Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Paco Nogueiras lanza a súa particular emisora con Radio Bulebule

Xénero: Infantil | 6 / 11 / 2017

radio_bulebule_paco_nogueiras.jpg

Logo do éxito de Brinca vai!, o que obtivo o Premio Martín Códax da Música na categoría Infantil, Paco Nogueiras presenta o seu novo traballo. O medio radiofónico inspira os doce temas de Radio Bulebule, un libro-CD-DVD que publica a editorial Kalandraka con ilustracións de David Pintor e uns videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo dirixindo que, unidos, forman unha curtametraxe. Os ritmos variados predominan nunhas cancións que se artellan como a grella de programación dunha peculiar emisora. Sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica teñen cabida, con cadanseu tema, neste proxecto.

Volven Igloo co novo traballo 'Aquellos maravillosos daños'

Xénero: Indie | 2 / 11 / 2017

digipack_AMD.jpg

Igloo volven pero nunca marcharon, Aquellos maravillosos daños (La Alianza Rebelde Producciones, 2017) é o sexto longa duración da súa prolífica carreira, dous anos despois do seu anterior disco Igloo2 (2015). Xa pasaron anos desque os de Caldas de Reis se fixeron un oco na escena musical indie e alternativa formando parte incluso do cartel dunha das primeiras edicións do Festival Sinsal cando era un evento urbano en 2008. O proxecto Igloo segue adiante e moi vivo doce anos despois do seu primeiro disco homónimo Igloo (2005) e estes días comeza a presentación do seu novo traballo gravado e producido por eles mesmos e editado por Ernie Records.

Banda Crebinsky lévanos ao Zirkus Affe

Xénero: Fusión | 31 / 10 / 2017

zirkus_affe_banda_crebinsky.jpg

Un achegamento ao son de raíz mediterránea e á música rai e hindú marca o terceiro álbum de Banda Crebinsky. O grupo autoproduce Zirkus Affe, un proxecto no que explotan a ambientación circense e incrementan as letras en galego. A voz de Serxio Zearreta colle protagonismo e comparte micro con Vadzim Yuknevich nun proxecto que conta coas colaboracións de Carlos Castro, Nuria de León ou Jerry Noia. Fernando Abreu Fernández nos clarinetes, Enrique Otero aos teclados, a guitarra de Pablo González, os baixos de Pablo Pérez, Miguel Queixas á Batería e Xacobe Lamas no violín completan a formación, que estreou o disco cun concerto na sala Capitol o pasado mes de setembro pero que xa adiantaran boa parte dos seus contidos en recitais ao longo do verán.

Alejandro Vargas, Rosa Cedrón e Camerata Egeria homenaxean a Chané

Xénero: Fusión | 27 / 10 / 2017

chane_na_habana_alejandro_vargas.jpg

O pianista cubano Alejandro Vargas e a cantante Rosa Cedrón capitanean Chané na Habana, o disco en homenaxe ao coñecido compositor galego que acaba de ver a luz da man de aCentral Folque e a Deputación da Coruña a coincidir co centenario do músico. O proxecto, que se puido ver ao directo este verán na Coruña e en Compostela reivindica a totalidade da obra do compositor desde a perspectiva da música cubana. Unha reinterpretación na que Vargas e Cedrón se acompañan de dezaseis músicos de catro nacionalidades, entre eles o trompetista cubano Myquel González e varios membros da Real Filharmonía de Galicia reunidos na Camerata Egeria, todos eles baixo a dirección artística de Ramon Pinheiro.

O Museo do Pobo presenta Dispostas para cantare

Xénero: Folk | 19 / 10 / 2017

dispostas_para_cantare_MPG.jpg

O musicólogo Sergio de la Ossa foi o responsable de seleccionar as vinte e catro pezas que conforman Dispostas para cantare. O Museo do Pobo Galego presentaba onte este libro-CD no que recupera unha selección de pezas sonoras dos milleiros que custodia o seu Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade (APOI). Romances, coplas, cancións de voda ou de sega, xotas ou muiñeiras cantadas polos propios informantes en diferentes recollidas de sons populares conforman este interesante traballo sobre a tradición musical galega que sae á luz en colaboración con Bodegas Martín Códax.

Andrea Pousa inicia a súa carreira en solitario con Respirar

Xénero: Melódica | 18 / 10 / 2017

respirar_andrea_pousa.jpg

A Casa Galega da Cultura, en Vigo, acollía onte o acto de presentación de Respirar, o primeiro álbum en solitario de Andrea Pousa. Logo de quince anos nos escenarios en diferentes formacións e dunha intensa carreira a facer dúo co Bruxo Queiman, a cantante inicia a súa carreira individual cun disco que se mantén nas coordenadas líricas dos seus anteriores traballos. Unha selección de temas propios en galego, castelán e portugués mesturan, segundo a presentación do traballo, "lirismo, tradición, vanguardia, popular...", a se completar cunha versión da coñecida Negra Sombra. Nani García encargouse da produción e da gravación deste álbum, que se presentará ao vivo cun concerto no Teatro Afundación de Vigo este 26 de outubro.

