Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O Museo do Mar ofrece oito concertos no ciclo Mar de Cultura

Xénero: Miscelánea | 2 / 12 / 2020

imaxe non dispoñible

Dende hoxe, mércores 2, e ata o vindeiro domingo terá lugar no Museo do Mar de Vigo unha nova edición do ciclo de concertos Mar de Cultura, a cargo maioritariamente de artistas femininas. Oito actuacións conforman este ciclo de asistencia gratuíta pero que precisa reserva previa (a través de correo electrónico e máximo dúas entradas por petición) para o acceso dado ao restrinxidas das capacidades do recinto. Ugia Pedreira abre hoxe ás 18:00 horas o ciclo, mentres que mañá terá lugar a xornada Mar de Mulleres coas actuacións de De Vacas, Guadi Galego e Uxía e Felisa (Leilía), que se transmitirá en liña a través da páxina Facebook do Museo do Mar. Ailá, o venres, as cantautoras Silvia Penide e Carla López o sábado ás 18:00 e finalmente a actuación o domingo de Emilio Rúa como peche, completarán este ciclo que nesta ocasión quedará restrinxido para público da área de Vigo ante as restricións de mobilidade da Xunta de Galicia.

DEVALO preséntase co disco 'Noites contadas'

Xénero: Electrónica | 1 / 12 / 2020

devalo_noitescontadas.jpg

O músico coruñés David Miranda asina coma DEVALO este novo proxecto musical de quen formou parte anteriormente de bandas coma Nouvelle Cuisine ou The Cripple and The Tramp. Noites contadas (Ferror Records) é o seu primeiro traballo discográfico coma DEVALO, saído neste pasado setembro. O disco foi gravado polo propio Miranda en Bangor (Gales) e posteriormente masterizado por Jahel Piñeiro en 8 Estudios (Lugo). Noites contadas ofrece 12 temas en galego, escritos e compostos por David Miranda. As sonoridades en sintetizadores e caixas de ritmos remiten á electrónica synth-pop dos oitenta con New Order, Orchestral Manoeuvres in the Dark ou M83 coma algúns dos referentes que podemos atopar nestes temas de letras nostálxicas e imaxes lánguidas ou escuras.

Pakolas conta e canta a historia de ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’

Xénero: Infantil | 26 / 11 / 2020

ramonaorbita_pakolas_capa.jpg

Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil e familiar, ven de sacar o que é o seu segundo libro-cd Ramona Órbita. A dona do tempo (Sonárbore , Editorial Galaxia) co que, axudado polas ilustracións de Laura Romero, e da man desta nova personaxe fai un percorrido polo tempo e a historia da humanidade contando e cantando a súa historia ao ritmo do rock. Ramona Órbita é unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. Pasando as follas e escoitando as dez cancións, percorreremos de golpe varios séculos: a Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, a China Imperial, o antigo Exipto, a Idade Media, e mesmo viaxaremos ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores.

Berlai amosa a beleza da música feita na casa no novo disco 'Cas berlai'

Xénero: Fusión | 24 / 11 / 2020

berlai_casberlai.jpg

Berlai, o proxecto musical de Xiao Berlai, anteriormente integrante e compositor de Fía na Roca, regresa co seu segundo traballo, un novo disco creado durante o confinamento desde a súa casa da aldea -por iso se chama Cas Berlai (Seispés), que é como en Lugo se refiren á casa dun - que está xa nas tendas e nas plataformas musicais. Berlai defínese coma “indie rururbano” en consecuencia lóxica á música post-bravú e o proxecto presentouse en 2016 co disco Desconhecido (Axóuxere Editora). Cas Berlai é un traballo acústico e caseiro, cantando á rutina e á beleza do cotiá. Nel, cada unha das nove cancións convértese nun espazo da casa: a cama, o corredor, o espello, o váter, a sala ou a “cas de Tróski” (o seu can). Na banda, ademais de Xiao están Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados).Todos os temas son escritos por el agás a adaptación de A lista da compra -da viúva-, un poema de Emma Pedreira galardoado co Premio Poesía Jovellanos ao Mellor Poema do Mundo. Neles fala do seu pai, morto antes de tempo, das rupturas dos amores que nos tronzaron, do amor, das súas miserias ou do seu TDAH. Como adianto publicouse en redes o videoclip No water.

