Atípicas gravacións musicais na rede coas Sesións Destelo
xuño 22, 2017
Cun sitio web como plataforma e xa con tres gravacións subidas e outras tres en curso o proxecto Sesións Destelo encabezado por Miguel Grandío e que conta con moitas colaboracións, proponse dar a coñecer, en acústico, grupos e solistas que fan música en galego. A semana pasada tivo lugar unha presentación presencial na Coruña nunha festa na que houbo proxeccións, un concerto e pinchada popular. Ao xeito das Sesións Lixeiras que viña facendo a produtora Zinqin con grupos e artistas de todo tipo, as Sesións Destelo restrinxen o seu ámbito a artistas de Galicia e que usan da lingua propia do país. As gravacións dos temas en directo e en formato plenamente acústico fanse tamén en lugares alleos aos escenarios coma unha praia, unha capela, unha nave abandonada ou mesmo o interior dun vello Land Rover, tal e como podemos ver na sesión onde os veteranos Ruxe-Ruxe amosan o seu bo facer musical. Ademais desta banda santiaguesa, levan participado no proxecto o grupo Medomedá, Alberto Busto (de Arrhythmia) e tres grupos máis cuxos vídeos verán a luz ao longo das vindeiras semanas. Desde a dirección do proxecto seguen á procura de artistas que queiran compartir unha sesión para rexistrala en vídeo e que fique para a posteridade.