Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Os Diplomáticos emprenden a súa xira de despedida logo de quince anos de actividade

Xénero: Pop | 14 / 6 / 2005

not_6404.jpg

O grupo por excelencia do rock bravú despídese logo de quince anos de actividade. Os Diplomáticos de Monte Alto iniciarán no vindeiro festival de Ortigueira, o día dez de xullo, a súa xira de despedida, que rematará o vindeiro mes de setembro na Coruña logo de percorrer boa parte do país.

Máis información en Vieiros

Leilía distribuirá o seu novo disco Son de Leilía exclusivamente en Internet

Xénero: Folk | 13 / 6 / 2005

not_6398.jpg

O grupo Leilía demostra unha vez máis a modernidade da súa proposta coa distribución exclusiva a través da rede do seu novo disco. As pandeireteiras composteláns presentarán neste traballo, de nome “Son de Leilía” como o espectáculo que veñen facendo en directo, unha recompilación de temas inéditos da formación en colaboracións en discos colectivos que non se chegaron a distribuír en España, temas de bandas sonoras e colaboracións con outros músicos e grupos. O disco estará dispoñible na rede a mediados de xullo. O grupo ten actualmente no seu sitio web o tema “Mil camiños” dispoñible para a súa descarga de balde.

Máis información en La Voz de Galicia
e no sitio web de Leilía

Un acordo pon fin á “guerra das gaitas” que enfrontaba a Asociación de Gaiteiros Galegos coa Deputación de Pontevedra

Xénero: Folk | 7 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

Semella que desta vez si. Logo do anterior amago de acordo, e de numerosas reunións, o delegado de cultura da Administración Provincial, José Juan Durán e o representante da Asociación de Gaiteiros Galegos, Santiago Caneiro, anunciaban onte o acordo que pon fin á chamada “guerra das gaitas”. O pacto consiste nun convenio que asinarán en breve as dúas partes polo que a Asociación de Gaiteiros Galegos creará unha escola de música tradicional dentro da que se integrarán os polémicos cursos da Asociación de Bandas de Gaitas da Provincia de Pontevedra que foran a base da confrontación ao empregar gaitas escocesas. O proxecto, que conta cun orzamento de cen mil euros, porase en marcha o vindeiro mes de outubro.

Máis información en Diario de Pontevedra; e nos nosos arquivos

A discográfica Ouvirmos recupera gravacións do principal gaiteiro da emigración galega

Xénero: Folk | 6 / 6 / 2005

not_6361.jpg

Un dos gaiteiros máis destacados da historia da música galega, Manuel Dopazo, desenvolveu toda a súa carreira na emigración a partir dos anos da posguerra. Agora, unha selección de dezaoito temas recuperados de antigos discos comerciais, está a disposición do público grazas á colaboración entre a discográfica Ouvirmos, especializada na recuperación de gravacións antigas, e do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O pasado venres a sede desta institución en Compostela acollía a presentación do CD que permitirá coñecer no noso país a obra deste intérprete.

Máis información en El Correo Gallego e en La voz de Galicia e no web do Consello da Cultura

O Festival Internacional de Ortigueira presenta o programa logo de ser declarada festa de interese turística internacional

Xénero: Folk | 2 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

O Festival Celta de Ortigueira preséntase máis forte que nunca. Non só porque recupera os catro días de evento, senón porque desde o pasado mes de abril foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional. Pero esta edición, a vinte e unha, é especialmente significativa porque renderá unha homenaxe á Galicia exterior, terá como invitada a música mediterránea e será un punto de encontro para todo aquelo que leve a etiqueta celta. As citas: do 7 ao 10 de xullo.

