosa presenza galega no festival de Lorient

Xénero: Folk | 3 / 8 / 2017

imaxe non dispoñible

O Festival Interceltique de Lorient, na Bretaña francesa, leva 47 anos sendo o máis importante do mundo no que se refire á música folk bretoa e das denominadas nacións celtas das Illas Británicas (Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda) e o norte de España (Galicia e Asturias). Este ano, o festival contará con numerosa presenza desde Galicia, con arredor de 150 músicos ou bailadores, entre os que os máis coñecidos poden ser Xabier Díaz &Adufeiras de Salitere ou a veterá banda Luar Na Lubre. Nos dez días de festival, do 4 ao 13 de agosto, chegan á vila bretona máis de 4.500 artistas para participar nos máis de 120 espectáculos que se desenrrolan nos distintos espazos do festival, chegando a haber 100.000 espectadores de pago e 700.000 visitantes, o que o convirte no máis importante festival de Francia e do mundo. Nesta edición o primeiro grupo galego en tocar serán Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, o domingo 6 no Grande Teathrè. Tamén chegarán ao Interceltique TRIM. Este trío instrumental formado por Fernando Barroso, Pedro Fariñas e Luís Peixoto fará unha das súas primeiras aparicións europeas, nun festival no que o seu gaiteiro, Pedro, é xa coñecido ao gañar o certame MacCrimmon no ano 2011. O Espace Marine é o recinto máis grande do festival, reservado para as producións con maior sona do mesmo. Nel tocarán a noite do mércores 9 os coruñeses Luar na Lubre. Coa súa renovada formación amosarán ao público bretón a súa proposta encadrada no 30º aniversario do grupo.

Ferrol e Mugardos organizan o primeiro festival Jazz na Ría

Xénero: Jazz/Blues | 1 / 8 / 2017

imaxe non dispoñible

Os concellos de Ferrol e Mugardos veñen de unir as súas forzas para sacara adiante a primeira edición do Festival Jazz de Ría para os días 19 e 20 de agosto. O evento, que terá concertos nas dúas beiras da ría representadas nos dous concellos, pretende por en valor a riqueza musical e paisaxística destes lugares. Serán en total catro os concertos que se celebrarán, dous na sesión vermú en Mugardos e os outros dous á noite en Ferrol. En todos os caso se trata de agrupacións ou artistas vencellados a este entorno. A xornada do sábado 19 de agosto será inaugurada por EJAZZ, Premio Martín Códax da Música, no Porto de Mugardos desde as 13 horas. Alberto Vilas Quartet, será o que remate o programa do día na outra beira, no Porto de Ferrol a partir das 21:30 horas. O domingo 20 de agosto arrancará coa actuación no Porto de Mugardos (13.00 horas) de Pablo Seoane, pianista ferrolán, en compañía do contrabaixista cubano Jose María Díaz. O trío SUMRRÁ porá o colofón a esta primeira edición do Jazz de Ría no Porto de Ferrol ás 21:30 horas.

Santiago e A Coruña acollerán o concerto 'Chané na Habana' que celebra a obra do compositor

Xénero: Melódica | 14 / 7 / 2017

imaxe non dispoñible

Un gran espectáculo musical galego-cubano recordará ao compositor José Castro González Chané (Compostela 1856 - A Habana 1917), no centenario do seu pasamento. Unha selección de músicos de varias nacionalidades, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, xunto coa voz de Rosa Cedrón, ofrecerán una visión nova das populares músicas do compositor. Chané é un dos compositores galegos imprescindibles de fins do século XIX e comezos do XX, autor de clásicos como Os Teus Ollos ou Un Adios a Mariquiña e un dos artífices da creación da Canción Galega de Concerto, do movemento coral contemporáneo e -en definitiva- da Música Popular Urbana Galega. Chané na Habana aborda a totalidade da obra conservada do artista: desde o sentir musical cubano. O autor de viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana. Só se ofrecerán dous concertos deste singular espectáculo musical producido por aCentral Folque coa colaboración da Deputación da Coruña e dos Concellos de Santiago de Compostela e da Coruña. Será dentro das festas patronais das dúas cidades chanelianas: a estrea será o 29 de xullo na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e despedida, na Praza de María Pita, o 3 de agosto. Despois, editarase un disco conmemorativo que se presentará en outono nas vilas de Rianxo e Melide. Serán as derradeiras ocasións de gozar ao vivo deste espectáculo único.

