Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Nace a Orquestra Galega de Liberación

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

Dezaseis músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación conforman a Orquestra Galega de Liberación. A formación constituída por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz, das músicas de vangarda e da performance preséntase este sábado no Auditorio de Galicia en Santiago cunha actuación de balde con reserva previa baixo as restricións de capacidade actuais. A orquestra está formada por Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo e dirección), Max Gómez (batería), LAR Legido (batería), Javier Pereiro (trompeta), Olivier Cano (saxo alto), Xosé Miguélez (saxo tenor), Diego Alonso (saxo tenor), Rosolino Marinello (clarinete baixo), Rubén Fernández (voz), Faia Díaz (voz), Antonio Bravo (guitarra), Manuel Cebrián (guitarra), Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo).

O Salón Teatro de Santiago celebra o seu centenario cun ciclo de concertos

Xénero: Miscelánea | 9 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

O Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG) da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) desde 1999, celebra o centenario da súa inauguración en 1920 retomando hoxe mesmo a actividade pública co inicio do programa musical Mércores de varanda,que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos. O gaiteiro Anxo Lorenzo será o encargado de abrir hoxe este cartel, que se desenvolverá todos os mércores ata finais de outubro e polo que pasarán en total seis grupos e artistas do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 (Anxo lorenzo, Claudia Abril, Emilio Rúa, Xoán Curiel, Susana Seivane, SÉS, Dequenvessendo) e dous convidados do ‘coworking’ de emprendemento musical organizado pola Fundación Paideia e a EOI Padrón (Hugo Franco e Sofía Espiñeira).. Estes Mércores de varanda darán comezo cunha pequena actuación de cada un dos artistas desde o balcón do Salón Teatro para continuar a actuación no escenario. A entrada é gratuíta, previa retirada no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo de cada actuación e ata completar a capacidade dispoñible de 60 persoas máximo que neste momento a Xunta de Galicia permite.

Os premios Rebulir recoñecen a Mercedes Peón e a Fina Calleja

Xénero: Miscelánea | 7 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

A súa "contribución a difusión e a renovación da música galega dentro e fora de Galicia" valeulle a Mercedes Peón facerse co Premio Rebulir 2020 na categoría musical. A Asociación Rebulir deu a coñecer a listaxe de persoas que recibirán este ano os seus galardóns na vindeira edición do Festival Rebulir prevista entre os vindeiros 17 e 20 de decembro en Ramirás. Canda a Peón, o xurado recoñeceu a Fina Calleja "pola súa traxectoria profesional no eido do teatro e audiovisual, e polo seu compromiso coa cultura de base, en, desde e para Ourense" co premio de Artes Escénicas. Finalmente, a Banda de Música de Vilanova dos Infantes recibirá o premio homenaxe "polo legado cultural na música popular" cando fai 160 anos de existencia.

O ciclo 'Camiño de Cantares' impulsa a publicación de dous libros-cd a presentar en nove concertos

Xénero: Antiga | 1 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

O novo ciclo musical 'Camiño de Cantares', levará á editar dous libros-cd que serán interpretados en concerto en espazos relixiosos de localidades polas que transcorre o Camiño de Santiago. O eixo desta iniciativa é a música vocal, tendo cabida propostas a capella e con acompañamento instrumental. Así mesmo, estas publicacións poñen o foco na música creada para o Apóstolo Santiago, que conta con historias do Camiño ou composta en localizacións xacobeas.As publicacións titularanse Libro de órgano da Catedral de Tui (séc. XVIII) e Libro III de Polifonía (séc. XVII- XVIII) e para contribuír á súa divulgación programáronse un total de nove concertos que se celebrarán en recintos sacros de Celanova, Santiago, padrón Tui, Melide, Ribadavia, Muxía e Oia.

