Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Susana Seivane recupera nun disco os temas que interpretou durante o confinamento

Xénero: Folk | 15 / 10 / 2020

susanaseivane_balcon.jpg

Durante moitas das noites do período de confinamento Susana Seivane quixo contribuír desde a súa casa a facer máis pasables as circunstancias coa súa música. Saíndo ao seu balcón e a través das redes sociais a músico foi interpretando diferentes temas do seu repertorio. Vinte deles son os que agora recolle neste disco que sae mañá venres baixo o descritivo título Dende o meu balcón. O repertorio de Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Muxicas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Marcos Castro, Pepe Romero, ou Suso Vaamonde, entre outros, forman parte dos 55 temas agrupados en 20 suites para os que Seivane sumou a complexidade de empregar 8 gaitas en diferentes tonalidades. Dende o meu balcón é o sexto disco de Seivane e supón o retorno ao substrato ancestral sobre o que Susana construíu a súa carreira. collendo coma fío condutor a riqueza do patrimonio musical galego e a posta en valor dos novos talentos que compoñen en base á tradición. Segundo a folla de promoción do traballo esta volta á orixe da gaiteira de Cambre xurde a partires dun proceso onde a identidade galega artellou unha catarse colectiva a través das redes para miles de persoas no mundo a través da interpretación de Susana dos temas recollidos no disco, durante cada noite do confinamento. Inconscientemente, a procura dos acervos serviu de catalizador da resistencia e precisamente o descubrimento desta condición foi o que levou a Susana a compilar os temas interpretados neste novo traballo discográfico. Mañá, venres 16, sairá en exclusiva en todas as redes dixitais, mentres que a edición física estará limitada a súa venda a través da páxina web da artista.

O certame Musicando Carvalho Calero suma 78 participantes

Xénero: Miscelánea | 29 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

A canle de Youtube do certame Musicando Carvalho Calero ten xa na rede as 78 cancións que participan desta iniciativa da AGAL e a Radio Galega. O concurso, que convidaba a lle pór música a poemas do autor homenaxeado no Día das Letras deste 2020, conseguiu a participación de nomes da nosa música como MJ Pérez, Acordeireta, Ukestra do Medio, Os Meninos, As Efémeras, A Banda da Loba, Ghaveta, Servando Barreiro ou César Morán entre moitos outros. Agora, fechado xa o prazo de participación, un xurado seleccionará dez temas finalistas sobre os que se elixirá, por votación popular, apeza gañadora.

Dequenvessendo debuta co Canto das xacias

Xénero: Folk | 17 / 9 / 2020

canto_xacias_dequenvessendo.jpg

Logo de catro anos de actividade, o grupo folk Dequenvessendo presenta o seu debut discográfico.Canto das xacias achega once tema de composición propia no que o grupo explora, mediante a confluencia de "sonoridades celtas, atlánticas e de raíz" a "lenda dos xacios ou xacias, os seres metade humanos e metade peixes que habitan, segundo o imaxinario popular, no fondo dos pozos e dos ríos galegos". O disco, editado por Xingra e producido por Mirmidón, chega logo do éxito dunha campaña de micromecenado.

A falta de apoio financeiro leva a suspender O Canteira Fest de Vilaboa

Xénero: Miscelánea | 11 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

Dende a Asamblea da Mocidade de Vilaboa, organizadora do Canteira Fest, veñen de comunicar cancelación do evento previsto na Canteira de Paredes para o vindeiro 18 e 19 de setembro. Segundo o comunicado feito público a decisión ven motivada fundamentalmente pola mala situación financeira para a súa realización unha vez que se coñeceu a contía da axuda concedida pola Deputación de Pontevedra no programa de subvencións a espectáculos de música e artes escénicas, que outorgou 3.150 euros dos 10.050 solicitados. Desde a organización lembran que este festival ten unha valoración total de 20.000 euros e que malia ter recadado unha suma importante das empresas patrocinadoras, precisaría "unha maior aposta pola cultura das institucións publicas". Por outra banda, desde a Asamblea apuntan tamén como un segundo motivo á responsabilización persoal que recaería sobre os mozos e mozas organizadores no caso que se dera un gromo de coronavirus no festival, con penas punitivas elevadas por parte da Xunta de Galicia.

Nace a Orquestra Galega de Liberación

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

Dezaseis músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación conforman a Orquestra Galega de Liberación. A formación constituída por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz, das músicas de vangarda e da performance preséntase este sábado no Auditorio de Galicia en Santiago cunha actuación de balde con reserva previa baixo as restricións de capacidade actuais. A orquestra está formada por Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo e dirección), Max Gómez (batería), LAR Legido (batería), Javier Pereiro (trompeta), Olivier Cano (saxo alto), Xosé Miguélez (saxo tenor), Diego Alonso (saxo tenor), Rosolino Marinello (clarinete baixo), Rubén Fernández (voz), Faia Díaz (voz), Antonio Bravo (guitarra), Manuel Cebrián (guitarra), Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo).