A décima edición de Espazos Sonoros ofrecera nove concertos

Xénero: Antiga | 13 / 7 / 2017

imaxe non dispoñible

O festival Espazos Sonoros celebrará do 2 de setembro ao 15 de outubro a súa décima edición cun programa de nove concertos en lugares de especial interese cultural de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona. Igrexas, muíños, castelos, mosteiros e mesmo fornos destes municipios serán os escenarios da nova programación deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O ciclo comprende concertos, visitas guiadas e obradoiros sobre a música, a danza e os instrumentos tradicionais antigos. A música antiga da Austrian Baroque Company, de Marco e Angela Ambrosini, e Eva-Maria Rusche; do ensemble Favola d’Argo, do catalán Xavier Díaz-Latorre e de Manseliña; xunto coa música para guitarra do século XX de Samuel Diz, o repertorio tradicional galego de Xesús Vaamonde e de Xosé Lois Romero, e mais un programa de música de salón do XVIII que recuperarán o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo centran as propostas musicais de Espazos Sonoros 2017. Nas roldas pola paisaxe organística do Camiño do Norte, Pablo Seoane estreará a peza “Parábase”, creada para os órganos da igrexa de San Salvador de Lourenzá

O Revenidas de Vilaxoán ofrece 26 propostas musicais

Xénero: Miscelánea | 12 / 7 / 2017

imaxe non dispoñible

O Festival Revenidas, que se celebrará na localidade arousá de Vilaxoan entre os días 18 e 20 de agosto, pechou hoxe o seu cartel. Para esta edición do 2017 o Revenidas ofrece 26 propostas musicais procedentes de Galicia, Asturias, Madrid, Valencia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Madrid, Arxentina, Hungría ou Estados Unidos. As novas confirmacións son as de Bolboreta, De Vacas, Pupil•es e Voodoo -catro bandas lideradas pola forza de mulleres que abranguen unha chea de estilos musicais pasando polos toques de humor ou a canción protesta-, Noite Fechada, O Leo i Arremecághona, DJ Pimp, La Duendeneta, e Galifunk Brass, Bloquinho Aperta eos pasarrúas de Os Terribles de Arousa para acompañar aos asistentes ás actividades. Súmanse deste xeito esta serie de concertos aos xa anunciados anteriormente pola organización: La Pegatina, Skindred, Bohemian Betyars, Riot Propaganda, Esne Beltza, Vendetta, Terbutalina, Dakidarria, Desakato, Txarango, Auxili, Sara Hebe, Voodoo, Doen, Zapa! e SonDaRúa. Estas 26 bandas ofrecerán no Revenidas17 unha potentísima combinación de sotaques e estilos musicais como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou a electrónica. A organización presenta tamén a súa programación por días poñendo á venda tamén un número limitado de entradas dun só día ademais dos abonos para todo o evento.

Volve Pitusa Semifusa para explorar os estilos musicais

Xénero: Infantil | 26 / 6 / 2017

estilos_musicais_pitusa_semifusa.jpg

Despois do seu primeiro disco, Olga Braña volve vestir a pel de Pitusa Semifusa nun novo libro-CD para o público máis cativo. Logo dun primeiro álbum no que exploraba diferentes instrumentos Pitusa Semifusa e os estilos musicais achega unha selección de temas na que este grupo explora xéneros como pop, blues, reggae, funk ou hiphop. Braña acompáñase nesta ocasión de Carliños Freire na batería, Pablo Vidal no baixo, Brais Morán na voz e guitarra, Marta Bravo na voz e Ana Pérez na voz e a facer animación ao vivo. Como na primeira ocasión, Leandro Lamas ponlle imaxe ao volume que edita Galaxia na colección Sonárbore. Logo da presentación a pasada semana en Santiago de Compostela, o vindeiro dous de xullo Ourense será a seguinte parada da xira.