Máis información en La Voz de Galicia enEl Progreso e no seu web

O Coro Lonxe da Terra do Centro Galego de Barcelona presenta o CD Froita Madura

Xénero: Coral | 2 / 6 / 2005

not_6345.jpg

En activo desde 1934, a formación coral Lonxe da Terra da emigración galega en Cataluña leva con este catro traballos editados, o primeiro deles a banda sonora da película "Niebla al sol" en 1952. Nun acto celebrado o domingo 29 de maio no CGB presentouse esta gravación, "Froita madura", de catorce temas divididos en catro bloques temáticos: Terra, Mar, Ar e Alén. Nestas categorías insírense cinco obras do músico Ángel Barja (Ourense, 1938 - León, 1987); cantigas dos trobadores medievais (obras de Xohán de Requeixo, Don Dionís, Martín codax e Mendinho); unha obra de Roxelio Groba; arranxos corais sobre obras de Lennon/McCartney, James Hudson/Robert Sund, e un espiritual negro; unha peza tradicional raiana de Galicia, León e Asturias; e a popular "brincando no ar". As imaxes do libreto que acompaña ao disco son do pintor noiés Alfonso Costa e mailo fotógrafo Fco. Javier Alonso Peláez. Na presentación interviron Luis Lamas, presidente do CGB, César del Caño, director do coro, Xosé Aviñoa, Catedrático de Musicoloxía da UB, Basilio Losada, Catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da UB e Alfonso Costa, pintor.

Máis información no Centro Galego de Barcelona

Un volume recompila a música tradicional composta e interpretada polos músicos de A Limia

Xénero: Folk | 23 / 5 / 2005

imaxe non dispoñible

“Catálogo de músicos da Limia” é o título que recompila a música popular que veciños anónimos e cunha formación autodidacta contribuíron a crear o patrimonio musical. O volume é froito de dez anos de traballos coordinados por Castor Castro no que se pretendeu unha recompilación exhaustiva tanto das partituras, como dos instrumentos como dos músicos que tocaban. É a segunda publicación do Museo de A Limia, dentro do seu obxectivo de recuperar e por en valor a cultura da comarca.

Máis información en La Opinión e en La Región

A subvención da deputación de Pontevedra á Banda de Gaitas volve a enfadar á Asociación de Gaiteiros

Xénero: Folk | 9 / 5 / 2005

imaxe non dispoñible

O chamado conflicto das gaitas ten un novo capítulo. A Deputación de Pontevedra vén de conceder unha subvención por importe de 90.000 euros para a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra. Un feito que vén de alimentar o lume entre a entidade e a Asociación de Gaiteiros que acusa de fomentar a penetración da gaita escocesa no noso país. No comunicado remitido polos gaiteiros cuestiónase que esa partida “sexa o camiño axeitado para o ensino da música tradicional”. O novo comunicado chega logo de que os gaiteiros romperan coa tregua pactada hai dúas semanas.

Máis información na edición de hoxe de La Opinión e sobre o conflicto na nosa hemeroteca

Nace en Vigo un festival que dedicará quince días a encher de Jazz europeo Vigo

Xénero: Jazz/Blues | 2 / 5 / 2005

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional de Jazz de Vigo, "imaxina Sons", nace coa intención de cubrir un baleiro e satisfacer a demanda respecto ao ámbito europeo do Jazz, intentando mostrar tendencias descoñecidas desta música no noso país que no resto de Europa si están presentes. Trátase principalmente de dar información sobre o Jazz actual do noso entorno: dende Galicia, ata España e Europa. Este festival desenvolverase desde o 16 de xuño ata o 3 de xullo e conta cun orzamento de 300.000 euros achegado polo Concello e Caixanova. O músico Baldo Martínez ocupa o posto de director artístico do evento. O festival desenvolverá os seus obxectivos a través de diversas actividades alén dos concertos en teatros e auditorios. Haberá Jazz na rúa, actuacións nocturnas en locais, exposicións, mesas redondas, debates, conferencias e clases maxistrais.

Máis información e programa no Xornal do Concello de Vigo

A metamorfose de Doa en Cantigalia inclúe a Rosa Cedron no proxecto musical

Xénero: Folk | 20 / 4 / 2005

not_6130.jpg

A incertidume sobre o futuro da ex-Luar na lubre, Rosa Cedrón, xa rematou coa última nova que a sitúa como parte dun novo grupo de nome Cantigalia xunto aos membros de Doa. Cedrón deixou en xaneiro Luar na lubre despois de nove anos nesa formación para “facer algo diferente”. Cantigalia supón unha aposta pola música folk medieval na que a cantante traballará xunto aos membros de Doa, un grupo que se creou nos anos setenta e que aínda seguía en activo. Os veteranos músicos Xoán Piñón, Bernardo Martínez e Xaquín Blanco fornecen a formación coa voz e o violonchelo de Cedrón buscando a interpretación anovadora da música popular e medieval.

Máis información en El Ideal Gallego

<< Inicio / Anterior . 1361 a 1370 de 1395 . Seguinte \ Fin >>