Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A Asociación de Gaiteiros Galegos oponse ao ensino do modelo escocés nas novas escolas de gaitas da Deputación de Pontevedra

Xénero: Folk | 20 / 4 / 2005

imaxe non dispoñible

A Asociación de Gaiteiros Galegos mobilízase para evitar que as escolas de gaitas financiadas pola Deputación de Pontevedra sigan o modelo “escocés” da Banda de gaitas de Ourense. Os colectivos agrupados nesta asociación afirman que o convenio de creación de cinco escolas asinado pola Deputación coa Asociación Banda de gaitas provincia de Pontevedra por unha contía de noventa mil euros deixa de lado a outras asociacións culturais, institucións e escolas municipais que levan moitos anos traballando no ensino musical tradicional. O presidente da Deputación, Rafael Louzán xa negou que a intención destas escolas fose a de seguir o estilo escocés pero desde a Asociación de Gaiteiros Galegos manteñen as súas sospeitas e convocan para o sábado unha Asemblea multitudinaria no Teatro Principal de Pontevedra para expor o seu punto de vista.

Máis información en Galicia Hoxe
e no sitio da AGG

O músico Pablo Carpintero cédelle ao Arquivo Sonoro de Galicia a principal colección de música instrumental tradicional do país

Xénero: Folk | 14 / 4 / 2005

not_6088.jpg

Trescentas vinte e cinco horas de gravacións sonoras de gaiteiros e de cantos de reis, maioritariamente instrumentais. Esta é a extensión da colección que o músico Pablo Carpentero cedía onte ao Arquivo Sonoro de Galicia nun acto no que tamén estiveron presentes o coordinador deste organismo, Rodrigo Romaní e o xerente do Consello da Cultura Galega, Antonio Montero. Esta colección, produto dun longo traballo de recolleita por toda a xeografía do país, está considerada como a máis importantes de música instrumental de raíz, e foi xa catalogada polo propio músico. O Arquivo Sonoro iniciará agora os traballos de dixitalización deste material, que se agarda estean rematados no prazo dun ano.

Máis información no web do Consello da Cultura

O legado de Andrés Gaos, un dos principais compositores galegos corre o risco de acabar en Estados Unidos

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 2 / 2005

tem_5767.jpg

Foi un dos compositores galegos con maior produción. A súa obra pode encontrarse en CDs recompilatorios canda a nomes coma Schubert ou Dvorak. Forma parte do repertorio da Orquestra Sinfónica de Galicia. E, no entanto, a súa figura permanece no esquecemento e o seu legado corre serio risco de acabar fóra do noso país. A memoria de Andrés Gaos, emigrante, violinista e compositor, agarda unha oportunidade para ocupar un posto na memoria de Galicia.

A importancia da música para a construción da identidade centra a primeira xornada dos encontros “O Son da Memoria”

Xénero: Folk | 18 / 2 / 2005

imaxe non dispoñible

Os colectivos de galegos emigrados empregaron e empregan aínda a música como un elemento para construír a súa identidade no estranxeiro. Este proceso centrou a primeira xornada dos IV Encontros “O Son da Memoria” que organiza o Arquivo Sonoro de Galicia e que analizan a música na emigración. Na xornada de hoxe, ademais de abordar a situación da música galega en Cuba durante o primeiro terzo do século XX tratarase tamén a figura de Andrés Gaos, quizais o compositor galego que máis prestixio internacional acadou.

Máis información no web do Consello da Cultura e en La Voz de Galicia

Berrogüetto presenta en Compostela o seu vindeiro traballo, “DeSolaSons”

Xénero: Folk | 20 / 12 / 2004

not_5464.jpg

Música gravada con enerxía solar nas Illas Cíes para servir como banda sonora a un documental, onda novos temas integran o novo traballo de Berrogüetto. O disco, titulado “DeSolaSons”, preséntase o vindeiro día 22 en Compostela cun concerto enmarcardo no ciclo “Sons da diversidade”, no que o grupo contará co apoio sonoro da orquestra catalá Ségle XXI. Os compoñentes de Berrogüetto agardan que o CD estea nas tendas ao longo do ano 2005.

Máis información en La Voz de Galicia; en La Opinión e no web de Sons da Diversidade

O Conservatorio de Música Tradicional de Vigo presenta a primeira orquestra folk de Galicia

Xénero: Folk | 3 / 6 / 2004

imaxe non dispoñible

Cando se xunta a parte académica coa musical xorden cousas como "Son de seu". É a primeira orquestra folk de Galicia que recupera músicas tradicionais, actualizadas e arranxadas que contan cun timbre peculiar. Profesores e alumnos do Conservatorio de Música Tradicional traballan xuntos neste proxecto. Pasen e escoiten.