Milladoiro homenaxeados en pedra e terra para a historia en Nigrán

Xénero: Folk | 25 / 8 / 2020

imaxe non dispoñible

No Concello de Nigrán, na parroquia de Chandebrito hai xa un sitio de recordo e unha dupla homenaxe para a formación folk máis senlleira do país. Co gallo do terceiro festival Chandefolk e o concerto do grupo Milladoiro o concello levou a cabo primeiro a reforestación con 40 especies autóctonas dun espazo de 7.000 metros cadrados en colaboración coa Comunidade de Montes, que quedou bautizado coma Bosque de Maeloc en recordo do primeiro disco de Milladoiro A Galicia de Maeloc editado fai xustamente 40 anos, o primeiro disco galego en editarse en Francia. Ademais diso no mesmo Outeiro descubriuse un monumento feito polo colectivo 'Arte no Queimado' que ademais do nome do grupo inclúe unha figura fde catro metros de altura feita con 40 cubos de granito da canteira de Chandebrito representando a acumulación de pedras amontoadas por romeiros e peregrinos que definen un milladoiro. O recoñecemento feito por parte do Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes ao grupo tivo especial mención nun dos ex-membros fundadores de Milladoiro, Antón Seoane, que é veciño da zona desde fai 20 anos. O propio Seoane xunto aos membros actuais da banda participaron da reforestación e inauguración do monumento.

O Festival da Luz tomará as leiras nunha edición especial dun só día

Xénero: Miscelánea | 19 / 8 / 2020

imaxe non dispoñible

Lonxe de desanimarse coas malas expectativas o Festival de la Luz de Boimorto ven de anunciar a celebración o vindeiro día 12 de setembro dunha edición especial. Os campos arredor da casa da cantante Luz Casal en Boimorto acondicionaranse para a Edición Leiras coa que o evento non quere deixar baleiro neste 2020. No formato que a organización ven de presentar entrarán 500 persoas, que se situarán nunha distribución por asentos de entre 2 e 10 persoas que son chamadas "leiras" e separadas entre sí na disposición do recinto. O cartel estará íntegramente conformado por artistas de moi diversos xéneros da escena musical galega, Eladio y los seres queridos, Terbutalina, Susana Seivane, BoyankA KostovA, Agoraphobia, Monoulious DOP e LAU. A recadación das entradas, sempre con carácter solidario, irá a parar á Cruz Vermella Galicia.

A 15ª MICE estreará o documental 'Dorothé na vila' de Alejandro Gándara e Olaia Tubío

Xénero: Folk | 14 / 8 / 2020

imaxe non dispoñible

A pandemia forzou en marzo á suspensión da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico uns días antes de decretarse o estado de alarma. Agora a 15ª edición da MICE do Museo do Pobo Galego en Santiago volve con novas datas de celebración, do 25 ao 29 de agosto, e cunha fórmula mixta que xa é un estándar destes tempos en aras dunha maior seguridade, na que as actividades se realizarán combinando un formato presencial e en liña. Por iso, a organización optou por unha redución da programación presencial. Destes cambios nace Cinema Bonaval, que aproveitará as noites de agosto para gozar de filmes ao aire libre baixo as estrelas do Parque de Bonaval. Esta sección, que estará formada por cinco filmes en tres sesións, reúne as liñas temáticas que ían centrar as seccións non competitivas Trazas e Impropias (adiadas ao 2021): a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Dentro destas proxeccións, destaca a estrea o xoves 27 de agosto ás 22h00 do documental Dorothé na vila, proxecto de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, con Lucía Estévez na edición, que recibiu o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A película segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país, que hoxe en día están depositadas no APOI do Museo do Pobo Galego.

As citas de verán co jazz mantéñense co acento máis galego

Xénero: Jazz/Blues | 6 / 8 / 2020

imaxe non dispoñible

O jazz ábrese paso no verán, como un xénero ao que as limitacións actuais non semellan afectar tanto coma a outros. Un público selectivo e non multitudinario e con escoita en asentos é un formato que encaixa nos hábitos dos concertos deste xénero máis que nos de rock, pop, folk, etc.. Talvez sexan esas as causas polas que os festivais de jazz seguen a aparecer nestas datas debuxando unha oferta que salpica o mapa do país. Lugo, Moaña, Rianxo e Ferrol son algúns dos sitios nos que dende hoxe mesmo o jazz comeza a soar en ciclos, festivais e programacións diversas con especial peso das figuras galegas. Como proposta máis inmediata polas rúas de Lugo comezan hoxe a soar as músicas de 5 banda de estilo Dixieland como parte do ciclo Camiño ao XXX Festival de Jazz de Lugo, que xa ven anticipando con concertos desde primeiros de ano o vindeiro festival da cidade a celebrar previsiblemente en novembro. Tamén hoxe mesmo comezan a Noites de jazz de Rianxo, unha cita que ademais poderá gozarse en liña coa retransmisión en directo dos seus concertos a través da canle en YouTube do Concello rinaxeiro. Pablo Sanmamed Trío (hoxe xoves) , pablo castaño Quarte (venres 7) e Swing Machine Orchestra (sábado 8) actuarán para presentes e alleos nesta cita.

