Os premios Rebulir recoñecen a Mercedes Peón e a Fina Calleja
setembro 7, 2020
A súa "contribución a difusión e a renovación da música galega dentro e fora de Galicia" valeulle a Mercedes Peón facerse co Premio Rebulir 2020 na categoría musical. A Asociación Rebulir deu a coñecer a listaxe de persoas que recibirán este ano os seus galardóns na vindeira edición do Festival Rebulir prevista entre os vindeiros 17 e 20 de decembro en Ramirás. Canda a Peón, o xurado recoñeceu a Fina Calleja "pola súa traxectoria profesional no eido do teatro e audiovisual, e polo seu compromiso coa cultura de base, en, desde e para Ourense" co premio de Artes Escénicas. Finalmente, a Banda de Música de Vilanova dos Infantes recibirá o premio homenaxe "polo legado cultural na música popular" cando fai 160 anos de existencia.
O Premio Rebulir de Cultura Galega naceu en 2012 "como un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións". O xurado estivo composto por Isabel Gil Álvarez (Alcaldesa do Concello de Ramirás), Rosendo L. Fernández Fernández (Vicepresidente da Deputación de Ourense), Sandra Quintas Vázquez (Xefa Territorial da Conselleria de Cultura e Turismo), Susana Durán González (Directora Administrativa do FIR), Diego Freire Fernández (Asociación de Actores e Actrices de Galicia) e mais Alejandro Lago Barciela (Gaiteiro e Mestre de Música Tradicional). A entrega do premio farase o vindeiro 19 de decembro ás 19 horas.
Tamén che pode interesar:
- 4/ 1/ 2012 | SÓS de Mercedes Peón está entre os mellores discos de raíz de 2011
- 14/ 2/ 2008 | Os Premios da Música contan con nove galegos que acaparan dez candidaturas
- 12/ 4/ 2007 | Vigo acolle o concerto de presentación do novo disco de Mercedes Peón
- 26/ 12/ 2003 | A revista británica Folk Roots considera o disco "Ajrú" de Mercedes Peón como mellor disco do mundo
- 7/ 10/ 2003 | Mercedes Peón presenta en Ajrú un novo traballo máis independente