Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Xosé Lois Romero publica a BSO de 'Manuela Rey is in da house'

O DISCO 'A MULHER LYRIO' REúNE AS OITO PEZAS CREADAS POR ROMERO PARA A OBRA TEATRAL

Xosé Lois Romero publica a BSO de 'Manuela Rey is in da house'

BSO | maio 16, 2024

Portada - A mulher lyrio.jpg

O músico Xosé Lois Romero participaba recentemente sobre as táboas como un integrante máis do elenco da obra teatral 'Manuela Rey is in da house', un espectáculo creado en coprodución polo Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional Dona Maria II, o Teatro Nacional São João, e o Teatro do Noroeste –Centro Dramático De Viana. Ademais diso o artista foi o compositor de oito pezas orixinais que conforman a banda sonora do espectáculo, algunha das cales se interpretan en directo durante o mesmo e que agora son publicadas de xeito conxunto.

A montaxe teatral buscou recuperar a memoria de actriz e escritora galego-portuguesa Manuela Rey, coñecida como "a mulher lyrio", que triunfou na escena lisboeta de mediados do século XIX, morreu aos 23 anos sendo unha estrela e desapareceu da historia do noso teatro. Nas oito pezas que Romero creou e agora ven a luz en todas as plataformas dixitais da man de Raso estudio baixo o título de "A mulher lyrio", o músico buscou transmitir o espírito transversal e moderno que representou Manuela Rey, en cancións que coquetean coa electrónica, o hip-hop, o fado, o folclore galego, o tango ou a música incidental, amosando a versatilidade e amplitude de miras de Romero. Para este fin Xosé Lois Romero contou coas colaboracións de Rafaela Sá, Raquel Crespo ou Teresa Vieira, coas que comparte tamén o elenco teatral, e que executan as voces nalgunhas das cancións. O singular proxecto foi gravado, mesturado e masterizado por Rubén Montes en Disquesí Estudio, de Oza-Cesuras.

datos do disco