Os John Deeres presentan o seu segundo disco '20-20'

Xénero: Rock | 16 / 10 / 2017

not_27930.jpg

Xa está en todas as plataformas o novo disco da banda Os John Deeres, 20.20. Os da Estrada presentan neste traballo editado baixo o Netlabel O Toxo Rabudo oito temas en galego de “hard rock” sen concesións, pensados claramente para levar a un directo enérxico e electrizante. O tema de presentación, Rendición, xa dispón de videoclip. As letras van da temática social (Entre fronteiras, A sombra de ti, Dourado veleno) ao macarrismo (Inevitable); da superación dos propios límites (Cara adiante, Tan forte, tan lonxe) á conciencia de que ás veces só queda deixarse levar pola nosa parte máis escura (Rendición, Espiral). Segundo comentan desde O Toxo Rabudo sobre o disco, "con 20-20 os John Deeres atoparon o seu lugar. Despois dun primeiro traballo inaugural que recollía temas de case unha década tocando xuntos, con 20-20 a banda dá un salto cara a un son máis directo e cru, máis compacto e máis achegado ás súas bandas de referencia dos 70". O disco pódese descargaur xa que está baixo licenza Creative Commons. A banda estará o vindeiro día 21 no festival grelo Folc de Monfero presentando en directo o seu novo traballo.

MJ Pérez presenta Casandra, o seu primeiro álbum de estudio

Xénero: Cantautor | 3 / 10 / 2017

casandra_mjperez.jpg

Logo de dous álbums ao vivo, a cantautora arzuá MJ Pérez debuta no estudio con Casandra. O novo traballo supón un xiro na carreira da cantora, cunha maior variedade de ritmos e estilos nos temas, con toques latinos como os que achega Ai de min, o tema de presentación. O álbum gravouse no estudio dos Locais de Ensaio do Concello de Arzúa, e conta coa xa habitual banda da artista, Diego Fiuza á guitarra, Inés Mirás ao baixo e Alberto Rama á batería, que arroupan con ritmos vivos letras comprometidas e de alta carga poética. Canda a eles, danse cita nas pistas colaboradores como Richi Casás nos ventos, Martiño Cabarcos na zanfona, Paco Cerdeira no Bouzouki ou Ailén Kendelman nas percusións, a achegar unha ampla variedade de sons ao proxecto. Logo do concerto de presentación, que se celebrou a pasada fin de semana en Arzúa, a xira continúa pola Coruña (7 de outubro), Ferrol (13 de outubro), Melide (20 de outubro), Gondomar (27 de outubro), e Compostela (9 de novembro).

Uxía canta a Novoneyra no seu novo traballo

Xénero: Miscelánea | 27 / 9 / 2017

uxia_o_uxia.jpg

Ecos de muiñeira, ragtime, alalá e reggae danse cita no novo traballo de Uxía. A cantante colabora con Sérgio Tannus para crear Uxía_O, un álbum no que musican os textos de Uxío Novoneyra. O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado 30 a presentación do proxecto, no que, ademais de poemas musicados, tamén se presentan diferentes textos unidos nunha mesma canción, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformado en alalá. O álbum recupera tamén a composición Cain as follas, de Emilio Cao, ou Alalás encadeados, poema inédito que xa se puidera escoitar no disco Meu Canto de Uxía.

Carmen Penim canta sobre a represión en Herdeiras

Xénero: Cantautor | 21 / 9 / 2017

carmen_penim_herdeiras.jpg

Un libro-CD con poemas musiados e un audiovisual no que se aborda a represión franquista en Galicia. Esta é a proposta de Herdeiras o proxecto que Carmen Penim, voz do dúo 2nafronteira, presenta este sábado 23 de setembro no Teatro Principal de Compostela. O álbum conta con música de Penim sobre poemas de Helena Villar, Carmen Blanco, Eva Veiga, Marga do Val e Marta Dacosta, e inclúe varios artigos e a curtametraxe Bucle de Margarita Ledo. Financiado mediante crowdfunding, Herdeiras "fala de muller e dereitos, fala da construción da identidade, da visibilización, do sentido de herdanza, recuperando historias de mulleres resistentes e solidarias, represaliadas ás veces só por ter loitado por dereitos que hoxe consideramos obvios. E fala de memoria, porque o esquecemento non trae a paz serena que queremos, porque non nos queremos repetir e queremos sentirnos orgullosas de ser netas e fillas de mulleres fortes e dignas", segundo explica a presentación do álbum.

<< Inicio / Anterior . 421 a 430 de 1395 . Seguinte \ Fin >>