O Salón Teatro de Santiago celebra o seu centenario cun ciclo de concertos

Xénero: Miscelánea | 9 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

O Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG) da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) desde 1999, celebra o centenario da súa inauguración en 1920 retomando hoxe mesmo a actividade pública co inicio do programa musical Mércores de varanda,que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos. O gaiteiro Anxo Lorenzo será o encargado de abrir hoxe este cartel, que se desenvolverá todos os mércores ata finais de outubro e polo que pasarán en total seis grupos e artistas do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 (Anxo lorenzo, Claudia Abril, Emilio Rúa, Xoán Curiel, Susana Seivane, SÉS, Dequenvessendo) e dous convidados do ‘coworking’ de emprendemento musical organizado pola Fundación Paideia e a EOI Padrón (Hugo Franco e Sofía Espiñeira).. Estes Mércores de varanda darán comezo cunha pequena actuación de cada un dos artistas desde o balcón do Salón Teatro para continuar a actuación no escenario. A entrada é gratuíta, previa retirada no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo de cada actuación e ata completar a capacidade dispoñible de 60 persoas máximo que neste momento a Xunta de Galicia permite.

Os premios Rebulir recoñecen a Mercedes Peón e a Fina Calleja

Xénero: Miscelánea | 7 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

A súa "contribución a difusión e a renovación da música galega dentro e fora de Galicia" valeulle a Mercedes Peón facerse co Premio Rebulir 2020 na categoría musical. A Asociación Rebulir deu a coñecer a listaxe de persoas que recibirán este ano os seus galardóns na vindeira edición do Festival Rebulir prevista entre os vindeiros 17 e 20 de decembro en Ramirás. Canda a Peón, o xurado recoñeceu a Fina Calleja "pola súa traxectoria profesional no eido do teatro e audiovisual, e polo seu compromiso coa cultura de base, en, desde e para Ourense" co premio de Artes Escénicas. Finalmente, a Banda de Música de Vilanova dos Infantes recibirá o premio homenaxe "polo legado cultural na música popular" cando fai 160 anos de existencia.

O ciclo 'Camiño de Cantares' impulsa a publicación de dous libros-cd a presentar en nove concertos

Xénero: Antiga | 1 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

O novo ciclo musical 'Camiño de Cantares', levará á editar dous libros-cd que serán interpretados en concerto en espazos relixiosos de localidades polas que transcorre o Camiño de Santiago. O eixo desta iniciativa é a música vocal, tendo cabida propostas a capella e con acompañamento instrumental. Así mesmo, estas publicacións poñen o foco na música creada para o Apóstolo Santiago, que conta con historias do Camiño ou composta en localizacións xacobeas.As publicacións titularanse Libro de órgano da Catedral de Tui (séc. XVIII) e Libro III de Polifonía (séc. XVII- XVIII) e para contribuír á súa divulgación programáronse un total de nove concertos que se celebrarán en recintos sacros de Celanova, Santiago, padrón Tui, Melide, Ribadavia, Muxía e Oia.

Milladoiro homenaxeados en pedra e terra para a historia en Nigrán

Xénero: Folk | 25 / 8 / 2020

imaxe non dispoñible

No Concello de Nigrán, na parroquia de Chandebrito hai xa un sitio de recordo e unha dupla homenaxe para a formación folk máis senlleira do país. Co gallo do terceiro festival Chandefolk e o concerto do grupo Milladoiro o concello levou a cabo primeiro a reforestación con 40 especies autóctonas dun espazo de 7.000 metros cadrados en colaboración coa Comunidade de Montes, que quedou bautizado coma Bosque de Maeloc en recordo do primeiro disco de Milladoiro A Galicia de Maeloc editado fai xustamente 40 anos, o primeiro disco galego en editarse en Francia. Ademais diso no mesmo Outeiro descubriuse un monumento feito polo colectivo 'Arte no Queimado' que ademais do nome do grupo inclúe unha figura fde catro metros de altura feita con 40 cubos de granito da canteira de Chandebrito representando a acumulación de pedras amontoadas por romeiros e peregrinos que definen un milladoiro. O recoñecemento feito por parte do Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes ao grupo tivo especial mención nun dos ex-membros fundadores de Milladoiro, Antón Seoane, que é veciño da zona desde fai 20 anos. O propio Seoane xunto aos membros actuais da banda participaron da reforestación e inauguración do monumento.

O Festival da Luz tomará as leiras nunha edición especial dun só día

Xénero: Miscelánea | 19 / 8 / 2020

imaxe non dispoñible

Lonxe de desanimarse coas malas expectativas o Festival de la Luz de Boimorto ven de anunciar a celebración o vindeiro día 12 de setembro dunha edición especial. Os campos arredor da casa da cantante Luz Casal en Boimorto acondicionaranse para a Edición Leiras coa que o evento non quere deixar baleiro neste 2020. No formato que a organización ven de presentar entrarán 500 persoas, que se situarán nunha distribución por asentos de entre 2 e 10 persoas que son chamadas "leiras" e separadas entre sí na disposición do recinto. O cartel estará íntegramente conformado por artistas de moi diversos xéneros da escena musical galega, Eladio y los seres queridos, Terbutalina, Susana Seivane, BoyankA KostovA, Agoraphobia, Monoulious DOP e LAU. A recadación das entradas, sempre con carácter solidario, irá a parar á Cruz Vermella Galicia.

<< Inicio / Anterior . 241 a 250 de 1395 . Seguinte \ Fin >>