Preséntase en concerto no festival de arpa de Noia o libro e cd sobre os instrumentos medievais da arquivolta da igrexa de San Martiño

Xénero: Clásica/Lírica | 5 / 8 / 2020

Alba_barreiro_eixos.jpg

O festival de arpa de Noia, Noia Harp Fest, impulsado pola figura do músico noiés Rodrígo Romaní coma director, cumpre este ano o seu quinto aniversario, manténdose nas circunstancias e presentando tres días con citas moi singulares e cada unha delas de especial importancia. Este mércores dará comezo esta quinta edición que se prolongará ata o venres e usara cada día un escenario diferente da vila. Unha das novidades importantes deste Noia Harp Fest será o proxecto de reconstrución das dúas arpas representadas na arquivolta da igrexa de San Martiño, proxecto financiado polo Concello de Noia a iniciativa da Concellería de Cultura, asesorada polo director do Festival, Rodrigo Romaní. Esta arquivolta foi realizada en 1434 e semella unha reminiscencia tardía dos pórticos románicos, dos que a mellor mostra está a tan só 35 quilómetros en Santiago de Compostela, no Pórtico da Gloria do Mestre Mateo. A reconstrución levouna a cabo o luthier galego especialista en arpas Luís Martins. A propia Igrexa de San Martiño acollerá este xoves o concerto do Noia Harp Consort presentando o libro-CD O Uniforme Movemento Divino, editado polo Concello de Noia, no que se recolle a investigación sobre o resto dos instrumentos construídos ao abeiro deste proxecto. O concerto contará con convidados especiais como o músico Abraham Cupeiro López, o cellista Millán Abeledo, o violinista Fernando Docampo e o propio construtor dos instrumentos, Luís Martíns, todos eles acompañados polo Coro Xuvenil do Concello de Noia. O libro-CD O Uniforme Movemento Divino publícase en plataformas dixitais, tanto coma documento coma as gravacións levadas a cabo, coincidindo co evento e está accesible desde a páxina web do festival para a súa descarga.

O TradFest mantén o seu sitio nas festas do Apóstolo e multiplica os seus espazos

Xénero: Folk | 20 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

O pasado ano nacía o TradFest en Santiago, unha cita co folk en todas as súas expresións que entraba dentro do marco das festas do Apóstolo da capital galega con ánimo de continuidade, e dese xeito está tamén presente este ano cun día enteiro de programación o vindeiro 26 de xullo. Neste 2020 é unha edición adaptada á situación sanitaria sen renunciar a facer a festa incluíndo de novo música, canto, baile, cursos, feira, etc. Un escaparate das tradicións renovadas que nesta ocasión comprenderá dous enclaves da cidade: a Praza da Quintana cos concertos de encerramento e o Parque de Bonaval, onde se estenderá por tres espazos do parque a propia igrexa de San Domingos separando as actividades por formatos en cada un dos lugares. A nivel musical pasarán por Bonaval Barahunda, Zeltia Irevire, é Romance, Laura Lamontagne, Candorka, Porcoteixos e Anxo Lorenzo entre outros. O grupos de bailes serán Bouba, Altalaplana, Os Monifates e Cobos & Prieto darán cursos durante a xornada. Tamén haberá unha mostra de instrumentos e un mercado de libros e discos en Bonaval. As rúas da cidade estará durante o TrdFest animadas por catro ruadas e na Praza da Quintana estará a Banda Municipal de Música cun repertorio de título “De Tradición con Suso Vaamonde” e pecharán alí a xornada de TradFest ás 22:00 horas Tanxugueiras. O TradFest está promovido polo xornal La Voz de Galicia e producido desde Nordesía e aCentral Folque .

<< Inicio / Anterior . 251 a 260 de 1407 . Seguinte \ Fin >>