Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O legado de Andrés Gaos, un dos principais compositores galegos corre o risco de acabar en Estados Unidos

GAOS, O MúSICO SILENTE

O legado de Andrés Gaos, un dos principais compositores galegos corre o risco de acabar en Estados Unidos

CLáSICA/LíRICA | febreiro 21, 2005

tem_5767.jpg

Foi un dos compositores galegos con maior produción. A súa obra pode encontrarse en CDs recompilatorios canda a nomes coma Schubert ou Dvorak. Forma parte do repertorio da Orquestra Sinfónica de Galicia. E, no entanto, a súa figura permanece no esquecemento e o seu legado corre serio risco de acabar fóra do noso país. A memoria de Andrés Gaos, emigrante, violinista e compositor, agarda unha oportunidade para ocupar un posto na memoria de Galicia.

Os IV Encontros O Son da Memoria, que organizou a pasada semana o Arquivo Sonoro de Galicia, foron testemuña da denuncia que Andrés Gaos Gillochon, fillo de Andrés Gaos, facía contra as institucións públicas galegas ante o esquecemento no que se encontra a figura do seu pai. A intención do depositario do legado deste músico de enviar as súas últimas obras inéditas e outro material á Biblioteca Musical de Washington provocou unha inmediata vaga de alarma entre os afeizoados á música e os coñecedores da importancia deste autor. O responsable do Arquivo Sonoro de Galicia, Rodrigo Romaní, amosou a súa confianza de que no futuro o legado deste músico coruñés poida quedar na súa terra natal.

A vida
Naceu na rúa do Orzán en 1874. Comezou a súa formación musical en Vigo, seguindo a tradición dunha familia que xa posuía varias tendas de música no noso país. Xa con once anos e ante as súas aptitudes como violinista, unha bolsa da Deputación da Coruña o envía a estudar a Madrid, e un ano despois a Bruxelas. En 1891, con dezasete anos, daba por acabada a súa formación e iniciaba unha longa xira europea de concertos por Europa. Catro anos máis tarde fai unha nova xira por Sudamérica e, seguindo a tendencia á emigración dominante na época, comeza a dar clase no conservatorio Williams de Buenos Aires. Logo de Casar con América Montenegro, tamén violinista, o matrimonio puxo en marcha en 1904 o Conservatorio Gaos, e acompañou ao célebre compositor Saint Säens na súa xira americana, voltando con el a París. Ata 1933 a vida de Gaos oscilou entre Buenos Aires e Europa, dedicado sempre á música. Ademais das diferentes xiras que realizou neste continente, entre as que destaca o concerto que ofreceu en Berlín co pianista portugués Viana da Motta, residiu oito anos no Sur de Francia. En 1933, xa casado en segundas nupcias, volta definitivamente para Buenos Aires, aínda que poucos anos despois é enviado polo goberno deste país a Francia dirixindo dous concertos de música Arxentina, entre as que estrea a súa obra "Impresión Nocturna", a máis coñecida da súa abondosa produción. Aínda que practicamente retirado da composición, continuaría traballando na música ata o final da súa vida, en 1959.

Pezas galegas
Canda a esta obra, Gaos foi autor de toda unha serie de pezas que van desde composicións para violín a piano, ata sinfonías ou óperas. A pesar do afastamento da súa terra non deixou de ao longo da súa carreira de dedicarlle ao noso país varias composicións ao longo da súa carreira. "Muiñeira para violín y piano", "Aires Gallegos" y "Nuevos ares gallegos" a sinfonía "En las montañas de Galicia" figuran entre as súas composicións máis destacadas. Entre as pezas con esta temática, chama a atención a romanza "Rosa de Abril", que só se coñeceu logo da súa morte, e que Gaos realizou sobre o texto do segundo poema de "Cantares Gallegos", sendo a súa única composición con letra en galego. Segundo destaca o fillo do compositor, Andrés Gaos Gillochon, o seu pai mantíñanse informado dos traballos doutros compositores do seu país. "Sempre estivo ao tanto das últimas composicións, tanto de autores galegos coma universais. El en Buenos Aires sempre adquiría as últimas partituras de autores coma Debussy, Ravel e outros grandes compositores e axiña os interpretaba o piano", explica.