Abraham Cupeiro presenta a banda sonora da Muralla de Lugo

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

O multiinstrumentista, compositor e construtor de instrumentos históricos Abraham Cupeiro, presentará hoxe ás 20:30 horas no Cárcere Vello de Lugo o disco da “banda sonora da Muralla de Lugo”un agasallo persoal á cidade. En colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e o grupo de percusión Odaiko Percussion Group, Cupeiro compuxo esta Banda Sonora que leva por título O anel de pedra. Nesta presentacion en formato dixital desta Banda Sonora, o artista ademais fará unha demostración de instrumentos que utilizou nela o mesmo tempo que se proxectarán vídeos do making of coa Real Filharmonía de Galicia. Cupeiro destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx , unha trompeta celta da Idade de Ferro, que tamén usa nesta composición así como outros instrumentos musicais antigos recuperados e construídos por el como a frauta de oso ou o corno romano dándolle máis realismo histórico ao resultado final na recreación do ambiente. Abrahan Cupeiro tamén presentará en setembro deste ano a gravación Os Sons esquecidos , realizada coa RFG e na mesma liña que este traballo en canto a recuperación e mestura de instrumentos tradicionais. A entrada á presentación de hoxe é aberta e de balde.

Atípicas gravacións musicais na rede coas Sesións Destelo

Xénero: Miscelánea | 22 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

Cun sitio web como plataforma e xa con tres gravacións subidas e outras tres en curso o proxecto Sesións Destelo encabezado por Miguel Grandío e que conta con moitas colaboracións, proponse dar a coñecer, en acústico, grupos e solistas que fan música en galego. A semana pasada tivo lugar unha presentación presencial na Coruña nunha festa na que houbo proxeccións, un concerto e pinchada popular. Ao xeito das Sesións Lixeiras que viña facendo a produtora Zinqin con grupos e artistas de todo tipo, as Sesións Destelo restrinxen o seu ámbito a artistas de Galicia e que usan da lingua propia do país. As gravacións dos temas en directo e en formato plenamente acústico fanse tamén en lugares alleos aos escenarios coma unha praia, unha capela, unha nave abandonada ou mesmo o interior dun vello Land Rover, tal e como podemos ver na sesión onde os veteranos Ruxe-Ruxe amosan o seu bo facer musical. Ademais desta banda santiaguesa, levan participado no proxecto o grupo Medomedá, Alberto Busto (de Arrhythmia) e tres grupos máis cuxos vídeos verán a luz ao longo das vindeiras semanas. Desde a dirección do proxecto seguen á procura de artistas que queiran compartir unha sesión para rexistrala en vídeo e que fique para a posteridade.

O festival Agrogay terá nova edición como Agrocuir

Xénero: Miscelánea | 21 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

Cando vai facer a súa cuarta edición, o festival Agrogay de Monterroso ven de mudar a súa denominación por Agrocuir. Os días 25 e 26 de agosto celebrarase así o 4º Festival Agrocuir da Ulloa, organizado polo colectivo co mesmo nome, que ten como principal obxectivo visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso. Ademáis, aposta por mostrar, defender e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecoloxismo; defendendo a diversidade, tanto social como natural. O cambio de denominación busca superar os conceptos que habitualmente aprisionan en identidades construídas e dar valor á loita do colectivo transexual ao que se dedicará esta edición ademais de á defensa do bosque autóctono. O programa ven de presentarse e conta coas actuacións de Radio Cos, Mercedes Peón, Silvia Penide e Rodrigo Cuevas, entre outros. Ademais da música en vivo o festival ofrecerá obradoiros e charlas, proxeccións audiovisuais e feira de artesanía na Granxa Maruxa.

A Banda dos Cueiros presenta libro-disco

Xénero: Infantil | 21 / 6 / 2017

not_27616.jpg

A Banda dos Cueiros, o grupo de música infantil nacido das actividades de Espazo Lectura de Gondomar cun proxecto musical que se enmarca dentro do proxecto xeral de fomento da lectura da asociación, ven de presentar o seu libro-disco de título homónimo á formación. O grupo está formado por seis persoas: dúas delas cantan e fan coreografías, e as catro restantes fan coros, tocan a guitarra, o acordeón diatónico, frautas, clarinete e percusións. Aínda que nun comezo o seu repertorio se restrinxía a temas para bebés de 0 a 3 anos,pouco a pouco foron abrindo o espectro de idade e na actualidade as pezas que interpretan cobren un abano que vai dende os 0 ata os 7 anos, aproximadamente. O disco recolle temas de composición propia, versións actuais de melodías xa clásicas, adaptacións musicais de contos e poemas da literatura infantil e xuvenil galega, reinterpretacións de cancións e ladadíñas da tradición oral. As pezas empregan basicamente o galego, pero tamén outras linguas como o portugués, inglés, italiano ou o alemán .

<< Inicio / Anterior . 431 a 440 de 1395 . Seguinte \ Fin >>