Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O 40 aniversario de Milladoiro celebrarse cunha xira galega como abandeirados do Xacobeo

A BANDA FARá ONCE CONCERTOS POR DIFERENTES VILAS ATA FINAIS DE ANO

O 40 aniversario de Milladoiro celebrarse cunha xira galega como abandeirados do Xacobeo

FOLK | outubro 20, 2020

imaxe non dispoñible

En 1980 publicábase o disco A Galicia de Maeloc (Ruada), o primeiro da banda folk Milladoiro causando unha gran admiración pola súa proposta e sendo o primeiro disco galego en editarse en Francia. A celebración deste 40 aniversario farase a través dunha xira da actual formación de Milladoiro, que os levará por ata dez vilas e unha cidade galegas desde este mesmo mes de outubro e ata fin de ano. Estes concertos formarán parte das accións de promoción do Xacobeo 2021, polo cal a formación presentou onte a xira na Cidade da Cultura de Galicia acompañada do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e do secretario xeral de Política lingüística, Valentín García. O conselleiro quixo poñer en valor a vinculación da banda coa iconografía xacobea e co Camiño de Santiago, elementos presentes na súa extensa discografía; así como o labor de incorporación á súa música de influencias da música irlandesa e do mundo celta. As citas musicais celebraranse nos concellos de Mos, O Pino, A Estrada, Ames, Tui, Monforte, Portas, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras e Sobrado dos Monxes. O 14 de novembro a formación estará na propia Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Esta efeméride da banda celebrouse tamén no verán na localidade pontevedresa de Nigrán cunha homenaxe á traxectoria do grupo en forma de un monumento feito polo colectivo 'Arte no Queimado' que ademais do nome do grupo inclúe unha figura de catro metros de altura feita con 40 cubos de granito da canteira de Chandebrito representando a acumulación de pedras amontoadas por romeiros e peregrinos que definen un milladoiro. Ademais levouse a cabo unha reforestación dunha extensa área de monte, agora bautizada coma Bosque de Maeloc.