As primeiras lembranzas
Foi cara ao final da súa vida cando o autor máis se relacionou coa colectividade galega na Arxentina, frecuentando o Centro Galego de Buenos Aires e iniciando novas obras de temática galega. Dun xeito semellante á comunidade emigrada, o seu país natal só lembraría a importancia deste autor uns anos despois da súa morte. Foi o director de orquestra vasco Rodrigo de Santiago quen iniciou o traballo de recuperación da memoria de Gaos. Gaos Gillochon lembra a importancia desta figura á hora de lembrar o seu pai. "Rodrigo de Santiago, que dirixía na Coruña a orquestra e banda sinfónica municipal, foi un dos primeiros impulsores da música de Gaos. Realizou investigacións, escribiu artigos e ata se tomou o traballo de transcribir para orquestra e estrear "Novos ares galegos", unha obra que orixinalmente fora composta para piano", sinala. Alén diso, foi o impulsor da iniciativa que deu o nome de Andrés Gaos a unha rúa herculina. Gaos fillo lembra tamén a importancia de Ramiro Cartelle á hora de recuperar4 a obra do seu pai en Galicia. "Cartelle é o autor da mellor biografía de Gaos, que figura na Gran Enciclopedia Gallega. Ademais presidiu durante anos a Asociación Musical Andrés Gaos, hoxe desaparecida. Con ocasión do centenario do nacemento do músico multiplicáronse as homenaxes en todo país na forma de abondosos concertos e conferencias. Mentres, da outra banda do Atlántico, a comunidade galega editaba dous discos que recollían a totalidade das obras galegas deste autor, gravacións que serían reeditadas en España da man do selo RCA pouco despois. As homenaxes continuarían anos seguintes anos, aínda que pouco a pouco voltou ao esquecemento a figura deste autor.

Gaos hoxe
O nacemento da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e doutras formacións musicais importantes, supuxo nun primeiro momento unha certa recuperación das obras de Gaos que se incorporaron esporadicamente ao repertorio de pezas destas orquestras. Deste xeito, a OSG chegou a gravar un CD de obras roqeustais de Gaos baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez. No entanto, segundo apunta o fillo do compositor, "ultimamente vexo que hai un certo desinterese na música de Gaos, que é un dos grandes compositores galegos. Por exemplo, a Orquestra Sinfónica de Galicia normalmente interpretaba nalgúns dos seus concertos a Sinfonía "En las montañas de Galicia", e ultimamente non a tocan." Gaos Gillochon reclama unha maior presenza de autores galegos nos repertorios das nosas orquestras "A OSG, que é notable e ten un director excelente, cando sae de xira non toca obras galegas. Parece que fosen a competir con outras orquestras e a demostrar o que vale, e iso está ben, mais deberían ter un pequeno espazo para incluír algunha obra representativa galega." Nos últimos dez anos pezas de Gaos teñen sido incluídas en escolmas de música clásicas publicadas polo selo BMG. Máis concretamente a "Impresión nocturna" apareceu en dous albumes onda pezas de Mozart, Schubert, Dvorak, Beethoven ou Chopin entre outras figuras universais da música clásica.

A reclamación
Gaos Guillochon aproveitaba o marco dos IV Encontros O Son da Memoria que organizou o Arquivo Sonoro de Galicia para reivindicar a memoria do seu pai no país natal do compositor. "Non é que eu estea resentido cos responsables de difundir a música de Gaos en Galicia, mais hai unha especie de indiferencia", explica. Como proba deste esquecemento destaca o feito de ter doado hai xa dez anos ao Concello da Coruña dous valiosos violíns que a institución se comprometera a conservar e a expor no Teatro Rosalía de Castro, onde Gaos realizou abondosos concertos. "Hai dez anos que os entreguei non sei nada destes violíns, non sei onde se encontran, e teño a intención de rescatalos", apunta. Ante estes problemas, Gaos Gillochon sinalou a súa intención de que legar á Biblioteca Musical de Washington o legado de Gaos que aínda queda nas súas mans. "Alí vai estar ben custodiado. Se no futuro novas xeracións de músicos galegos teñen interese nestas partituras poderán ir a Washington a fotocopialas. Eu o que quero é que a música de Gaos se difunda.", explica. Entre as pezas que anuncia que vai enviar a Estados Unidos está a Sinfonía Nº1 e a ópera "Amor Vedado", da que Gaos creou tanto a música coma o texto e que nunca foron editadas. Alén deste material, o fillo de Gaos conta con tres películas caseiras nas que se pode ver o seu pai interpretando ao violín e ao pianos, alén doutro violín, fotografías, correspondencia e outras obra menores tamén inéditas. Tócalle agora ás institucións mover peza e tentar convencer o herdeiro deste autor de que o país que veu nacer a Gaos é capaz tamén de gardar a súa memoria.