O festival Agrogay terá nova edición como Agrocuir
xuño 21, 2017
Cando vai facer a súa cuarta edición, o festival Agrogay de Monterroso ven de mudar a súa denominación por Agrocuir. Os días 25 e 26 de agosto celebrarase así o 4º Festival Agrocuir da Ulloa, organizado polo colectivo co mesmo nome, que ten como principal obxectivo visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso. Ademáis, aposta por mostrar, defender e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecoloxismo; defendendo a diversidade, tanto social como natural. O cambio de denominación busca superar os conceptos que habitualmente aprisionan en identidades construídas e dar valor á loita do colectivo transexual ao que se dedicará esta edición ademais de á defensa do bosque autóctono. O programa ven de presentarse e conta coas actuacións de Radio Cos, Mercedes Peón, Silvia Penide e Rodrigo Cuevas, entre outros. Ademais da música en vivo o festival ofrecerá obradoiros e charlas, proxeccións audiovisuais e feira de artesanía na Granxa Maruxa.