Guadi Galego presenta 'Costuras', quinto disco en solitario

Xénero: Pop | 23 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

Desde hoxe xa está en plataformas e á venda o que é o quinto traballo de Guadi Galego, Costuras, un disco autoeditado e distribuído a través de Altafonte. A cedeirense presenta neste novo disco 10 temas dos que ao longo das pasadas semanas xa foi deixando coñecer algúns deles coma o que dá título ao álbum. Todas as cancións son composicións de Guadi, nalgunhas conxuntamente co Carlos Abal, parella de vida persoal e musical, e tamén resultas de importancia par ao resultado final as achegas dos músicos Pau Brigada e Vic Moliner ao cargo da produción no Estudi Olivera de Banyoles, onde se gravou este Costuras igual que xa se fixera con anterior traballo Immersión(2019). Ademais a nivel de outras colaboracións o disco conta coas da cantante catalá Paula Grande, na vitalista O que ha chegar e as poetas Antía Otero intervindo cunha das súas poesías xa editadas en Zocos, e Marina Oural que fai o propio en Só con amor, a canción que pecha este disco. Ademais de no apartado musical Costuras conta súa versión física cunha obra do artista plástico Ricardo de Barreiro, que aparece tras da gris capa do disco a través da acción de rascar na portada coma nun xogo de "rasca e gaña".

Piti Sanz presenta S4N7 un novo disco e proxecto musical

Xénero: Rock | 9 / 11 / 2020

S4N7_capa.jpg

Piti Sanz é coñecido por ser un dos máis prolíficos compositores e intérpretes musicais para as artes escénicas e o audiovisual galegos, ademais tomou parte en varios proxectos puramente musicais como a banda de Luis Tosar Di Elas e tamén das máis recentes formacións de Os Resentidos. A pandemia colleuno preparando un novo proxecto propio con álbum incluído, S4N7, do que foi adiando a saída dadas as circunstancias e a dificultade de presentalo en directo. Finalmente foi no mes de outubro cando puido saír a luz este S4N7 que supón a súa volta á gravación do músico tras anos sen asinar ningún traballo e grazas ao que volve a poñerse ao fío da actualidade, neste caso coa compañía no proxecto de Adrián Arias nos teclados e Ro Muñoz na batería. Once temas conforman o disco editado por Sorte Records. Nas pistas deste traballo,m que xa está en plataformas e á venda en formato CD, Sanz demostra a súa capacidade compositiva de música e letras en temas de presencia contundente pero sin complicacións. Rock urbano de estilo impecable, cos aires de garaxe ou blues que Sanz sempre manexou con facilidade. Nalgúns casos ademais inclúe fusións latinas. O disco inclúe a reinterpretación dalgún dos seus temas composto para una banda sonora audiovisual coma a canción Dille que non que formaba parte da película 18 comidas (Alfonso Zarauza, 2010) e outros tres temas previos, os demais son composicións novas. O tema non é o único en galego do disco que tamén inclúe o tema As casiñas do Barrio Alto. Para a gravación e masterización a banda escolleu os estudios Edisco da Estrada. O tema de lanzamento do disco e que xa ten vídeo foi Todo sale mal, unha premonitoria declaración de resistencia ante calquera condición adversa cun ritmo e acabado perfectos.

O programa Música na Ribeira une a promoción musical coa do Camiño de Santiago

Xénero: Pop | 5 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

A promotora do 17º Ribeira Sacra Festival inicia mañá un programa de concertos que baixo no nome de Música na Ribeira baséase na idea do Camiño de Santiago como fonte cultural de música propiamente galega, e como leito transmisor de cultura musical. O encontro conxuga a música en directo de novos talentos da escena galega en localizacións do Camiño de Santiago ao seu paso pola Ribeira Sacra. Unha iniciativa adaptada á situación actual que une a promoción da música en galego e a creación dunha peza audiovisual. Para a posta en escena contarase con Momboi, expoñente galego dunha nova xeración de artistas que fan música actual e en galego. Unha banda que fusiona a música pop con trazas de tradición latina, usando a súa lingua materna. Estarán este venres 6 de novembro no Salón de actos de Sober, ás 20.00 horas e o 7 de novembro no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela ás 13.00 horas. Dúas citas con capacidade limitada e reserva previa a través do correo electrónico info@festivalribeirasacra.com. Esta iniciativa de Dezasete Grados S.L. forma parte do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, que apoia a promoción da cultura local, a lingua e os profesionais galegos que se viron afectados pola situación actual cunha paralización das propostas sen precedentes.

