O certame Musicando Carvalho Calero suma 78 participantes
setembro 29, 2020
A canle de Youtube do certame Musicando Carvalho Calero ten xa na rede as 78 cancións que participan desta iniciativa da AGAL e a Radio Galega. O concurso, que convidaba a lle pór música a poemas do autor homenaxeado no Día das Letras deste 2020, conseguiu a participación de nomes da nosa música como MJ Pérez, Acordeireta, Ukestra do Medio, Os Meninos, As Efémeras, A Banda da Loba, Ghaveta, Servando Barreiro ou César Morán entre moitos outros. Agora, fechado xa o prazo de participación, un xurado seleccionará dez temas finalistas sobre os que se elixirá, por votación popular, apeza gañadora.
O fallo darase a coñecer o vindeiro 30 de outubro, e a composición gañadora recibirá un premio en metálico de 1.500 euros ademais de promoción, entrevistas e actuacións na Radio Galega e na TVG. O grupo ou solista que se impoña poderá tamén gravar o seu tema nos estudios da Radio Galega, a incluír un vídeo musical.