A gaiteira Susana Seivane presenta no Consello da Cultura Galega o seu novo traballo “Mares de Tempo”

Xénero: Folk | 5 / 5 / 2004

not_4459.jpg

Primeiro foi ela mesma (“Susana Seivane”), logo tivo “Alma de Buxo” e agora a gaiteira coruñesa acaba de sacar ao mercado “Mares de tempo”. No seu terceiro traballo recupera a esencia tradicional dos anteriores álbumes, pero avanza un paso máis ao ofrecer arranxos máis innovadores. “Mares de Tempo”, editado por Boa Music, é un CD-DVD que inclúe imaxes dos seus concertos e distintas citas internacionais, un making off e distintos momentos do proceso de gravación do disco.

O estadounidense Alan Lomax realizou as primeiras gravacións de música tradicional galega a comezos dos anos cincuenta

Xénero: Folk | 19 / 3 / 2003

imaxe non dispoñible

No duro inverno de 1952 chegaba a Galicia unha estraña parella. El era Alan Lomax, un home de arredor de 37 anos, ela Jeanette Bell, a súa axudante, el estadounidense, ela inglesa. Levaban xa desde o mes de xuño percorrendo a Península ibérica armados cuns estraños e voluminosos aparellos electrónicos. Vixiados constantemente pola Garda civil enfrontábanse a malos camiños, hospedábanse en aldeas sen electricidade e sen auga e sufrían o frío. A súa intención non era espiar o réxime franquista. Viñan recoller cancións.

O produtor musical e integrante de Mutenrohi Juan Carlos Fasero presenta o seu primeiro disco en solitario

Xénero: Nova era | 15 / 1 / 2002

not_7505.jpg

Juan Carlos Fernández Fasero é unha desas figuras ó redor das que xiran moitas das producións máis coñecidas do panorama musical galego, de feito xa tivo tres candidaturas aos Premios da Música que organizan a SGAE e a AIE. Por outra banda foi o produtor do traballo "Tolemia" de Cristina Pato, así como de Mutenrohi. Este músico, produtor e compositor presenta agora un traballo en solitario "Mar de Mares" (Zouma Records, 2001). Fasero amosa a súa capacidade de interpretación coa guitarra, mesturando o pop coa música celta e a chamada world music. O son que destila Mar de Mares amosa claramente as influencias de guitarristas míticos neste compositor como Mike Oldfield ou Carlos Santana, O músico fai con estes 10 temas un percorrido dende aqueles que nunca se atreveu a gravar ás propostas máis modernas e avanzadas dentro da world music. Como case sempre, os discos en solitario están cheos de colaboracións. No caso de "Mar de Mares" a Fasero o acompañan, ademais dos seus compañeiros do grupo Mutenrohi, Cristina Pato, nas gaitas, as cálidas voces de Laura Arbiol e Cristina Barriga, os violíns de Ricardo Mourente, e tamén os teclados de Juan de Dios. O disco foi gravado case integramente na "Casa de Tolos" por Segundo Grandío, e a produción artística correu a cargo do propio Fasero e de Grandío.

Fía na roca presenta en Contravento como novidade a incorporación da cantante Sonia Lebedynski

Xénero: Folk | 11 / 1 / 2002 + AUDIO

not_7504.jpg

Fía na roca presenta como principal novidade no seu terceiro disco, "Contravento" (Ceyba Music, 2001) a participación da nova cantora galega Sonia Lebedynski, incorporada como sétimo compoñente da formación, que estaba integrada por Xabier Bueno, Carlos Castro, Cris Gándara, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez. O disco contén doce pezas, sete saídas da tradición popular e as outras cinco composicións propias. Este disco ten no seu haber o galardón ao Mellor disco galego do 2001 por Radio Ecca e Segundo Mellor disco galego do 2001 segundo o xornal La Opinión. Ademais unha produción da televisión xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora da serie baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O diário de um mago", na cal relata a peregrinación que o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago. Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos desta serie interpretando o tema "Baile de Pandeiras" e entrevistándose coa estrela da televisión xaponesa Fumi Dan. Tamén durante a xira de presentación de Contravento, no verán de 2001, coincidiu a formación galega coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Das boas relacións que xurdiron entre eles resultou a gravación dun documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversario do grupo de Canadá. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a dúo un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.

<< Inicio / Anterior . 1371 a 1380 de 1395 . Seguinte \ Fin >>