Rómulo Sanjurjo dirixira a área de Cultura da Coruña

Xénero: Miscelánea | 4 / 11 / 2020

imaxe non dispoñible

O músico Rómulo Sanjurjo, membro fundador de Os Diplomáticos de Montealto é a persoa designada polo equipo de goberno do Concello da Coruña para dirixir a Área de Cultura. Así o avanza hoxe na súa sección local o xornal La Voz de Galicia citando fontes municipais. Sanjurjo é parte tamén do dúo Transportes Hernández &Sanjurjo e, segundo sinala o xornal, foi elixido polo seu coñecemento do sector cultural da Coruña, e pola súa experiencia nese mundo. A Sanjurjo tócalle agora facerse cargo dunha difícil situación co mundo da cultura reclamando accións de apoio por parte do consistorio local ante a desfeita provocada pola pandemia. O novo director chega cando están a pique de rematarse as actividades inicialmente previstas do Plan de reactivación económica, social e cultural da Coruña (PRESCO) e aínda non se coñece o seu futuro. Colectivos do sector cultural estiveron estes meses pasados organizándose para levar a cabo accións de reclamación ás administracións públicas. O peche de dúas salas da área coruñesa, Bâbâ Bar e Fórum Céltico actuaron de catalizadores para a unión colectiva no caso do sector musical, pero xa antes se creara a plataforma VAI Coruña para mellorar a vida cultural da cidade.

O grupo TOR traslada no seu primeiro disco as investigacións recollidas da música tradicional

Xénero: Folk | 26 / 10 / 2020

PORTADA TOR.jpg

Un repertorio a base de popurrís ou sets de temas instrumentais orixinais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior é a tarxeta de presentación da banda ourensá TOR. A principal fonte destes temas é o traballo de campo do Arquivo Castro Vicente (Cástor e Félix Castro, compoñentes do grupo), e os seus fondos documentais e sonoros, centrados sobre todo na frauta de madeira e acordeón diatónico, así como en estilos de toque de gaita de comarcas como A Limia, Frieiras e Navia entre outras. Os irmáns Castro están acompañados neste proxecto por Álvaro Iglesias no contrabaixo e o coñecido Xosé Liz nas cordas do bouzouqui, guitarra e mandolina. A formación ven de sacar o sue primeiro traballo gravado, de nome homónimo TOR (Inquedanzas Sonoras, 2020), ofrecendo once temas con orixes en moi diversos puntos da xeografía en forma de muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras, piruxaldas, alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, como a que pecha o disco, Mazurca do Cachoupiño, que recibe o nome polo baile do cachoupiño que aparece na novela A Esmorga de Eduardo Blanco Amor e foi composta para a publicación EBA 5.0, o universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois d´A Esmorga (Difusora, 2009). Esta mazurca está inspirada en antigas mazurcas tarareadas aos irmáns Castro polo gaiteiro Fernando Paradela de Sarreaus (Ourense). Tanto esta mazurca coma a peza Piruxalda de Argomoso e muiñeira de Vilaquinte foron gravadas ao vivo para o disco. O álbum conta coas colaboracións de Pancho Álvarez e Ángel Ruíz e xa está dispoñible en Spotify e YouTube ademais de á venda na páxina de Inquedanzas Sonoras, ou na web do grupo co seu libreto completo. O grupo gravou ademais este verán a banda sonora para a mediametraxe Luarada ( Óscar Doviso), sobre o lobishome de esgos Manuel Blanco Romasanta, que se estreou no OUFF en outubro.

O 40 aniversario de Milladoiro celebrarse cunha xira galega como abandeirados do Xacobeo

Xénero: Folk | 20 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

En 1980 publicábase o disco A Galicia de Maeloc (Ruada), o primeiro da banda folk Milladoiro causando unha gran admiración pola súa proposta e sendo o primeiro disco galego en editarse en Francia. A celebración deste 40 aniversario farase a través dunha xira da actual formación de Milladoiro, que os levará por ata dez vilas e unha cidade galegas desde este mesmo mes de outubro e ata fin de ano. Estes concertos formarán parte das accións de promoción do Xacobeo 2021, polo cal a formación presentou onte a xira na Cidade da Cultura de Galicia acompañada do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e do secretario xeral de Política lingüística, Valentín García. O conselleiro quixo poñer en valor a vinculación da banda coa iconografía xacobea e co Camiño de Santiago, elementos presentes na súa extensa discografía; así como o labor de incorporación á súa música de influencias da música irlandesa e do mundo celta. As citas musicais celebraranse nos concellos de Mos, O Pino, A Estrada, Ames, Tui, Monforte, Portas, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras e Sobrado dos Monxes. O 14 de novembro a formación estará na propia Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

<< Inicio / Anterior . 231 a 240 de 1395 . Seguinte \ Fin >>